O PARLAMENTO APROBA A INICIATIVA DO PPDEG PARA CONMEMORAR O CUARTO CENTENARIO DO PASAMENTO DE CERVANTES E HOMENAXEAR AO SEU MECENAS O VII CONDE DE LEMOS
· Ademais, Rodríguez dixo que o VII Conde de Lemos “é unha figura que ten relevancia polo seu legado cultural e histórico, por ser defensor do voto en Cortes de Galicia e por terse comprometido co desenvolvemento de actividades industriais”
Santiago, 5 de febreiro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a impulsar e acompañar as principais iniciativas culturais que se realicen en Galicia para a conmemoración en 2016 do cuarto centenario do pasamento de Miguel de Cervantes, así como render unha homenaxe ao seu mecenas o VII Conde de Lemos. A deputada Julia Rodríguez salientou que “se trata de facer un recoñecemento de ambas figuras e poñer en valor o importante vínculo que une á un dos autores mais destacados da literatura universal, Miguel de Cervantes, con Galicia”.
Julia Rodríguez lembrou que o VII Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, “é unha figura notable da historia e a cultura de Monforte, pero que transcende do ámbito local, para tomar relevancia en toda Galicia, non so polo legado cultural e histórico que deixou senón tamén por ter sido defensor do voto en Cortes de Galicia e por terse comprometido co desenrolo de actividades industriais encamiñadas a beneficiar os galegos da época, como a manufactura téxtil da seda ou a introdución do millo en Galicia”.
“Ademais, o VII Conde de Lemos, actuou como mecenas de importantes escritores do século de ouro, garantindo así a publicación de obras notables daquela época”, sinalou a deputada popular.
Un deses escritores foi Miguel de Cervantes, que dedicou unha boa parte das súas obras, entre elas, a segunda parte do Quixote, ao VII Conde de Lemos, con quen o escritor mantivo unha intensa relación ata os seus derradeiros días de vida.
PERSOEIRO POLIFACÉTICO
Ao longo deste ano 2016 conmemóranse os 400 anos da morte de Cervantes. “É esta unha boa ocasión para recoñecer a un persoeiro tan polifacético e destacado da historia e a cultura de Galicia, e, sobre todo, para poñer en valor o importante vínculo que une a un dos escritores mais importantes da literatura universal, Miguel de Cervantes, con Galicia”, manifestou Julia Rodríguez.
O Grupo Popular aceptou, ademais, a emenda do BNG para que a Xunta impulse medidas para o coñecemento da figura do VII Conde de Lemos e a súa influencia na sociedade do seu tempo, así como a importancia dos cargos que desempeñou e a súa relación coa cultura e coa Historia de Galicia.