Feijóo destaca a creación de 25 prazas en centros de atención a persoas con autismo

Alberto Núñez Feijóo subliñou hoxe, durante unha visita ao centro de educación especial Coral Seoane en Ferrol, a creación neste 2016 de 25 novas prazas en centros de atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), a través dun investimento que ascende a 5 millóns de euros e que suma xa un total de 270 prazas públicas. “Queremos seguir acompañando o traballo que realizan asociacións como ASPANAES e centros coma este de Ferrol, para que os seus beneficios cheguen ao maior número de persoas posible”, aseverou.
Máis polo miúdo, Feijóo concretou que destas 25 novas prazas: 9 serán para o centro que ASPANAES ten no Concello das Pontes; 12 prazas concertadas no centro Castro Navás da Fundación Menela en Nigrán; e 4 máis para o centro de día da Asociación BATA en Vilagarcía de Arousa. E resaltou que con estas novas prazas, os centros de ASPANAES en Galicia disporán este ano: no Centro de Día Coral Seoane, de 46 prazas concertadas en 2016; o seu centro de día das Pontes pasará de 25 a 34 prazas públicas; no centro de día de Culleredo, de 23 prazas públicas; e no de Villestro, en Santiago, de 16 prazas en 2016.
Así mesmo, afirmou que a axuda que este ano a Xunta destina á Federación de Autismo de Galicia aumentou un 26% máis que en 2015, que era de 123.000 euros. “E aumentamos tamén a partida orzamentaria que destinamos aos convenios coas federacións integrantes do CERMI: de 3 millóns de euros en 2015 a 3,6 millóns de euros en 2016”, engadiu.
Durante a súa intervención, Feijóo referiuse tamén á posta en marcha do primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro Autista, que persegue facilitar a detección do TEA no ámbito escolar e proporcionar a esta alumnado unha atención educativa na que se implique o propio centro e as familias.
“Estamos a falar dunha ferramenta para os profesionais do ensino e para os pais, que pretende establecer o camiño que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios, e orientar a intervención educativa dun xeito máis personalizado”, dixo, ao que engadiu que este protocolo propón un seguimento diario e trimestral para verificar se a atención foi a adecuada ou se é necesario artellar novas medidas.
Un compromiso coa discapacidade
O responsable do Goberno galego fixo extensivo tamén o compromiso da Xunta a todas aquelas persoas que padecen algún tipo de discapacidade. E, nesta liña subliñou que desde 2009 o orzamento dedicado a esta materia aumentou nun 45%, pasando dos 65 millóns de euros investidos en 2009 aos case 95 millóns de euros “que estamos a destinar á discapacidade este ano, 30 millóns de euros máis”.
Xunto con esta partida, Feijóo referiuse tamén a diversas iniciativas, entre as que destacou: a aprobación da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020; e ao incremento de novos servizos de atención residencial e diúrna para os diferentes colectivos da discapacidade.
Nesta liña, destacou ademais axudas para implantar a Rede galega de Atención Temperá; para os servizos de promoción da autonomía persoal; para a formación do persoal das entidades do terceiro sector; para o asesoramento e formación de persoas con discapacidade; e axudas para a supresión de barreiras e a promoción da accesibilidade.
Feijóo concluíu destacando o traballo que ASPANAES está a facer coas preto de 400 persoas con trastorno autista que atende en toda a provincia da Coruña; unha labor que ten como obxectivo facilitar o apoio preciso desde o punto de vista terapéutico e educacional para que cada unha destas persoas poida desenvolver o seu proxecto de vida e favorecer a súa integración social. “Trátase de mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias”, aseverou, lembrando que o Trastorno do Espectro Autista afecta a un de cada 100 nenos que nacen en España.

