O Parlamento aproba solicitar extensión gratuidade do transporte urbano para menores

A iniciativa pretendía ampliar aos concellos de A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo e Ourense o acordado pola Xunta para o transporte metropolitano interurbano

O PARLAMENTO APROBA, CO ÚNICO APOIO DO PP, SOLICITAR AOS CONCELLOS A EXTENSIÓN DA GRATUIDADE DO TRANSPORTE URBANO PARA MENORES DE 18 ANOS

·    O portavoz de Infraestruturas,Jesús Goldar lembrou que despois das mocións presentadas polo PP en cada concello, “somos o único partido que está claramente a favor desta medida social”

Santiago, 29 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co único voto favorable do Grupo Popular, solicitar aos concellos de A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense que adopten cantas medidas sexan necesarias para estender a gratuidade do transporte urbano aos menores de 18 anos, do mesmo xeito que o acordado pola Xunta para o transporte metropolitano interurbano. O portavoz de Infraestruturas, Jesús Goldar, criticou a negativa dos grupos da oposición a apoiar esta iniciativa, que “ten como obxectivos garantir un mellor futuro da mocidade galega, promover o uso do transporte público, axudar á economía das familias con menores e educar aos nenos no uso do transporte público”.

Goldar lembrou que a Xunta de Galicia aprobou o pasado 12 de maio a posta en marcha dunha nova medida de marcado carácter social que consistirá na implementación da gratuidade do transporte metropolitano interurbano para os menores de 18 anos. Esta iniciativa suporá un investimento anual de dous millóns de euros e beneficiará a arredor de 250.000 mozos.

“A medida terá especial relevancia para os mozos de ensino secundario non obrigatorio, de xeito que a gratuidade nos desprazamentos aos centros educativos se estenderá ata os 18 anos; ao tempo que ten unha clara compoñente educativa, ao fomentar unha mobilidade máis sustentable entre os máis novos, concienciándoos das vantaxes que supón o uso do transporte público fronte ao vehículo particular”, apuntou.

EXTENSIÓN AO TRANSPORTE URBANO

Diante desta situación, o portavoz popular sinalou que “a aplicación desta importante medida debe complementarse coa súa extensión ao ámbito do transporte urbano” nos concellos que dispoñen deste servizo: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo e Ourense.

Porén, e logo do debate de mocións promovidas polo PP en todos estes concellos, Goldar salientou que “somos o único partido que está claramente a favor desta medida social, xa que os demais abstéñense ou votan en contra en función de para onde vire o vento dos gobernos de turno”.

O portavoz popular lamentou que tanto PSOE, como BNG e AGE “deixaran pasar esta posibilidade de emendar eses graves erros dos seus compañeiros nesas cidades, facendo seguidismo dos seus grupos municipais e deixando ben claro a quen defende cada quen”. 

Parlamento aproba primeira PL de iniciativa popular para redución do IVE dos cueiros

O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A PRIMEIRA PROPOSICIÓN NON DE LEI DE INICIATIVA POPULAR, QUE SOLICITA UN TIPO SUPERREDUCIDO DO IVE PARA OS CUEIROS DOS NENOS

·    A Lei de iniciativa lexislativa popular e participación popular aprobada o pasado mes de agosto facilita que os galegos poidan presentar preguntas ou proposicións non de lei no Parlamento galego

Santiago, 29 de xuño de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a primeira proposición non de lei de iniciativa popular, rexistrada pola Asociación galega de familias numerosas (Agafan) e asumida polo Grupo Popular, a través da que se demanda ao Goberno central a redución do tipo impositivo de IVE dos cueiros dos nenos, pasando do 21 por cento actual ao superreducido do 4 por cento como produto de primeira necesidade.

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez, lembrou que se trata da primeira proposición non de lei de iniciativa popular que se debate e aproba nun Parlamento español. Esta situación é posible logo da aprobación o pasado mes de agosto no Parlamento galego da Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá, que permitiu ampliar os mecanismos de participación directa dos cidadáns no Parlamento, facilitando que os galegos se impliquen activamente na actividade parlamentaria presentando iniciativas de control e impulso ao Goberno galego.

Acolléndose a esta posibilidade, Agafan rexistrou no Parlamento galego esta primeira proposición non de lei de iniciativa popular, que “o Grupo Popular asumimos e compartimos porque é coherente coa política de apoio ás familias galegas que xa leva adiante a Xunta de Galicia”.

MEDIDAS DE APOIO Á FAMILIA

Neste sentido, Marta Rodríguez lembrou que a Lei de apoio á familia e a convivencia de Galicia, aprobada no mes de xuño de 2011, establece o deber dos poderes públicos de recoñecer e amparar á familia en todas as súas manifestacións e formas de organización, dándolle un especial apoio e protección.

“Así mesmo, en abril de 2013 aprobouse o Plan de dinamización demográfica de Galicia, que contempla medidas como a mellora dos beneficios fiscais, os servizos de axuda no fogar para a infancia e axudas tanto para o acceso á vivenda como para o transporte público”, indicou a portavoz popular.

Rodríguez Arias referiuse tamén ao borrador do Plan galego de política familiar, presentado en febreiro de 2015 e que conta con 177 medidas que complementan as recollidas no Plan de dinamización demográfica de Galicia. “Unha destas iniciativas é solicitar unha tarifa reducida do IVE para produtos de primeira necesidade e atención a menores de seis anos, incluíndo neste grupo os cueiros dos nenos”, sinalou.

A portavoz de Servizos Sociais salientou o incremento de recursos para apoiar ás familias e á infancia disposto polo actual Goberno galego, que no 2016 se incrementaron nun 40 por cento. En concreto, fixo referencia ao bono conciliación para as familias que non teñan praza nunha escola infantil da Xunta; o bono Coidado no rural para aqueles casos onde non existe escola infantil á que levar aos seus fillos; a tarxeta Benvida de axuda directa de 100 euros mensuais por nacemento de fillos durante o primeiro ano; o incremento de deducións por nacemento ou adopción de fillos de 300 a 360 euros; ou duplicando o límite da dedución por coidado de fillos menores de 200 a 400 euros.