O GPP demandará a Fomento no pleno a conexión de Lugo coa alta velocidade ferroviaria

Santiago, 20 de decembro de 2016.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana solicitar ao Ministerio de Fomento a conexión de Lugo coa alta velocidade ferroviaria e que elabore unha planificación estratéxica que permita avanzar neste obxectivo de modo firme e constante, recollendo xa nos orzamentos de 2017 as partidas suficientes para avanzar na redacción dos proxectos construtivos. Así mesmo, demandará á Xunta que inicie a oferta rutineira da proba do VIH ás persoas entre 15 e 59 anos que vaian proceder a unha extracción de sangue no seu centro de saúde.


O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, reiterou que neste momento “Lugo é a única capital galega que queda fora dos enlaces ferroviarios de alta velocidade coa Meseta, polo que para o Partido Popular constitúe unha prioridade” acadar esta conexión.

 

MODERNIZACIÓN FERROVIARIA

 

En concreto, a proposición non de lei do Grupo Popular insiste na necesidade de acometer, no menor prazo de tempo posible, un proceso de modernización da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, ao tempo que demanda unha priorización nos investimentos que garantan a modernización e faciliten a conexión de Lugo cos servizos de alta velocidade ferroviaria.

 

O Grupo Popular tamén defenderá na sesión plenaria da vindeira semana instar á Xunta a que inicie, tal e como se recolle no Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual 2015-2018, a oferta rutineira  da proba do VIH ás persoas de entre 15 e 59 anos que vaian proceder a unha extracción de sangue no seu centro de saúde. O obxectivo desta iniciativa é reducir o diagnóstico tardío desta infección e, deste xeito, minorar a transmisión do virus entre a poboación.

 

Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a incidencia do Brexit no sector pesqueiro, en particular na flota de Gran Sol; e sobre a implantación do programa Acude e axuda, dirixido a reducir os tempos para o inicio das manobras de reanimación cardiopulmonar.

O GPP asegura que os orzamentos da Deputación de Ourense permiten “seguir camiñando na boa dirección”

Santiago, 20 de decembro de 2016.- O deputado do Grupo Popular César Fernández Gil asegurou esta tarde no Parlamento que os orzamentos da Deputación de Ourense para 2017 permiten “seguir camiñando na boa dirección e dando respostas ás necesidades que ten a sociedade da provincia de Ourense”.


César Fernández indicou que o goberno da Deputación de Ourense ten “unha visión integral da provincia e amosa que existe proxecto político que cristaliza en plans e nun orzamento”. Neste sentido, lembrou que estas contas están aprobadas desde o pasado mes de setembro, “o que outorga certidume, planificación e seguridade para as entidades locais e os cidadáns”.

 

XESTIÓN SERIA E SOLVENTE

 

Estas orzamentos “amosan que existe unha xestión seria e solvente da Deputación de Ourense, poñendo a disposición dos ourensáns unha administración pública para mellorar os servizos que reciben”.

 

En concreto, o deputado popular sinalou que estes orzamentos “responden ao Plan de mandato Ourense 15-19, a través do que se reduciu a débeda desta administración desde o 116 por cento ao 25 por cento”.

 

Entre os proxectos estratéxicos que se levarán adiante, Fernández referiuse á aposta polo termalismo como eixo de desenvolvemento provincial; o plan de fomento do emprego para os concellos, distribuído con criterios de obxectividade no reparto dos fondos públicos; o proxecto de Provincia Intelixente, para afondar no desenvolvemento da administración electrónica; o incremento do plan de cooperación de obras e servizos para os concellos; e as axudas para que os concellos que acrediten insuficiencia financeira sufraguen gasto corrente; ao tempo que foi a primeira deputación en asumir os gastos que ocasionan os grupos de emerxencias supramunicipais nos concellos.

 

César Fernández manifestou que “parece que aos grupos da oposición o último que lles preocupa é Ourense, porque a realidade que pintan é permanentemente desmentida pola sociedade ourensá”. Deste xeito, pediu “un mínimo de respecto cara aos representantes públicos da sociedade de Ourense”, aínda que recoñeceu que á oposición “pódelle resultar frustrante chegar e ter que someterse ao que dita a realidade”.

O GPP pon de relevo que Darío Campos preside na Deputación de Lugo un goberno en precario

Santiago, 20 de decembro de 2016.- O deputado do  Grupo Popular Daniel Vega puxo de relevo esta mañá no Parlamento que o presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, preside un goberno “en precario” e lembroulle que “está obrigado a pactar para que un ano máis os orzamentos do ente provincial non queden en fume”. Para evitar esta situación, Vega tendeu a man do PPdeG ao Goberno provincial en minoría, dun xeito responsable e tal e como fixeron na presente anualidade, para que sexa posible chegar a unhas contas de consenso que permitan resolver os problemas dos lucenses tamén no 2017.


 
Daniel Vega lembrou que Darío Campos “é o presidente con menos respaldo das catro deputacións galegas e o mais débil que se acorda na institución provincial”. “A pesar diso, segue aplicando a unilateralidade, carente de man esquerda, de diálogo e pouco interesado no funcionamento normal da institución”, dixo.

 

 “Non podemos comprender a falta de diálogo do PSOE, pese a que presenta unhas contas que só defenderán, no mellor dos casos, 10 dos 25 deputados provinciais”, sinalou o deputado popular. Neste sentido, engadiu que “o único que nos queda claro é que vostede so chega a acordos cando se trata de manterse no poder e non pensa no interese dos lucenses”, polo que recomendoulle “unha vez máis que sexa consciente da súa febleza e conxugue o verbo pactar”.

