Santiago, 30 de xaneiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que os cambios no grupo parlamentario, motivados pola renuncia de cinco conselleiros ás súas actas de deputados e a permanencia doutros cinco membros do Goberno galego na Cámara galega, permitirán manter unha boa colaboración entre o Goberno e o grupo parlamentario, ao tempo que se equilibra a capacidade de traballo dos deputados a tempo completo.
Pedro Puy considerou “bo a presenza dalgún membro do Goberno como deputados” e apuntou que neste caso “o equilibrio é correcto, xa que hai persoas que seguirán desempeñando o escano facilitando a coordinación co Goberno e ao mesmo tempo o grupo pode xa con 35 deputados dedicados ao Parlamento determinar cales son os portavoces e outras cuestións”.
Máis en concreto, explicou que ao longo desta semana procederase á substitución dos conselleiros de Facenda, Infraestruturas, Educación, Sanidade e Medio Rural polos novos deputados do Grupo Popular. En concreto, se producen dúas baixas pola provincia de A Coruña, que serán ocupadas por Soraya Salorio Porral e Gonzalo Trenor; e tres pola provincia de Pontevedra, que serán substituídos por Isabel Novo Fariña, Moisés Rodríguez e Jacobo Moreira, unha vez que tamén renuncie ao escano o actual director do Instituto de la Juventud, Javier Dorado.
INGRESOS MAL CALCULADOS
Por outra banda, Puy informou que esta mañá rematou a tramitación en comisión dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2017, que serán debatidos para a súa aprobación definitiva nun pleno extraordinario o vindeiro luns.
Respecto das emendas presentadas polos grupos da oposición, o portavoz popular subliñou que as súas propostas de incremento de ingresos, vía suba de impostos bastante xeneralizada, está mal calculada”.
Deste xeito, apuntou que no Grupo Popular “temos a certeza de que o que se está votando vaise executar e no caso de que haxa máis ingresos, como consecuencia de que somos conservadores nas previsións de crecemento, existirá unha marxe interesante e importante para seguir incrementando o gasto social, especialmente no ámbito sanitario”.
CONDENA VIOLENCIA DE XÉNERO
Pedro Puy tamén manifestou a firme condena do Grupo Popular ao novo caso de violencia de xénero acontecido no día de onte no Carballiño. Neste sentido, avogou porque “todos debemos facer un esforzo para adoptar acordos por unanimidade que melloren a atención ás persoas susceptibles de ser vítimas de violencia de xénero”, recoñecendo que “é unha loita complexa e longa, na que toda a sociedade se ten que involucrar e na que os representantes públicos tratamos de estar á altura das circunstancias e da envergadura do problema”.