GPP defenderá no pleno a execución autovía Morrazo e plan apoio á pesca artesanal

A sesión plenaria da vindeira semana inclúe a comparecencia dos conselleiros do Mar e de Política Social

O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO A EXECUCIÓN DA AUTOVÍA DO MORRAZO E O DESENVOLVEMENTO DO PLAN DE APOIO Á PESCA ARTESANAL

Santiago, 18 de maio de 2016.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana que a Xunta de Galicia teña en execución no presente ano os dous primeiros tramos da autovía do Mormazo, así como aprobado o proxecto do terceiro treito, ao tempo que instará á Consellería de Sanidade a desenvolver o Plan de apoio á pesca artesanal dirixido a mellorar a competitividade deste segmento da flota.

A orde do día da sesión plenaria incorpora 29 asuntos, dos que o 80 por cento son a iniciativa dos grupos da oposición. Ademais, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, apuntou que o 55 por cento das iniciativas son de control e o 38 por cento de impulso ao Goberno. “Queda demostrado, unha vez máis, que a oposición ten moito que dicir no Pleno e moitas posibilidades para traer á Cámara o que estime oportuno, ao tempo que a maioría non usa o Parlamento para facer propaganda, indicou”.

COMPARECENCIAS

A sesión plenaria inclúe dúas comparecencias de membros do  Goberno. En primeiro lugar, comparecerá a consellería do Mar para dar conta do resultado e as conclusións das xornadas O sector pesqueiro galego: Trazando rumbos de futuro, nas que todo o sector puxo enriba da mesa os problemas e as posibles solucións.

En segundo lugar, comparecerá o conselleiro de Política Social  para informar sobre a nova Axenda Social, logo da aprobación o pasado xoves polo Consello da Xunta dunha serie de medidas de incremento do gasto social e que poden levarse a cabo como consecuencia de ter cumprido o obxectivo de déficit nestes últimos anos e de que o Goberno central rebaixara o obxectivo ao 0,7 por cento do PIB para 2016 a todas as comunidades autónomas.

PROPOSICIÓNS NON DE LEI

O Grupo Popular defenderá nesta sesión plenaria dúas proposicións non de lei. A primeira, ten como obxectivo que a Xunta de Galicia teña en execución durante o presente ano os dous primeiros tramos da autovía do Morrazo, así como a aprobación do proxecto para o terceiro tramo.

En segundo lugar, o Grupo Popular demandará á Consellería do Mar o desenvolvemento do Plan de apoio á pesca artesanal, dirixido a mellorar a competitividade deste segmento da flota e as condicións de traballo dos seus profesionais.

Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as alternativas que analiza a Consellería de Sanidade para a dotación á área sanitaria de Pontevedra dun novo hospital público e sobre a evolución do número de alumnos que se formaron nos centros da Consellería do Mar durante 2015.

Tellado: “Explicaremos o que fixo o PP e o que non están facendo as Mareas”

Indica que o obxectivo é aumentar o voto urbano e para iso intensificarán a coordinación co partido nos concellos de máis de 30.000 habitantes

Tellado: “Explicaremos á cidadanía o que fixo o PP e o que están facendo as Mareas, cuxa xestión é unha fochanca en si mesma”

Di que o 26-X a sociedade coñecerá mellor ás alternativas políticas do que as coñecía o pasado decembro, por iso cren que os resultados poden ser distintos

“Pablo Iglesias non sería mellor presidente que Mariano Rajoy e Xosé Manuel Beiras non sería mellor presidente que Alberto Núñez Feijóo”, asegura

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2016.- O secretario xeral do populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que o obxectivo do seu partido de cara ás vindeiras eleccións xerais é explicarlle á cidadanía o traballo que fixo o PP e o que non están facendo as Mareas, cuxa xestión “é unha fochanca en si mesma”.

Tras reunirse con representantes do partido das cidades galegas e dos concellos de máis de 30.000 habitantes, Tellado explicou que pretenden  desenmascarar a nula xestión das Mareas, para o que intensificarán a coordinación e establecerán canles de comunicación nos distintos ámbitos do partido, aproveitando sinerxías para poñer en común información do que ocorre nestes municipios.

Nesta liña, engadiu que o que pretenden é trasladar esta información ao conxunto da sociedade galega, xa que o obxectivo é aumentar o voto urbano e, agora que a xente xa coñece a xestión das Mareas, cren que baixarán os seus apoios.

Segundo comentou, a 40 días das eleccións xerais, a cidadanía coñecerá moito mellor a todas as alternativas políticas do que as coñecía o pasado 20-D, “e cremos que con esta nova información os resultados poden ser distintos”.

Así mesmo, subliñou que están francamente preocupados pola situación das cidades nas que gobernan as Mareas, salientando que en Ferrol hai un alcalde máis preocupado pola retirada do busto do rei emérito e por impulsar unha consulta sobre a monarquía parlamentaria que polo desemprego da súa cidade, que é o maior de Galicia. Ademais, lembrou que na Coruña hai un goberno municipal que non é quen de aprobar os orzamentos nin abrir o túnel da Mariña, que deixou finalizado o goberno municipal anterior; e que en Santiago o alcalde non é capaz de tapar as fochancas nin de sacar a licitación aos comedores escolares.

“Ese é o exemplo da xestión das cidades nas que gobernan as Mareas e non queremos que iso aconteza no goberno de Galicia. De cara ás vindeiras autonómicas hai dous modelos: o modelo da maioría, da estabilidade política e institucional, que representa o PP e Alberto Núñez Feijóo; e o das Mareas nas cidades onde gobernan”, aseverou.

“Pablo Iglesias non sería mellor presidente que Mariano Rajoy e Xosé Manuel Beiras non sería mellor presidente que Alberto Núñez Feijóo”, apuntou incidindo en que, maila que en España o PP non sempre acertou coa súa xestión, están convencidos de que Podemos non o faría moito mellor e, por este motivo, tratarán de explicar por qué eles non son a solución.

 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/OEID0wCxNs4″ frameborder=”0″ allowfullscreen ]