GPP critica a demagoxia da oposición ao respecto dos concertos coa sanidade privada


O GRUPO POPULAR SALIENTA QUE OS CONCERTOS COA SANIDADE PRIVADA REDUCÍRONSE UN 8,9% DESDE 2009 FRONTE AO INCREMENTO NUN 45,49% NOS CATRO ANOS DO GOBERNO BIPARTITO

·    Rodríguez-Vispo criticou a demagoxia da oposición cando “nos acusan de que existan as listas de espera en Galicia, como si só as houbera nas comunidades gobernadas polo Partido Popular”

Santiago, 29 de marzo de 2016.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo salientou hoxe que os concertos coa sanidade privada en Galicia reducíronse desde o ano 2009 un 8,69 por cento, fronte ao incremento nun 45,49 por cento nos catro anos do Goberno bipartito. “Vostedes cando gobernan fan unhas cousas e cando están na oposición din outras, fronte ao Partido Popular que facemos o que dicimos e dicimos o que facemos”, sinalou.

Rodríguez-Vispo fixo referencia ao informe Austeridad y privatización sanitaria en época de crise: ¿existen diferencias entre las comunidades autónomas?, elaborado por investigadores da Universidade do País Vasco, no que se pon de manifestou que Galicia reduciu nos últimos anos a contratación coa sanidade privada e elevou a ratio de camas públicas.


DATOS DA OPOSICIÓN NON CONCORDAN COA REALIDADE

“Parece que estes datos non concordan moito co que a oposición di do Goberno de Feijóo, acusándoo de privatizar a sanidade galega”, manifestou a deputada popular, quen apuntou que no mesmo informe se indica que a ratio de camas públicas por cada cama privada en Galicia é das máis altas do Estado.

Na súa intervención, Marta Rodríguez-Vispo tamén recolleu os datos do último informe sobre privatización sanitaria elaborado pola Asociación para a Defensa da Sanidade Pública, que sitúan a Galicia no undécimo lugar en gasto en concertos privados.

A deputada popular criticou a demagoxia da oposición cando “nos acusan de que existan as listas de espera en Galicia, como si só as houbera nas comunidades gobernadas polo Partido Popular”. “Os recursos son limitados e para xestionar as listas de espera dun xeito eficaz se fai a derivación de pacientes a centros privados para que se lles realicen probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas, algo que se realiza en todos os sistemas sanitarios públicos de España independentemente da súa cor política”, apuntou.

Neste sentido, Marta Rodríguez-Vispo salientou que o actual Goberno galego está a incrementar o número de quirófanos “ampliando hospitais, como os de Salnés, Ourense ou A Coruña, ou construíndo novos hospitais públicos, como o de Vigo”. “E vostedes protestan por este aumento de recursos, a verdade é que non se entende”, sinalou.

O Parlamento aproba a última das cinco normas do programa de impulso democrático


O PARLAMENTO APROBA A LEI DE ASISTENCIA XURÍDICA DA ADMINISTRACIÓN, A ÚLTIMA DAS CINCO NORMAS DO PROGRAMA DE IMPULSO DEMOCRÁTICO ANUNCIADO POR FEIJÓO

·    Julia Rodríguez Barreira apuntou que este programa permitiu “avanzar na transparencia, na eficiencia e na busca da excelencia no funcionamento das institucións públicas autonómicas”

·    O 75% do texto da nova lei conta coa conformidade de todos os grupos parlamentarios, ademais de ter incorporado ao texto definitivo un 30% das demandas da oposición

Santiago, 29 de marzo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe, sen ningún voto en contra, a Lei de ordenación da asistencia xurídica da Administración da Comunidade galega e do seu sector público, o último dos cinco textos lexislativos do programa de impulso democrático anunciado a principios do pasado ano polo Presidente da Xunta. A portavoz de Xustiza, Julia Rodríguez Barreira, manifestou que esta nova lei permitirá “aumentar a calidade e o control da actuación administrativa, previndo os casos de posibles malas prácticas e garantindo que tanto o goberno como a súa administración actuarán sometidos á legalidade e á defensa dos intereses da Comunidade galega”.

Rodríguez Barreira indicou que o Plan de impulso democrático permitiu “avanzar na transparencia, na eficiencia e na busca da excelencia no funcionamento das institucións públicas autonómicas”. “Con ese fin, incrementouse o control sobre o financiamento dos partidos políticos; reforzouse o papel do Consello de Contas como órgano de control externo e independente; potenciouse a participación directa da cidadanía na vida parlamentaria; e aprobouse unha Lei de Transparencia e bo goberno”, indicou.

Respecto do texto lexislativo de asistencia xurídica da Administración aprobado hoxe, a portavoz popular indicou que “ofrecerá aos cidadáns a certeza do sometemento da actuación administrativa á legalidade, lonxe de toda arbitrariedade e baixo un sistema de control interno, obxectivo e rigoroso; ao tempo que se traslada a confianza de que os intereses da Comunidade galega van a estar axeitadamente defendidos polos seus servizos xurídicos”.


DISPOSICIÓN PARA O CONSENSO

Barreira puxo de manifestou a “mellor disposición” do Grupo Popular ao longo da tramitación deste proxecto de lei “para atopar puntos de encontro cos grupos da oposición na busca do maior consenso posible que permita aprobar un texto lexislativo capaz de dar resposta ás necesidades de asesoramento, control e defensa que, agora e no futuro, precise a administración autonómica, os seus entes e os seus empregados públicos”.