 

O deputado popular reclamoulle, por exemplo, que os orzamentos da 2017 incorporen o investimento necesario para facer posible a dotación de material do auditorio de Lugo, en cuxa construción a Xunta xa investiu 20 millóns de euros. Lembroulle tamén que nas contas pactadas para a anualidade de 2016, a Deputación comprometeuse co PP a ampliar as dotacións en materia de axuda no fogar, o plan de obras e servizos, impulsar o programa de axudas para concellos de menos de 20.000 habitantes ou o plan para a renovación de marquesiñas, “cuestións que esiximos incorporar tamén nos orzamentos de 2017”.

 
FALTA DE CREDIBILIDADE E INCUMPRIMENTOS

 
Por outra banda, Daniel Vega reprochou a falta de “credibilidade e palabra” do presidente socialista e repasou os múltiples compromisos incumpridos por Darío Campos daqueles que presentou na súa anterior comparecencia no Parlamento de Galicia. “Vostede veu aquí para propoñer múltiples iniciativas que despois quedaron en promesas rotas: eliminou os orzamentos participativos, hai un futuro incerto para a granxa Gayoso Castro, e 6 anos despois a Deputación de Lugo foi incapaz de poñer en marcha unha soa praza das residencias promovidas polo ente provincial”, concretou.

 
Vega tamén censurou que “o PSOE é responsable directo do deterioro da imaxe do ente provincial, entre liortas internas do provincial e os problemas xudiciais da institución”, polo que reclamou “accións decididas para devolver á Deputación a dignidade que nunca debeu perder”.

 
“Vostede, Sr. Campos, converteu a Deputación de Lugo na institución provincial con máis problemas internos de España: en pouco máis dun ano o seu grupo viuse reducido coa marcha do señor Martínez e despois romperon o pacto de goberno co BNG; ao tempo que a imaxe da institución viuse relegada ás portadas dos xornais que informaban dos líos xudiciais do seu ex presidente”, sinalou. “As deputacións provinciais non deben ser isto, porque a Deputación está para resolver dificultades e non para crealas”, apuntou.

 
Para rematar, Daniel Vega lembrou que son tempos de responsabilidade política. “Debémonos  aos cidadáns, chegou a hora do traballo e do diálogo, palabras fundamentais no día a día da política”.

O GPP critica que os orzamentos da Deputación de A Coruña sexan “pouco ambiciosos, cómodos e inconformistas”

Santiago, 20 de decembro de 2016.- O deputado do Grupo Popular Aurelio Núñez Centeno cualificou hoxe os orzamentos da Deputación Provincial de A Coruña de “pouco ambiciosos, cómodos e conformistas”, que “cun descenso das partidas para o beneficio dos cidadáns pero en claro avance para o PSOE e BNG, os grupos políticos que manexan o organismo”. Así mesmo, criticou “a pouca vontade de diálogo” amosada polo goberno da Deputación, polo que demandou que “retomen o consenso e negocien co grupo maioritario do PP”.


Aurelio Núñez explicou que as contas da Deputación de A Coruña para 2017 “conxeláronse, ao incrementarse unicamente o 0,52 por cento”. Nese sentido, considerou “curioso que os grupos da oposición vexan ridículo  un incremento dos orzamentos da Xunta do 3 por cento e vexan magnífico este incremento mínimo, pasota e pasivo na Deputación coruñesa”.

 

MENOS RECURSOS PARA OS CONCELLOS

 

“Gastan moito máis no goberno da Deputación e moito menos nas necesidades dos concellos”, sinalou o deputado popular. En concreto, lembrou que o capítulo de investimentos redúcese en  máis de 4,5 millóns de euros; as transferencias aos concellos en 762.000 euros; os gastos para conservación e mantemento de vías e obras provinciais en 1,6 millóns de euros; o investimento para cultura e deportes nun 15 por cento; e a partida de acción social nun 17,92 por cento, especialmente o destinado a políticas de igualdade, que pasa de 1,3 millóns a 673.000 euros.

 

Núñez Centeno referiuse expresamente ao novo plan único POS-Plus, que aglutina os antigos POS, PAS e PAI. “Este plan baleira de contido político en exceso a capacidade de actuación da Deputación e dota de menos recursos económicos aos concellos da provincia, xa que pasa dun investimento conxunto dos tres plans antigos de 78 millóns aos 74 millóns d euros do novo plan único”, explicou.

 

Así mesmo, o deputado popular cualificou de “conto da leiteira” o anuncio de que o POS-Plus se incrementará sensiblemente, porque “a día de hoxe non deixan de ser boas palabras que non se reflicten no papel”.

 

NEGOCIE CO PARTIDO  POPULAR

 

Aurelio Núñez demandou ao presidente da Deputación coruñesa que “retome o espírito de diálogo e de consenso” no organismo provincial. “Faga valer as súas ideas, non se deixe malaconsellar e ser refén da vicepresidenta do BNG, e negocie co Partido Popular para recuperar ese consenso que imperou nos últimos anos”, indicou.

 

Para rematar, o deputado popular demandou que as contas da Deputación Provincial “deben seguir na liña do rigor e de control do gasto da anterior corporación provincial do PP”, que deixou unha institución saneada logo de amortizar unha débeda que superaba os 90 millóns de euros no ano 2011.