Feijóo di que se Rivera non quere goberno de Podemos pida aos seus que voten ao PP

Salienta a necesidade de mobilizarnos e anima a votar contra o bloqueo, a favor de Galicia, de España e da moderación

 

Feijóo di que se Rivera non quere un goberno de Podemos, que lle diga aos seus votantes en Galicia que voten ao PP

· Apunta que cantos máis escanos teñan os populares, máis opción terá o PSOE para non “someterse a Pablo Iglesias e servir de muleta de Podemos”

· Indica que concentrar o voto no Partido Popular garante que haxa goberno, gobernabilidade e que o país volva arrancar

 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que se Albert Rivera non quere un goberno de Podemos, que lle diga aos seus votantes en Galicia que voten ao Partido Popular.

 

Desta maneira se expresaba o dirixente, que participou esta tarde xunto ao ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, nun mitin en Santiago no que tamén contaron coa presenza do presidente local, Agustín Hernández e da candidata ao Congreso, Marta González.

 

Alí, dirixiuse a aquelas persoas afíns a Ciudadanos que o que queren é moderación, unidade de España e reformas; e aseguroulles que teñen nas papeletas do PP a posibilidade de que o seu voto se converta en escanos que defenden todo iso, posto que Ciudadanos non vai ter escanos en Galicia e a súa papeleta só beneficia a Podemos.

 

Así mesmo, tamén fixo referencia a aqueles socialistas que non queren que o seu partido se someta a Pablo Iglesias e “serva de muleta de Podemos”, sinalando que teñen no voto ao PP unha vía para evitalo.

 

Deste xeito, aseverou que cantos máis votos e escanos teña o Partido Popular, máis opcións haberá para que o PSOE opte pola moderación e o constitucionalismo.

 

MOBILIZARSE E VOTAR

Segundo admitiu o líder do PPdeG, nestas eleccións decidimos a través dos votos que España volva moverse ou siga parada. Así, recordou que hai catro anos mobilizámonos e votamos porque non había que conformarse co empobrecemento da nosa sociedade, polo que apuntou que agora tampouco hai que resignarse a que o conxunto do Estado alongue este bloqueo dos últimos seis meses.

 

Ademais, Feijóo salientou a necesidade de mobilizarnos contra o bloqueo, a favor de Galicia e de España, e a favor da moderación; incidindo en que temos que mobilizarnos co voto ao PP que é o único co que o país pode volver moverse.

 

No mesmo senso, incidiu en que para os intereses do país, temos que concentrar o voto no PP: para que haxa goberno, gobernabilidade e para que “España volva arrancar”.

 

Pola contra, advertiu que, para os intereses de Podemos, quedar na casa ou votar a Ciudadanos é exactamente o mesmo xa que significa restarlle escanos ao PP e que eles se beneficien; de igual modo que para os intereses do PSOE o mellor resultado é que a situación sexa igual que a destes meses, para que “Sánchez siga a súa carreira agonizante”.

 

Durante a súa intervención, o dirixente lembrou que o que levan facendo o resto de partido tralas eleccións de decembro non é democracia senón un boicot ao resultado das urnas que é a primeira vez que ocorre na historia de España.

 

Nese sentido, Feijóo pediu que non deixemos volver bloquear o país, xa que a indefinición calculada do PSOE e de Ciudadanos, que nunca din claramente o que van facer, está destruíndo o sistema democrático. Así, fronte ao bloqueo que traen consigo os socialistas e o partido de Rivera, e fronte ao colapso que trae consigo o populismo, o presidente pediu o voto para o Partido Popular.

 

Para o presidente, só a papeleta dos populares asegura a moderación e o goberno fronte ao sectarismo e o desgoberno, facendo fincapé en que temos que votar con garantías xa que “un voto non é unha lotería”. 

[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/aNOFjxXZDSg” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Feijóo: “O PPdeG leva moitos anos traballando a prol das familias que peor o pasan”

Ourense, 20 de xuño, 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, mentres algúns buscan sacar rédito político da pobreza e cren que acaban de inventar a loita contra a exclusión, o PPdeG leva moito tempo loitando contra ela e axuda ás familias que o pasan mal.
 