Puy traslada a satisfacción do GPP pola candidatura de Feijóo á presidencia do PPdeG

PEDRO PUY TRASLADA A “SATISFACCIÓN” DO GRUPO POPULAR POLA DECISIÓN DE FEIJÓO DE PRESENTAR A SÚA CANDIDATURA Á PRESIDENCIA DO PPDEG

·    Fixo referencia ao calendario previsto do Congreso do PPdeG e ao traballo no Parlamento para afirmar que “estamos traballando coa perspectiva de que as eleccións galegas sexan despois do verán, tendo sempre presente que a súa convocatoria é unha competencia específica do Presidente”

Santiago, 4 de abril de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, trasladou hoxe a “satisfacción” de todos os deputados deste grupo parlamentario pola decisión de Alberto Núñez Feijóo de presentar a súa candidatura á Presidencia do Partido Popular de Galicia é, por conseguinte, á Xunta de Galicia. “Existe un amplo consenso neste grupo de que se adoptou a mellor decisión para o conxunto do PPdeG”, asegurou Puy, quen apuntou que servira para “incentivar e seguir traballando porque queda moito por facer nun país con máis de 230.000 desempregados pero que camiña na senda correcta dun traballo que Feijóo ten encabezado nos últimos anos e que o PPdeG vai seguir impulsando”.

Pedro Puy manifestou que a convocatoria do Congreso extraordinario do Partido Popular de Galicia e a confirmación da candidatura do Feijóo para a Presidencia do PPdeG é a continuación do  “profundo proceso de reflexión e renovación que se abriu no partido a raíz fundamentalmente do resultado das eleccións municipais”.

Neste sentido, indicou que este proceso deu comezo coa modificación do Goberno galego e da prioridade das súas políticas, centrándose e incrementando as dirixidas á política social; seguiu co debate das ideas no PPdeG a través dunha ponencia política; a renovación das estruturas provinciais do PP en Galicia, coa substitución de tres dos catros presidentes; e rematará coa celebración dun congreso extraordinario.

“A todo isto, súmanse determinadas novas no ámbito económico que tamén son positivas para as políticas desenvolvidas polo Partido Popular, como a concatenación de cifras de crecemento, así como que Galicia sexa unha das tres comunidades autónomas que cumpre os obxectivos de déficit; e o coñecemento hoxe do descenso do número de desempregados, nunha porcentaxe semellante á media nacional”, sinalou.

COA PERSPECTIVA DE DESPOIS DO VERÁN

Cuestionado sobre a data de celebración das eleccións autonómicas, Pedro Puy referiuse ao calendario previsto para a celebración do Congreso do PPdeG e ao traballo que se está a levar adiante no Parlamento galego para apuntar que “con todas estas cuestións estamos traballando na perspectiva de que as eleccións sexan despois do verán, pero tendo sempre presente que é unha competencia moi especificamente atribuída ao Presidente da Xunta”.

En concreto, o portavoz popular dixo que nestes momentos no Parlamento estase tramitando o Plan Estratéxico da Economía de Galicia, un documento complexo que ten que ir ao Pleno; e están e trámite os proxectos de lei do patrimonio cultural, de economía social, de coordinación das policías locais e a modificación da Lei de servizos sociais. Ademais, estase tramitando a iniciativa lexislativa popular sobre a pobreza enerxética e o custo da enerxía en Galicia, ao tempo que o Goberno galego anunciou recentemente a tramitación da Lei de espectáculos públicos, a lei de protección de animais domésticos e a lei de transporte por estrada de Galicia, á que se sumará a aprobación da Lei da Área metropolitana de Vigo.

“Queda moito por facer e o proxecto do Partido Popular ten moito que aportar, aproveitando unha situación inédita en España como é unha maioría sólida e estable que, se ben trata de chegar a acordos coa oposición, ten capacidade para aprobar normas importantes para o futuro de Galicia”, indicou.

Pedro Puy tamén valorou que Galicia teña “un calendario electoral diferenciado” das eleccións nacionais, polo que “salvo que haxa unha causa de extrema importancia, en principio estamos a traballar na perspectiva de que no caso de que haxa xerais non coincidan coas autonómicas”.