Feijóo afirma que o PPdeG traballa por ampliar a confianza maioritaria dos galegos

O presidente do PPdeG participa no congreso provincial do PP de Ourense, onde José Manuel Baltar volveu renovar a confianza do partido na provincia

Feijóo sinala que o PPdeG traballa por ampliar a confianza maioritaria dos galegos con autocrítica, renovación e as persoas no centro 

Lembra que o PP ten que buscar sempre a vitoria dunha maioría ampla e estable que permita a gobernabilidade do país, ante as minorías que non aceptan a derrota e para as que o seu país é algo secundario

Sinala que nin a opinión de Pedro Sánchez, nin a de Albert Rivera, nin a de Pablo Iglesias vale máis que a dos 7,3 millóns de españois que lle deron a maioría ao PP

Ourense, 5 de marzo de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que o PPdeG traballa por ampliar a confianza maioritaria dos galegos con autocrítica, renovación e coas persoas no centro.  
Así se expresaba o dirixente popular na clausura do congreso provincial do PP de Ourense, onde aproveitou para felicitar a José Manuel Baltar e á súa candidatura pola vitoria acadada e pola honra que supón presidir un partido gañador, que está activo e en movemento.
Como lembrou Feijóo, esta semana cumpríronse sete anos da vitoria electoral nas autonómicas en 2009. Con respecto a isto, destacou que o que gañou esas eleccións non foi o candidato, senón o esforzo, traballo e a renovación de todo o partido coa súa militancia.
Deste xeito, sinalou que agora o partido volve a equiparse para as súas vitorias do futuro e ten que facelo como en 2005, con autocrítica, esixíndose máis e con traballo e esforzo.
Nesta liña, Feijóo destacou que este ano haberá unhas autonómicas para as que parece que Podemos ten présa, xa que ten medo de que canto máis tempo pase máis se coñeza a súa inoperancia, e quizáis tamén haxa outras xerais porque a irresponsabilidade de Pedro Sánchez deixou o futuro deste país nas mans do partido de Pablo Iglesias.
O PP TEN QUE BUSCAR SEMPRE A MAIORÍA
O presidente dos populares galegos afirmou que o PP ten que buscar sempre a vitoria dunha maioría ampla e estable que permita a gobernabilidade do país, ante as minorías que non aceptan a derrota e para as que o seu país é algo secundario, porque eles teñen que ser os protagonistas.
Segundo Feijóo, o seu ego lévaos a facerse crer que son estrelas cando deberían ser servidores humildes. Por iso, cre que durarán o que dura unha estrela fugaz e acabarán estrelados como Pedro Sánchez esta semana, que fracasou nas eleccións pero se emperrouse en ter o seu momento de gloria buscando un goberno de fracaso.
Neste senso, o líder do PPdeG criticou que o socialista fíxolles perder o tempo aos cidadáns e agora non debería intentar arrastrar o seu país ao seu fracaso persoal.
Como engadiu, nin a opinión de Pedro Sánchez, nin a de Albert Rivera, nin a de Pablo Iglesias vale máis que a dos 7,3 millóns de españois que lle deron a maioría ao PP. 
Por iso, Feijóo pediu que deixen de crerse por riba dos españois, posto que nin os defenden a eles nin aos seus votantes, senón que o único que defenden é o seu interese persoal e non vale máis o que ven nun espello que o que ven nas urnas.
CONFIANZA
O líder dos populares galegos lembrou que non son o primeiro partido de España, de Galicia e de Ourense por casualidade, senón porque traballan as vitorias para obter resultados que beneficien ao conxunto dos cidadáns.
De feito, desde aquel 1 de marzo de 2009, agora baixa o paro, soben as afiliacións á seguridade social, crece a economía, hai máis innovación e máis exportacións que nunca, hai máis confianza de consumidores e emprendedores, hai menos impostos, hai máis responsabilidade económica e hai seguridade nas prestacións sociais.