O Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central axilice o traspaso dos fondos para autónomos e empresas, e modifique os criterios de reparto para non prexudicar a Galicia

06
Abr

O Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central axilice o traspaso dos fondos para autónomos e empresas, e modifique os criterios de reparto para non prexudicar a Galicia

Santiago, 6 de abril de 2021.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana ao Goberno de España máxima urxencia na tramitación e sinatura do convenio coa Xunta para a transferencia dos fondos derivados do Real Decreto-Ley de apoio á solvencia empresarial en resposta á pandemia da Covid-19, ao tempo que modifique os criterios de reparto para que non penalice á Comunidade galega. Así mesmo, volverase esixir ao Goberno central o encargo da construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol.

 

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a orde do día da sesión plenaria inclúe as comparecencias, a petición propia, do conselleiro do Medio Rural, para informar das previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento, e actuacións en relación coa evolución da Covid-19; e do conselleiro de Sanidade, para dar conta da campaña de vacinación contra a Covid-19.

 

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará que o Goberno central axilice a transferencia á Comunidade galega dos fondos derivados do Real Decreto-Ley de axudas para autónomos e empresas, de xeito que se consiga unha maior rapidez na súa distribución aos destinatarios e eficiencia.

 

UN MÍNIMO DE 340 MILLÓNS DE EUROS

 

Esta proposición non de lei tamén demanda que se modifiquen os criterios de reparto destes fondos para que non se penalice á Comunidade galega, levándose a cabo conforme ao sistema de financiamento autonómico e á porcentaxe de persoas traballadoras autónomas existentes en Galicia. Deste xeito, a achega realizada a Galicia sería como mínimo de 340 millóns de euros.

 

Ademais, pídese que se amplíen os sectores afectados pola pandemia beneficiarios destas axudas que aparecen recollidos no Real Decreto-Ley; se reconsideren os requisitos de xustificación dos gastos previstos; e se revise o criterio de exclusión destas axudas a aquelas empresas que conten cun resultado negativo dun só ano.

 

O Grupo Popular volverá insistir no Pleno da vindeira semana na esixencia para que o Goberno de España proceda ao encargo da construción dun buque de acción marítima (BAM) para a Armada Española no estaleiro de Navantia na ría de Ferrol, de xeito que se dote de carga de traballo inmediata tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar.

 

Por outra banda, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo balance dos dez anos desde a inauguración da Cidade da Cultura; polos proxectos previstos para mellorar o saneamento no concello de Vilagarcía de Arousa; e sobre o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno de España contra a modificación da Lei de saúde de Galicia.

 

VIOLENCIA VICARIA

 

Para rematar, Pedro Puy avanzou a toma en consideración no Pleno da proposición de lei de modificación da Lei galega 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que se recoñeza como vítimas de violencia de xénero aquelas mulleres nais que teñen ou tiveron que padecer o homicidio ou asasinato dos seus fillos por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con elas unha relación de afectividade aínda que sen convivencia.

 

“Estamos a falar dunha das cuestións que o propio Presidente da Xunta e a portavoz do BNG acordaron na súa reunión que se impulsaría no Parlamento galego”, sinalou o portavoz do Grupo Popular, quen salientou que Goberno galego “xa leva varios anos apoiando ás nais que sofren violencia de xénero a través dos seus fillos”. Neste sentido, incidiu que “compartimos que a lei recolla a violencia vicaria, con independencia de que os efectos prácticos desta modificación da Lei sexan irrelevantes porque o Goberno galego xa está axudando”.

Comparte: