Tellado reúne ao Comité redactor do programa das eleccións autonómicas

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, anunciou que o PPdeG puxo en marcha a súa maquinaria de cara ás vindeiras eleccións autonómicas e asegurou que xa están traballando nun programa electoral que será “aberto para a nova etapa de consolidación da recuperación económica e da creación do emprego”.

O dirixente reuniuse esta mañá co amplo equipo redactor do programa electoral para as autonómicas e que está formado por representantes do grupo parlamentario, do novo Comité Executivo e por membros do Goberno autonómico.

“Plantexamos elaborar un documento participativo que permita reunirnos con distintos colectivos para recoller propostas de entidades e tamén de persoas a título individual”, apuntou.

Así mesmo, Tellado indicou que pese a que no horizonte máis inmediato está a celebración das eleccións xerais, esa campaña debe circular en paralelo á preparación das autonómicas, non podendo esperar ao 26-X para comezar a configurar a proposta que farán aos galegos e que marcará a folla de ruta de Galicia dende ano 2016 ata o ano 2020.

Nesta liña, engadiu que empregarán a experiencia dun Goberno que ven traballando ao longo dos últimos sete anos para recuperar a situación da nosa comunidade e sacala da crise económica.  “Trátase de establecer as liñas de traballo futuras para consolidar a recuperación que hoxe existe xa en Galicia e seguir avanzado nesa dirección”, indicou.

Ademais, Tellado dixo que o PPdeG ostenta unha dobre responsabilidade, a de representar á xente que os vota defendendo o seu proxecto e a de garantir a estabilidade política e institucional.

“Fronte a estabilidade que ofrece Alberto Núñez Feijóo hai un cúmulo de partidos que non son quen de constituírse de forma individual como unha alternativa de Goberno distinta ao PP”, sentenciou.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/2kKIUAUn2uA” frameborder=”0″ allowfullscreen ]