Así se expresaba o líder dos populares galegos no acto sectorial con entidades sociais advertiu que Galicia pide cooperación pero esixe tamén que ninguén pretenda monopolizar a loita contra a pobreza para obter réditos políticos. celebrado esta mañá en Ourense, onde asegurou que Galicia ten un obxectivo claro: lograr que toda a poboación se beneficie da recuperación económica. Algo que, como sinalou, conseguirase a través da implicación das empresas, das Administracións locais, e das entidades sociais, nun movemento a prol da inclusión social coordinado e encabezado pola Xunta. 
 
Nesta liña, Feijóo advertiu que Galicia pide cooperación pero esixe tamén que ninguén pretenda monopolizar a loita contra a pobreza para obter réditos políticos. 
 
O PAPEL DO GOBERNO GALEGO 
Segundo o líder do PPdeG, a Xunta asumiu desde o principio as súas responsabilidades neste eido e materializou o seu apoio a través de actuacións como a Axenda Social Única, á que se adheriron a Fegamp e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social. 
 
Como engadiu, este documento demostra que os empresarios, os activistas es os políticos galegos saben aparcar as diferenzas para traballar xuntos cando hai tanto en xogo. “E para min, nada é tan importante, nada é tan prioritario, como lograr que ningunha familia galega o pase mal por motivos económicos”, subliñou.
 
Por este motivo, sinalou que o Goberno dos populares galegos, malia contar nos últimos anos cunhas contas máis reducidas, destinou ao eido da inclusión social un 50% máis do que investía o Goberno bipartito: “Soubemos entender que é nos tempos complicados cando resulta máis importante axudar a quen está en situación de risco”, aseverou.
 
Do mesmo xeito, a Xunta destina a axudas a concellos e entidades 11,1 millóns de euros para promover a inclusión social, máis do dobre do que se destinaba en 2009; destina ás Axudas de Inclusión Social 4,5 millóns de euros, un 55% máis que hai sete anos; e destina á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) 53 millóns de euros, fronte aos 22 millóns que se dedicaran a este fin en 2009. “Con estes fondos, garantimos unha renda mínima para unhas 14.000 persoas que están en situación de exclusión social”, destacou o presidente do PPdeG.
 
No que atinxe ás Risgas, Feijóo quixo destacar tamén un dato que convida ao optimismo, posto que o número de novas solicitudes destas axudas reduciuse desde 2013 e, de feito, na actualidade hai un 15% menos de persoas que piden a Risga das que había no ano 2009.
 
Así mesmo, o líder dos populares galegos puxo en valor outras medidas adoptadas desde o Goberno que preside, como as destinadas a loitar contra a pobreza enerxética, por exemplo, o tícket eléctrico. Tamén subliñou as iniciativas que intentan evitar ou paliar os efectos dos desafiuzamentos, como o Programa de Vivendas Baleiras que, por desgraza, non contou co apoio de Podemos/Mareas na Coruña e Ferrol; os convenios coa Sareb e as entidades bancarias; os acordos cos bancos e co Consello Xeral do Poder Xudicial para suspender ou anular os desaloxos; ou o Bono de Alugueiro Social.
 
O PPdeG, A CARÓN DOS QUE MÁIS O PRECISAN
O presidente do PPdeG insistiu en que este partido sempre está a carón dos que máis o precisan e axuda ás familias, non para crear persoas dependentes das axudas públicas, senón para impulsalas ata lograr que sexan autosuficientes. 
 
“A porta cara a inclusión social é a autosuficiencia económica e a porta cara a suficiencia autonómica non é outra que a creación de emprego”, asegurou, engadindo que Galicia, ademais de axudar ás familias con baixos ingresos, leva 31 meses consecutivos creando emprego. “A mellor política social é a que facilita o crecemento das empresas e busca crear postos de traballo”, subliñou.
 
