Feijóo pide dar o máximo ante os que queren para aquí o que non lles vale para España

A Coruña, 12 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao seu partido dar o máximo polos galegos ante aqueles que, incapaces de chegar a un acordo no país, din que non habería problemas para xuntarse en Galicia. "Polo tanto quere para nós o que non lles vale para España", di. Así, preguntabase por que queren para aquí o que non aceptan para o resto do Estado.
Deste xeito se expresaba o líder popular na clausura do XV Congreso Provincial do PP de A Coruña, onde acompañou ao novo presidente da provincia, Diego Calvo, do que salientou o traballo e esforzo que realizou durante a súa candidatura, así como a súa xuventude e experiencia. 
O presidente tamén recordou ao seu antecesor no cargo, a Carlos Negreira, do que puxo en valor o seu carácter gañador “que soubo contaxiar a toda a militancia”, a súa cercanía e a súa capacidade de traballo. Por último, apuntou que "o PP da Coruña pode poñerse retos difíciles porque está acostumado a acadalos", lembra.
FUTURO DESPEXADO FRONTE INOPERANCIA
Na súa intervención, o máximo mandatario do PPdeG subliñou que hoxe Galicia volve crecer, posúe unhas contas públicas rigorosas e útiles, crea emprego, innova e exporta máis que nunca, e ten menos impostos, chegando incluso a non pagar polo de Sucesións. 
Aínda que tamén asumiu que queda camiño por diante, Feijóo apuntou que a nosa comunidade está superando as dificultades e ten hoxe moito máis futuro.
Nese sentido, manifestaba que, cando xa por fin estamos saíndo da irresponsabilidade socialista, hai que seguir avanzando e non caer no disparate chavista que propón Podemos. Para o presidente, fomos coñecendo a súa admiración por ideoloxías pasadas e rexímenes fracasados.
O dirixente popular dixo que, se ben Podemos fai cousas moi ben como buscar o protagonismo, protestar ou presumir, “gobernar gobernan moi mal”. Como mostra disto, Feijóo lembrou que non son quen nin de tapar os baches que son cada vez máis difíciles de sortear nas cidades galegas onde gobernan. Ademais, apuntou que neses baches poderá caer o PSOE e mesmo enterrar nelas o seu futuro, pero Galicia non. 
Feijóo incidiu en que, pese a ser o partido máis votado, os populares non se conforman e deben dar sempre máis, engadindo que iniciaron unha renovación de actitudes, de ideas e de equipos que ten ás persoas no centro, sendo esta a senda pola que continuarán.
“Nada do que conseguimos estes anos foi sinxelo pero fomos quen de acadalo”, dicía Feijóo ao tempo que aseveraba que, do mesmo xeito, conseguirán o que aínda teñen por diante. “Este partido precisa de cada un dos seus afiliados e Galicia precisa deste partido”, sentenciou.