Feijóo sinala que o PP é a única vía segura para a moderación e o goberno

Salienta que o voto que empeza no PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto
 
Feijóo sinala que o PP é a única vía segura para a moderación e o goberno e di que os votos a Ciudadanos en Galicia deron escanos ao populismo
 
Asegura que a Podemos non lle interesa o país, que non teñen proxecto para España e que presentan un programa que só vale para gobernar seis meses
 
Apunta que culpar ao partido que gaña eleccións de que non hai goberno ou que se diga que se ten que ir o candidato gañador  “é a democracia ao revés”
 
Monforte, 12 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o voto ao Partido Popular é a única vía segura para que haxa moderación e goberno.
 
O dirixente, que participou nun mitin en Monforte acompañado polos candidatos ás Cortes pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro e Joaquín García Díez, e pola presidenta provincial, Elena Candia; dixo que a alternativa ao goberno dos populares co que crece España non é outro goberno senón o populismo, “que non ten ningún interese en gobernar senón en enganar”.
 
Do mesmo xeito, tamén incidiu en que os votos a Ciudadanos en Galicia non serven para dar escanos a esta formación, lembrando como en Lugo, Ourense ou Pontevedra todos eses apoios transformáronse en máis escanos para as Mareas de Podemos.
 
Tal e como explicou, o voto que comeza en Ciudadanos pode rematar no partido de Pablo Iglesias polo sistema de reparto de escanos, así como o que empeza no PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto. Ante isto, insistiu en que o que empeza no PP remata no propio PP e na creación de emprego, nunha política económica e nun goberno.
 
Así mesmo, o dirixente incidiu en que a Podemos non lle interesa o país porque só están interesados en eles mesmos, non teñen proxecto para España e presentan un programa que “como moito vale para gobernar seis meses”. 
 
O presidente tamén lembrou que esta é a primeira vez que ocorre que os que perderon as eleccións bloquean o país, recordando que “votar é o único que non nos poden quitar nin bloquear”.
 
Nesa liña, admitiu que, tras estes últimos meses con España en mans do PSOE, de Ciudadanos, de Podemos e dos nacionalistas, comprobamos que estes partidos non son quen nin de repartirse os cargos e que, cando aos populares se lles nega a posibilidade de gobernar hai desgoberno, división e actos só para os medios de comunicación.
 
Por outra parte, tamén fixo fincapé en que se o PP non gaña os comicios si vai facilitar que gobernen os vencedores, “porque hai que aceptar as reglas do xogo, aceptando que o que perde ten que estar na oposición e o que gaña no goberno”. Nese senso, engadiu que culpar ao partido que gaña eleccións de que non hai goberno ou que se diga que se ten que ir o candidato gañador “é a democracia ao revés”.
 
Feijóo asegurou que agora temos a opción de votar libremente a aqueles que cremos que poden solucionar mellor os problemas do país. E é que, segundo apuntou, os populistas, que nunca gobernaron nin solucionaron nada, din que teñen solución para todo dedicándose exclusivamente a falar pero non a facer.
 
Por este motivo, o presidente salientou que, se o voto se divide non haberá goberno. “Nós non estamos aquí para gobernar seis meses senón para sacar a España da crise económica”, sentenciou.
 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/dXH813qsL2Q” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Tellado: “Onde outros deixaron miseria, nós puxemos carga de traballo”

Fene, 12 de xuño de 2016.– O  Secretario Xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado acudiu esta mañá xunto co candidato ó congreso, Juan Juncal, e o voceiro do PP de Fene, Gumersindo Galego ó tradicional feirón de Perlio. Tellado salientou os contratos conseguidos ó longo desta lexislatura polo goberno de Mariano Rajoy. 
 
O secretario xeral do PPdeG quixo poñer en valor que, á súa chegada ao goberno, Rajoy atopou o estaleiro de Perlío-Fene, a antiga ASTANO completamente pechada. “Non tiña traballo porque sobre ela caía un veto prorrogado polos socialistas durante os últimos dez anos” mentres que neste período o que fixeron Rajoy e o PP foi “reabrir a antiga ASTANO, acender os talleres, darlle luz, darlle carga de traballo ademais a través dun sector que significa a diversificación, que é o da éolica mariña”.
 
Tellado salientou que dende a fin do veto, o que fixo o goberno de Rajoy foi lograr un contrato para a construción das 29 Jackets de eólica mariña para Iberdrola, que supón unha facturación de 90millóns de euros, así como o contrato subscrito tamén por Navantia para a fabricación de 5 macroestructuras flotantes para a fixación de parques de eólica mariña en augas profundas para unha filial de Statoil. Estes dous contratos, segundo Tellado, “debullan un panorama completamente distinto para o sector naval na ría de Ferrol”.
 