Con respecto a isto, Feijóo fixo fincapé en que cada vez máis xente “esta sorrindo”, pero non debido a aqueles que queren sacar votos das bágoas e monopolizar os sorrisos, senón grazas aos que loitan contra a exclusión social, como é o caso das entidades sociais e das Administracións públicas.
 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/KX844iRlePY” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Puy salienta o “notable contido lexislativo” do vindeiro pleno no Parlamento


PUY SALIENTA O “NOTABLE CONTIDO LEXISLATIVO” DO VINDEIRO PLENO CO DEBATE PARA APROBACIÓN DA REFORMA DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS, A DE POLICÍAS LOCAIS E A DE DEVOLUCIÓN AOS FUNCIONARIOS DE PARTE DA EXTRA DE 2013

·    A Lei de coordinación de policías locais atenderá cuestións demandadas polos representantes do sector, como a eliminación do tope de idade de 36 anos para acceder ao corpo ou a mellora dos procesos de cobertura de mandos

·    A sesión plenaria tamén aprobará restituír a partir do 1 de xaneiro a totalidade do complemento específico das pagas extra que se tivo que suprimir aos funcionarios por mor da crise e para garantir os servizos do Estado de Benestar

Santiago, 20 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular,  Pedro Puy, subliñou hoxe o “notable contido lexislativo” que terá o Pleno da vindeira semana, na que se procederá ao debate para a súa aprobación de tres textos legais: a modificación da Lei de Servizos Sociais, o proxecto de Lei de coordinación das policías locais e a norma a través da que se abona este ano aos empregados públicos a parte devindicada da extra de 2013.

Á espera da reunión da Xunta de Portavoces de mañá, na que se pechará a orde do día da sesión plenaria que se celebrará a vindeira semana, Pedro Puy avanzou que está previsto o debate para a súa aprobación da proposición de lei do Grupo Popular para a modificación da Lei de Servizos Sociais.

Neste sentido, Puy salientou o consenso que o Grupo Popular buscou na tramitación desta proposición de lei, xa que “non rexeitamos ningunha das emendas presentadas por PSOE, BNG ou AGE, polo que confiamos no seu apoio a esta modificación da Lei de Servizos Sociais”.

Entre as medidas incorporadas neste novo texto lexislativo, o portavoz popular explicou que “se introduce o concerto social como novo modelo de xestión en materia de servizos sociais, ao tempo que se reforza o papel das entidades de iniciativa social”. “Así mesmo, dáse prioridade ás entidades sociais sen ánimo de lucro, aplicando medidas de preferencia e discriminación positiva, así como criterios sociais de calidade, experiencia e traxectoria acreditada esenciais ás persoas usuarias”, apuntou.

COORDINACIÓN POLICÍAS LOCAIS

O segundo texto lexislativo previsto para o seu debate e aprobación na sesión plenaria será o proxecto de Lei de coordinación das policías locais de Galicia, que vai permitir “unha maior eficacia en determinados aspectos operativos e de organización dos corpos de policía local, favorecendo tanto aos propios concellos como ao persoal que se integra nestes corpos”.

A través deste texto lexislativo, se establecen cuestións que eran demandadas polos propios representantes do sector, como a eliminación do tope de idade dos 36 anos para acceder ao corpo de policía local galego; ou a mellora dos procesos de cobertura de prazas de mandos, facilitando a promoción interna.

Por último, na sesión plenaria tamén está previsto o debate para a súa aprobación, polo trámite de lectura única e urxencia, do proxecto de lei que permitirá abonar este ano aos empregados públicos a parte devindicada da extra de 2013.

“Este texto lexislativo é froito do acordo acadado entre a Xunta e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UXT e, ademais da recuperación desa parte da paga extra, incorpora a restitución a partir do vindeiro 1 de xaneiro da totalidade do complemento específico das pagas extra que se tivo que suprimir por mor da crise e para garantir os servizos do Estado do Benestar”, sinalou Puy.