GPP defenderá a posta en marcha dun programa de inserción para mulleres maltratadas

A sesión plenaria da vindeira semana incorpora a comparecencia dos concelleiros de Economía e Industria, e de Facenda

O PPDEG DEFENDERÁ NO PLENO ESTENDER O PROGRAMA DE DETECCIÓN PRECOZ DO CANCRO DE COLON A TODA GALICIA E FAVORECER A INSERCIÓN LABORAL DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA

·    O Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a pretensión da UE de prohibir a actividade da flota do arrastre en augas profundas en fondos superiores aos 800 metros e sobre a programación que a Xunta desenvolverá no marco da Feira do Libro de Bos Aires

Santiago, 5 de abril de 2016.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana estender o programa galego de detección precoz do carcinoma colorrectal a todo o servizo galego de saúde e a posta en marcha dun programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero. A sesión plenaria inclúe, ademais, a comparecencia dos conselleiros de Economía e Industria, para dar conta do desenvolvemento do polo tecnolóxico e industrial galego de avións non tripulados no aeródromo de Rozas en Lugo; e do conselleiro de Facenda, sobre o peche do exercicio orzamentario de 2015 e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.

Pedro Puy informou que o Grupo Popular aceptou a solicitude dos grupos do BNG, AGE e Mixto para o debate da creación dunha comisión de investigación sobre a Fundación FESÁN.

A continuación, terá lugar a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria sobre o desenvolvemento do polo tecnolóxico e industrial galego de avións non tripulados no aeródromo de Rozas de Lugo. Puy considerou esta comparecencia “moi acaída para comprobar como algún grupo parlamentario que continuamente demanda un maior peso da industria na nosa economía se opón a este proxecto, da mesma forma que se opuxeron a facilitar a continuidade da factoría de Citroën en Vigo, a de Reganosa en Ferrol e que esquecen agora, logo de que fora a principal cuestión que formulaban no último pleno, que o Tribunal Supremo blindou a decisión do actual Goberno galego sobre o concurso eólico do bipartito”.

A segunda comparecencia será do conselleiro de Facenda para informar sobre o peche do exercicio de 2015 e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. Neste sentido, o portavoz popular subliñou que “Galicia foi unha das tres comunidades autónomas que cumpriu o obxectivo de déficit, polo que supoño que os eloxios que recibirá o conselleiro de Facenda serán do mesmo nivel e proporcionados ás críticas que se lle fan ao Goberno central por non ter cumprido o déficit”.


CANCRO DE COLON E INSERCIÓN MULLERES MALTRATADAS

O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei.  A primeira delas solicita a elaboración dun programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero que incorpore un itinerario de inserción, formación para o emprego e actuación de apoio á conciliación. O portavoz popular considerou que “o emprego é a mellor forma de conseguir a integración social das mulleres que sofren maltrato, xa que facilita tanto a súa independencia económica como a mellora da súa autoestima”.

Unha segunda proposición non de lei ten como obxectivo a extensión do programa galego de detección precoz do carcinoma colorrectal a todas as estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde. Puy explicou que este tipo de cancro está entre os tres máis frecuentes entre os homes e o segundo entre as mulleres da Unión Europea, polo que a Xunta xa puxo en marcha este programa de detección precoz de xeito piloto en Ferrol, ao que na actualidade sumáronse as zonas de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a pretensión da Unión Europea de prohibir a actividade da flota do arrastre en augas profundas en fondos superiores aos 800 metros e sobre a programación literaria e cultural que a Xunta desenvolverá no marco da Feira Internacional do Libro de Bos Aires.

A modo de resumo, Pedro Puy indicou que a sesión plenaria inclúe 28 iniciativas, das que dúas son comparecencias a proposta do Goberno, outras catro do Grupo Popular “e as 22 restantes corresponden aos grupos da oposición, é dicir, practicamente o 80 por cento do temas do Pleno”. Deste xeito, reiterou que “volve quedar patente que neste parlamento a oposición ten todas as oportunidades de traer a debate todas as cuestións que considera interesantes para a cidadanía”.