En concreto, subliñou que o 75 por cento do texto da lei conta coa conformidade de todos os grupos parlamentarios, ademais de ter incorporado ao texto definitivo, de modo directo ou mediante transacción, case un 30 por cento das demandas da oposición.

Julia Rodríguez destacou que a lei “establece o principio de autoprovisión na prestación da asistencia, de maneira que a Administración só acudirá de modo excepcional, cando a autoprovisión resulte inviable, a medios externos para a prestación da asistencia xurídica, e sempre baixo a supervisión da Asesoría Xurídica”. “Por primeira vez se evita a proliferación de contratos de asistencia xurídica externa que abondaron noutras etapas, e se formulan como algo excepcional”, indicou.

MELLORA DA CALIDADE NORMATIVA

A portavoz popular considerou “especialmente destacable as funcións que se atribúen á Asesoría Xurídica Xeral en relación á mellora da calidade normativa” e sinalou que “se trata de simplificar e clarificar a normativa existente, moitas veces dispersa, revisándoa e avaliándoa, pero tamén de supervisar a planificación normativa anual co mesmo fin”.

A nova lei establece, ademais, o marco de defensa dos funcionarios, autoridades e empregados públicos, esixindo uns requisitos para autorizar a súa defensa, pero se no curso do procedemento se acredita que non se cumpren tales requisitos debe existir a posibilidade de revogación da autorización.

Rodríguez Barreira salientou, por último, que esta lei facilita a loita contra a corrupción a través de medidas como incorporar a función coordinadora da Asesoría Xurídica Xeral nas comunicacións entre o sector público autonómico e o Consello Consultivo; a participación da Asesoría Xurídica na  elaboración dos plans de prevención de riscos de corrupción; ou evitando vínculos entre as empresas convidadas nos procedementos negociados.

Tellado:”Reforma Lei de policías locais ten o consenso de concellos e profesionais”


MIGUEL TELLADO CONSIDERA “NECESARIA” A REFORMA DA LEI DE POLICÍAS LOCAIS E SALIENTA QUE CHEGA AO PARLAMENTO “CO CONSENSO DOS CONCELLOS E OS PROFESIONAIS”

·    O portavoz de Administracións Públicas explicou que esta “reforma garantista elimina discriminacións arbitrarias e recoñece dereitos para o desenvolvemento da carreira profesional”

Santiago, 29 de marzo de 2016.- O portavoz de Administracións Públicas do Grupo Popular, Miguel Tellado, considerou necesaria a modificación da Lei de policías locais de Galicia, cuxo proxecto de lei foi tomado en consideración esta mañá polo Pleno do Parlamento, porque “aporta seguridade xurídica aos concellos e  mellora o funcionamento das policías locais existentes en Galicia”. Así mesmo, Tellado subliñou que este texto lexislativo “chega ao Parlamento co consenso dos concellos e cos profesionais aos que vai dirixida”, polo que considerou “sorprendente” que AGE e o Grupo Mixto “pretendan poñerlle freo” coas súas emendas á totalidade.

Miguel Tellado manifestou que o proxecto de lei permitirá levar adiante unha reforma garantista da Lei de policías locais de Galicia aprobada polo Goberno  bipartito en 2007, eliminando discriminacións arbitrarias e recoñecendo dereitos para o desenvolvemento da carreira profesional nas policías locais galegas.

“Trátase dunha reforma fundamental que vai facilita aos concellos garantías para a cobertura das prazas necesarias para prestar o servizo”, indicou o portavoz popular, quen apuntou que “deseña mecanismos máis flexibles para cubrir as prazas de promoción interna, realizar permutas e facilitar o mantemento das prazas existentes”.

O portavoz popular lembrou que esta iniciativa “estaba presente no programa electoral co que o Partido Popular de Galicia se presentou ás eleccións autonómicas de 2012 co obxectivo de “aportar seguridade xurídica aos concellos e nas actuacións municipais que eviten dúbida na prestación destes servizos públicos”.


A LEI QUE QUEREN CONCELLOS E PROFESIONAIS

“É o texto lexislativo que queren os concellos e os axentes das policías locais de Galicia, xa que foi aprobado por unanimidade pola Comisión de Coordinación de policías locais”, sinalou.

Respecto das emendas á totalidade presentadas por AGE e o Grupo Mixto, Tellado considerou “sorprendente que decidan poñerlle freo a un proxecto que ven avalado polos sindicatos e as organizacións profesionais”. “Fanlle oposición a Galicia porque queren parar Galicia e que  nada funcione, xa que pensan que canto peor lle vaia a Galicia, mellor lles irá a vostedes”, dixo.

“Din non a este proxecto cando en ningunha das súas emendas hai reparo algún ao recollido na reforma da lei, polo que a súa emenda á totalidade é ao proxecto do bipartito”, explicou. Así mesmo, Miguel Tellado puxo de manifesto a súa incongruencia porque consideran que a “reforma é necesaria pero queren devolverlla ao Goberno, porque todo lles vale con tal de atacar á Xunta, incluso levándolle a contraria aos axentes da policía local galega”.