NAVANTIA FERROL, ANTE “UN PANORAMA DISTINTO”
 
O Secretario Xeral do PPdeG contrapuxo a herdanza recibida do goberno socialista, que non conseguira un só pedido nos seus últimos 5 anos, coa carteira de pedidos pechada polo executivo de Rajoy. 
 
Tellado sinalou que o longo destes catro anos de goberno popular conseguíronse ata seis novos contratos para os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol. O primeiro deles foi o contrato para a construción dun flotel para a petroleira Pemex, que supuxo unha facturación de 175 millóns de euros e 1.150.000 horas de ocupación para os planteis do estaleiro, un contrato no que se involucrou persoalmente o Presidente Feijóo, seguido do contrato para o deseño e o equipamento dun LHD para a Armada de Turquía, (140M€ e 800.000 horas de carga de traballo), ou a construción dun BAM, Buque de Acción Marítima para a Armada Española (167M€ e 1.110.000 horas de traballo).
 
Tellado sinalou que a estes pedidos compre engadir a carga de traballo que vai supoñer ademais o contrato para a construción de 4 petroleiros para a navieira Ondimar, xa que as catro proas e os correspondentes bloques de máquinas fabricaranse nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol e concluíu mencionando o contrato subscrito recentemente para a construción de dous buques de aprovisionamento en combate para a Armada de Australia que “supoñen moito futuro para estes estaleiros”. 
 
O balance global, segundo Tellado é que “onde outros deixaron miseria, nós deixamos carga de traballo e un panorama completamente distinto ao que nos atopamos á nosa chegada”.
 
FERROL, “A ZONA CERO” DO PACTO PODEMOS-PSOE
 
En contraposición ao traballo do Partido Popular para recuperar a actividade dos estaleiros, Tellado sinalou a situación política do Concello de Ferrol, onde a principal preocupación é “retirar bustos do Rei emérito”.
 
O secretario xeral do PPdeG cualificou o consistorio ferrolán de “zona cero do encontro entre o populismo e o socialismo”, cun concello paralizado durante o último ano. Ante esa situación, Tellado fixo un chamamento aos electores para evitar que o populismo das alcaldías das Mareas en Ferrol, Coruña ou Santiago, se asente en España.
 
Tellado finalizou a súa intervención retando a Pedro Sánchez a chamar á voceira socialista de Ferrol para dicirlle “rompe con ese alcalde que Ferrol non merece e deixa gobernar a quen gañou as eleccións”. Sería o único xeito, opinou, no que o candidato socialista podería demostrar que non aposta polas políticas do populismo “nestes días nos que tanto critica a Pablo Iglesias”.

Feijóo di que, fronte aos extremismos, Rajoy ofrece emprego, moderación e goberno

“Acudamos a votar para que non poidan decidir por nós, e para que sexa imposible que volvan bloquear o noso país”, apunta
Feijóo di que de Rajoy un sabe que pode esperar emprego, moderación e goberno ante partidos sen criterio que xeran indecisión
Asegura que canto máis se disperse o voto, máis se vai difuminar a posibilidade de ter un presidente libre para tomar decisións que beneficien aos intereses xerais
Sanxenxo, 11 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que, con Mariano Rajoy, un si sabe o que fará, que é emprego; o que pode esperar, que é moderación; e o que pode ofrecer, un goberno.
Así se expresaba no mitin celebrado hoxe en Sanxenxo, onde estivo acompañado pola candidata número un ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, e polo presidente provincial, Alfonso Rueda.
O dirixente popular recoñeceu que estas eleccións son un fracaso logo de que non se respectara “o que é a esencia da democracia”. Nese sentido, apuntou que a xente non entende para que se votou en decembro, por que non valeu seu voto, por que o PSOE se move entre a irracionalidade de entregarse a Podemos ou “marear a perdiz”, ou por que Ciudadanos se prestou ao teatro tras dicir que ía deixar que gobernara o partido máis votado.
Así mesmo, insistiu que toda esa xente ten unha opción de moderación en Rajoy, engadindo que non hai razóns para quedar na casa, “non hai máis razón que para superar a indecisión”.
Feijóo tamén admitiu que é lóxica esta indecisión porque, despois do visto, un non sabe a que aterse, cun PSOE que demostrou non ter criterio e con Ciudadanos que fai o contrario do que se espera. 
“Pedimos a confianza da xente para falar do que se necesita, que é emprego”, aseguraba ao tempo que indicaba que os populares tamén queren falar de política, economía, da familia, de Galicia e de España.
O líder do PPdeG apuntou tamén que o resultado de decembro non era algo novo senón que o novo foi o nivel de irresponsabilidade dos partidos que impediron que gobernara o partido que gañou as eleccións.
Por este motivo, falou da importancia de estar á altura para que non volva ocorrer o que pasou en España nos últimos seis meses, apuntando que non nos debemos deixar levar polo desanimo derivado da situación actual. “Acudamos a votar para que non poidan decidir por nós, e para que sexa imposible que volvan bloquear o noso país”, dixo.
Así mesmo, salientou que o PP é o partido que mantivo as pensións blindadas, así como a sanidade pública e os servizos sociais. “Nunca diremos que todo o que fixemos foi perfecto pero nós supoñemos un goberno”, apuntou mentres recordaba que, cando a gobernabilidade depende dos outros partidos, hai desgoberno, parálise e novas eleccións. 
“O país precisa de políticos que saiban da importancia que ten gobernar”, dixo facendo fincapé en que, canto máis se disperse o voto, máis se vai difuminar a posibilidade de ter un presidente libre para tomar decisións que beneficien aos intereses xerais.
ESPAÑA COMO GALICIA
“Eu non quero para Galicia o que ocorreu en España estes últimos seis meses”, aseverou o presidente mentres recordaba que a nosa comunidade estivo á marxe do sucedido no conxunto do país.
“Aos galegos non lle interesa paralizar Galicia, e por iso nós queremos seguir gobernando”, admitía Feijóo. Así mesmo, insistiu en que a irresponsabilidade o único que trae é a parálise mentres que con responsabilidades hai resultados.
Como exemplo disto, falou do traballo dos populares á fronte da Xunta, grazas ao que se logrou suprimir os impostos no medio rural, crear 5.000 prazas de gardería en época recesión ou construír hospitais.
“Eu elixo Galicia e España”, recoñeceu mentres explicaba que o que é bo para o país é bo para a nosa comunidade. Ante isto, recoñeceu que “para Galicia foi bo Rajoy” que “goberna España e pode levar a Galicia no corazón e nos orzamentos”. 
O dirixente galego concluíu pedindo o voto pola gobernabilidade e non polo desgoberno. “Pido o voto para que non se perda nin un día máis desde o próximo 26 de xuño”, sentenciou. 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/5Jqi6QmlySw” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Feijóo pide o voto fronte aos que desobedeceron ás urnas e non fixeron caso á xente

Ferrol, 24 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o voto fronte aos que desobedeceron ás urnas e aos que non fixeron caso aos cidadáns.

Durante un almorzo con interventores celebrado esta mañá en Ferrol e no que estivo acompañado polo presidente local, José Manuel Rey Varela, e polo presidente provincial, Diego Calvo Pouso; o dirixente sinalou que esta campaña nunca debería terse celebrado e que recorda a un fracaso dunhas urnas que non se escoitaron, se desobedeceron e ás que os políticos vulneraron.

Por este motivo, Feijóo asegurou que agarda que moita xente vote de forma clara para conseguir que non volva repetirse este fracaso da democracia nin esta forma frívola de entender os resultados.

Pola súa parte, dixo que os populares seguirán co seu traballo en Galicia e que o vindeiro luns será un día ordinario, de traballo, de goberno, de tomar decisións, de funcionamento das institucións e de estabilidade na comunidade.

Nese senso, salientou os efectos prácticos e as vantaxes de ter un goberno e unha política estable, e un proxecto para Galicia. Por iso, garantiu que, ocorra o que ocorra o domingo, a nosa comunidade seguirá tomando decisións e o Goberno da Xunta seguirá traballando.

Ademais, sinalou que os galegos sabemos que somos españois e nos interesa o país porque o que ocorre en España ten relación coa comunidade. Deste xeito, apuntou que debemos seleccionar aquela proposta máis respectuosa cos nosos intereses e que sexa válida para o conxunto do país e todas as súas Comunidades Autónomas.

Así mesmo, asegurou que agora tamén temos a oportunidade de volver escoller a un presidente do Goberno que coñece e ama Galicia, que é galego e que leva a nosa comunidade no corazón, no Boletín Oficial do Estado e na mesa de Goberno: Mariano Rajoy. “É unha oportunidade histórica que non debemos desaproveitar”, dixo.

Por outra banda, Feijóo recoñeceu que o PP non é un partido populista ou de extremos senón que está centrado no futuro e que o que lle interesa non é acabar coa riqueza senón coa pobreza.

Así, contrapuxo o efecto da política populista que só se centra nas ideoloxías, na división e nos bandos; coa política moderada dos populares, baseada nas persoas e en resolver os seus problemas.

E é que, segundo Feijóo, hai políticos de dúas clases: os que resolven problemas e os que os crean; os que conseguen co seu traballo e esforzo que a xente viva mellor ou os que, pola súa irresponsabilidade, fan que a cidadanía viva cada vez peor.

Nese sentido, admitiu que o PP non usará a dor e as dificultades das persoas para mandar nelas “porque nós estamos á disposición da xente”. Tal e como precisou, o obxectivo  non é o poder senón o servizo, do mesmo xeito que aseverou que, como partido demócrata, os populares si aceptaran o resultado das urnas este domingo.