Tellado: “O emprego en Galicia aguanta mellor que no Estado malia a pandemia e o trato inxusto do Goberno no reparto de fondos”

06
Abr

Tellado: “O emprego en Galicia aguanta mellor que no Estado malia a pandemia e o trato inxusto do Goberno no reparto de fondos”

O secretario xeral resalta que a prioridade é manter o maior número de postos de traballo posibles apoiando aos nosos sectores económicos

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, manifestou que o emprego en Galicia resiste mellor que no conxunto do Estado malia os efectos da pandemia e a pesar do trato inxusto do Goberno central no reparto de fondos ás Comunidades.

 

Tras coñecerse as cifras de paro de marzo, o número dous dos populares galegos recoñeceu que a máxima preocupación da Xunta nestes momentos  é manter o maior número de postos de traballo posibles, algo para o que continuará apoiando aos nosos sectores económicos. Así, a prioridade da Administración autonómica é rematar os pagos das axudas do segundo Plan de rescate mentres segue actuando con medidas de choque para estimular o consumo e traballa para activar o antes posible un terceiro Plan de rescate.

 

De feito, explicou que o Goberno galego xa está deseñando este Plan xunto aos autónomos e aos axentes sociais para poder tramitalo “en canto o Executivo de Sánchez decida transferir os fondos ás Comunidades”. Nese senso, lamentou que os socialistas fixesen caso omiso ás Autonomías cando solicitaban algo tan lexítimo como un reparto xusto destes cartos, afirmando que, de ser así, Galicia melloraría aínda máis os datos de emprego do conxunto de España.

 

“Esperamos que os membros do Goberno central deixen de perder o tempo discutindo entre eles e se centren no que realmente urxe, que é axudar ás empresas e autónomos deste país”, dixo esixindo que o diñeiro chegue canto antes.

 

Pola contra, subliñou o labor da Xunta, que xa mobilizou en catro meses, a través de dous plans de rescate, máis de 160 millóns de euros en axudas directas ás actividades máis afectadas pola pandemia. “Se é necesario seguiremos sacando os plans de rescate que sexan precisos para acompañar ás restricións sanitarias”, remarcou.

 

MENOS PARO QUE AO INICIO DA PANDEMIA

Tellado puxo en valor que hoxe teñamos 10.910 parados menos que ao inicio da pandemia -abril de 2020- e resaltou que, na evolución mensual, rexistremos a maior caída da serie histórica cunha redución do 2,43%. Cómpre apuntar que somos a segunda Comunidade con maior descenso, cunha baixada maior que a do Estado de case un punto de diferenza.

 

O secretario xeral tamén celebrou o aumento das afiliacións e das cotizacións e destacou o crecemento da contratación, cuxo ritmo é moi superior ao do conxunto de España con máis de 10,2 puntos de vantaxe - a indefinida crece nun 63,7%, triplicando este ritmo de subida ao reflectido na temporal, e a de tempo completo sube nun 20,16%-. 

 

De igual xeito, con respecto ao mes anterior, o desemprego cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e en todos os tramos de idade mentres, na evolución anual, a nosa Autonomía continúa en niveis de paro inferiores a hai 12 anos e tamén rexistra un aumento na contratación.

Comparte: