Tellado asegura que “o ganador das primarias do PSOE en Galicia será a Marea”

O secretario xeral do PPdeG participou esta mañá na clausura da convención de concelleiros da provincia de Pontevedra
 
Miguel Tellado asegura que “o ganador das primarias do PSOE en Galicia será a Marea” 
 
“Á única militancia á que teñen ilusionado con este proceso é a do PP, que vai traballar con máis intensidade para que este tipo de espectáculos queden circunscritos á vida interna dalgúns partidos, pero que non cheguen nunca á Xunta”, sinalou
 
Moraña, 28 de maio de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou esta mañá en Moraña que “o ganador das primarias do Partido Socialista en Galicia será a Marea”. “Son primarias a vicepresidente dunha Galicia na que Feijóo perda a maioría absoluta e Beiras sexa presidente”, afirmou.
 
No acto de clausura da Convención de concelleiros da provincia de Pontevedra, Tellado indicou que “hoxe acaba o reality televisado do Partido Socialista en Galicia”. Neste sentido, apuntou que “levamos semanas de puñaladas retransmitidas no seo do PSdeG, puñaladas nunha loita entre quen quere quedarse e quen quere volver”. 
 
“Á única militancia á que teñen ilusionado con este proceso é a do Partido Popular, que vai traballar con máis intensidade para que este tipo de espectáculos queden circunscritos á vida interna dalgúns partidos, pero que non cheguen nunca á Xunta”, sinalou.
 
ESCENARIO POLÍTICO
 
Miguel Tellado explicou que “o escenario é o seguinte: o PSdeG, en plena guerra civil; Beiras, pelexando con Podemos e IU por un sitio na foto; Ciudadanos, ensinando que na Cataluña da que veñen primarias significa dedazo; e o BNG, clamando de novo pola independencia, recuperando as súas siglas sen recuperar os seus votos”.
 
Por este motivo, sinalou que “ou traballamos todos os que formamos parte da familia do Partido Popular en Galicia ou isto é que nos vén”. “Ademais de traballar para que non cheguen eles, pídovos que nos axudedes a seguir elevando o PIB logo de oito meses consecutivos de subida; a que se siga incrementando o turismo e baixando o paro; a que sigamos facendo coches, barcos e avións, e crecendo por terra, mar e aire. En definitiva, a que Galicia manteña o respecto deste país máis aló do Padornelo”, manifestou.
 
DOUS TIPOS DE XUVENTUDE
 
O secretario xeral do PPdeG referiuse aos mozos e mozas presentes no acto e asegurou que “vós sodes a resposta aos que din que a xuventude non é do PP, aos que pretenden patrimonializar aos máis novos”. Neste sentido, alertou de que “aspiran a unha xuventude de pensamento único, a espertar nela unha conciencia crítica, pero só cara aos demais”.
 
“Para eles, hai dous tipos de xuventude: a que os apoia nos seus paseos con Otegi e cando van pedir a paga a papa Maduro, e os que non o fan e entón merecen ese sambenito de facha”, lamentou.
 
Tellado referiuse, por último, “aos que se queixan de que Feijóo viaxe a Cuba para traballar. Son os mesmos que apoiaban que á illa se fora a tomar mojitos coa carteira de todos os galegos. Era a época do bipartito e o único que nos separa de volver a aqueles tempos é o apoio de todos os galegos ao PP”.