O GPP asegura que o actual goberno da Deputación de Pontevedra “é o máis irrelevante da historia”

Santiago, 20 de decembro de 2016.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou hoxe no Parlamento que o actual Goberno da Deputación de Pontevedra, presidido por Carmela Silva, “é o máis irrelevante da historia” e dixo que “se o seu plan era demostrar a inutilidade das deputacións provinciais, teño que felicitala porque logrou o obxectivo”. Ademais, Pazos lembrou que este Goberno provincial conta con tres membros imputados por delitos relacionados coa corrupción. “A pesar de que a investigación avanzou e se desimputou a outras persoas, os membros do seu goberno continúan imputados e vostede segue sen tomar ningunha medida e sen dar explicacións aos cidadáns”, engadiu.


Alberto Pazos afirmou que os orzamentos que a presidenta da Deputación de Pontevedra presentou hoxe no Parlamento “supoñen unha emenda á totalidade da proposta de novo goberno provincial que fixo nesta Cámara hai algo máis dun ano”.

 

INCREMENTO DOS FONDOS DE LIBRE DISPOSICIÓN

 

Así, concretou que “rompeu a promesa de desaparición dos fondos de libre disposición, aos que cualificaba de ilegais, clientelares e caciquís, porque antes da finalización do seu primeiro ano de goberno improvisou unha partida de libre disposición por contía superior a 1 millón de euros que distribuíu a dedo para compensar unha suposta discriminación previa dalgúns concellos, fondos que nun 84 por cento se transferiron a gobernos amigos”.

 

“Este ano incrementa eses fondos de asignación dixital a 2,7 millóns de euros entre libre disposición e subvencións nominativas, introducindo como novidade a eliminación das bases que regulaban a xestión deses fondos”, sinalou.

 

O deputado popular indicou que a través do Plan de Concellos “trasladou aos entes locais a maioría das responsabilidades que asumía a deputación nos seus territorios, pero sen transferirlles os fondos que financiaban esas responsabilidades”. A maiores, Alberto Pazos recordou a práctica paralización do parque de maquinaria provincial, ao tempo que fixou un criterio que restrinxe o mantemento das estradas provinciais a aquelas que soporten un tráfico viario de máis de 3.000 vehículos, “o que supón abandonar o mantemento de máis do 90 por cento das vías de titularidade provincial: as do rural”.

 

DEIXOU TIRADO AO ASOCIACIONISMO

 

“Prometeu vostede apoio aos colectivos, asociacións, clubes, fundacións, ONGs a través da concorrencia, pero simplemente eliminou calquera liña de axuda”, manifestou o deputado popular, que asegurou que “deixou tirado ao asociacionismo pontevedrés”.

 

No ámbito do emprego, Alberto Pazos recordou que “prometeu dedicar o 20 por cento do orzamento a emprego e no informe da propia Deputación admite que se reduciu a un 8 por cento”.

 

“A cambio, aumentaron vostedes o custe de goberno e asesores en máis de 700.000 euros ao ano e dedicaron 13 millóns de euros do orzamento a subscribir convenios para satisfacer aos alcaldes de Vigo e Pontevedra que a sosteñen no posto, e aumentou o plan de compostaxe, mentres lle negan os fondos que lle legalmente lle corresponden ao novo concello de Cerdedo-Cotobade”, engadiu.