Puy salienta que o Parlamento cumpriu o obxectivo de ser o centro de participación


PUY SALIENTA QUE O PARLAMENTO CUMPRIU O OBXECTIVO DE SER O CENTRO DA PARTICIPACIÓN CIDADÁ, DE DEBATE E DE ACTIVIDADE POLÍTICA

·    Destacou que cinco das seis leis que se debaterán no Pleno chegan sen voto en contra

·    O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria solicitar que o Concello de Vigo se adhiera ao programa de vivendas baleiras da Xunta e que o Goberno galego estenda a plataforma É-Saúde ao conxunto da cidadanía galega

Santiago, 5 de xullo de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que o Parlamento galego cumpriu nesta lexislatura “o obxectivo de ser o centro da participación cidadá, de debate e da actividade política, ata o punto de que é un perfecto espello da situación política: un partido que ofrece estabilidade e diálogo mentres que en fronte hai unha alternativa de goberno moito máis dividida do que estaba cando comezou a lexislatura e sen moita capacidade de ofrecer alternativas, salvo algunhas políticas de xestos”.

Na comparecencia posterior á reunión da Xunta de Portavoces, Pedro Puy agradeceu aos portavoces dos grupos da oposición “a súa predisposición a permitir que os horarios do Pleno da vindeira semana sexan razoables, dada a alta concentración de normas habitual no final do período de sesións, que provocan que a sesión sexa complicada en termos de xestión horaria”. Neste sentido, concretou que todos os grupos acordaron renunciar a unha parte do tempo que lles correspondería no debate dalgunha destas normas en Pleno.

Respecto do debate das seis iniciativas lexislativas incluídas na orde do día, das que seis son proxectos de Lei remitidos polo Goberno e as outras dúas son proposicións de lei promovidas desde o Grupo Popular e o BNG, o portavoz popular tamén subliñou que ningún texto lexislativo (dos cinco que se debateron, xa que un deles tramítase polo procedemento de lectura única) tivo voto en contra. “O consenso é mérito das dúas partes”, sinalou Pedro Puy, quen considerou demostrado que “ás veces é posible o acordo en cuestións que afectan á cidadanía sen que haxa votos en contra significativos”, en referencia as leis da área metropolitana de Vigo, a lei de transporte público ou a modificación da Lei de violencia de xénero.

SENADORES, UNIVERSIDADE DE A CORUÑA E VALEDORA

A orde do día do Pleno incorpora a elección dos tres senadores en representación da Comunidade galega (dos que dous corresponden ao Partido Popular e un ao Partido Socialista) e seis membros do Consello Social da Universidade de A Coruña, así como a comparecencia da Valedora do Pobo para dar conta do seu informe de xestión correspondente a 2015.

Pedro Puy referiuse á solicitude do Grupo Socialista para que o Presidente da Xunta comparecera sobre a política laboral e o emprego, “xusto cando acabamos de ter un dos mellores datos de crecemento do emprego no mes de xuño”. Neste sentido, recoñeceu que estacionalmente o paro baixa no mes de xuño como consecuencia do período veraniego, como  demostra o feito que en termos mensuais a creación de emprego crecera este ano un 6 por cento, fronte ao 2,5 do 2008, o 3,5 do 2009 e do 3,8 no 2010.

Porén, indicou que, na comparativa interanual, fronte ao descenso do desemprego do 9,5 por cento rexistrado este ano, en 2009 o paro incrementouse o 31,12 por cento e no 2010 o 9,7 por cento.  “A comparación dos datos estacionais dan un resultado que nos fai ser optimistas no sentido de que, aínda que agora o paro rexistrado en Galicia é menor que no 2009, hai que seguir perseverando para mellorar estas cifras”, sinalou.

REFORMA ELECTORAL EXTEMPORÁNEA

O portavoz popular tamén cuestionou a intención do BNG de incorporar na sesión plenaria o debate dunha proposición de lei de reforma da lei electoral. “Despois de traer unha proposta de reforma da lei electoral galega, outra sobre a reforma da lei electoral xeral e mesmo outras cuestións afíns a procedementos electorais, sorprende que se solicite un debate sobre  normas electorais a escasas semanas dun proceso electoral”, indicou.

Puy lembrou que “cando nós formulamos ao inicio da lexislatura unha reforma electoral, se nos acusou de ventaxismo e de facer actuacións pouco democráticas” e recordou que o Código de boas prácticas en materia electoral do Consello de Europa recolle que non se debe tocar unha norma electoral un ano antes dunha convocatoria electoral. “A lei electoral vai ser a mesma coa que os galegos levan votando moitos anos, porque daría unha mala imaxe de saúde democrática que a escasos meses das eleccións formuláramos calquera reforma da lei electoral”, sinalou.

O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria da vindeira semana dúas proposicións non de lei. A través da primeira delas, demándase ao Concello de Vigo a adherirse ao programa de vivendas baleiras da Xunta; mentres que a segunda ten como obxectivo que o Goberno galego estenda progresivamente a plataforma É-Saúde ao conxunto da cidadanía galega.

Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a situación da doazón e o transplante de órganos e tecidos en Galicia e as conclusións do informe sobre a evolución da clasificación microbiolóxica das zonas de produción marisqueira en Galicia.