O Grupo Popular critica que “o BNG sexa o mellor aliado da errática e contraditoria política enerxética do Goberno de Pedro Sánchez”

08
Abr

O Grupo Popular critica que “o BNG sexa o mellor aliado da errática e contraditoria política enerxética do Goberno de Pedro Sánchez”

Santiago, 7 de abril de 2021.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, criticou hoxe no Parlamento galego que “o BNG sexa o mellor aliado da errática e contraditoria política enerxética do Goberno de Pedro Sánchez que está a provocar que as empresas pechen ou abandonen Galicia e España”. Deste xeito, no debate dunha proposición non de lei sobre a situación da empresa Xallas Electricidad y Aleaciones (XEAL), demandou que “se aos nacionalistas galegos lles preocupan realmente os traballadores desta empresa, pidan ao Goberno de España que rectifique esta política enerxética, que está deixando a un lado a industria e está poñendo nunha situación verdadeiramente complicada os empregos industriais”.

Miguel Tellado subliñou que “o verdadeiro problema de XEAL é o mesmo que padecen outras empresas como Aluibérica ou Alcoa e todas as industrias electrointensivas que dan emprego a máis de 5.000 persoas en Galicia: o Goberno de Pedro Sánchez”. “O Estatuto para os consumidores electrointensivos aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez recorta os apoios ás empresas galegas, xa que responde a un criterio territorial e non a unha verdadeira aposta pola industria”, indicou.

 

“Os grandes consumidores de enerxía non encontrarán resposta neste estatuto á súa solicitude de establecer un prezo eléctrico que lles permita competir en igualdade de condicións con outros países europeos”, lamentou o viceportavoz popular, quen apuntou que “Galicia perde unha vez máis con este estatuto, saíndo prexudicada fronte a outros territorios ao incrementarse o número de posibles empresas beneficiarias de 120 a máis de 600”.

 

CUMPRIMENTO DA LEXISLACIÓN

 

Respecto da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Tellado lembrou que “da a razón á Xunta e ratifica a tramitación administrativa que se levou a cabo”. Así, incidiu que “esta resolución evidencia o compromiso do Goberno galego co cumprimento da lexislación, impedindo a segregación da actividade das ferroaliaxes e da produción de enerxía a través das centrais hidráulicas”.

 

“A posición da Xunta de Galicia non mudou desde o primeiro día: a prioridade segue sendo velar por que o presente e futuro das instalacións de Cee-Dumbría pase polo mantemento da actividade, o que supón a mellor maneira de garantir os postos de traballo”, asegurou.

 

CUESTIÓNS DE ÚLTIMA HORA

 

Para rematar, Miguel Tellado lamentou que o BNG rexeitara a votación por puntos da súa iniciativa parlamentaria, “logo de incorporar a última hora cuestións que, no mellor dos casos, indican descoñecemento, e no peor, a intención de enganar aos galegos”. En concreto, explicou que o plan de viabilidade de XEAL non é unha obriga establecida da concesión e a Xunta non tivo nada que ver nos acordos comerciais entre o Grupo Ferroatlántica-FerroGlobe e TPG-Ithaka.

 

“Os nacionalistas galegos non buscan acordos, porque o seu verdadeiro obxectivo non é outro que desviar a atención do verdadeiro problema de XEAL: o ataque do Partido Socialista á nosa industria electrointensiva e a complicidade do BNG neste axunto”, rematou.

Comparte: