O GPP demandará no pleno evitar o peche do CIM de Ponte Caldelas e adecuar os coeficientes redutores da idade de xubilación á pesca galega

Santiago, 31 de xaneiro de 2017.- O Grupo Popular defenderá no pleno da vindeira semana que se adopten as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller de Ponte Caldelas, así como que se adecúen os coeficientes redutores da idade de xubilación as características da actividade marítimo-pesqueira en Galicia.

 

A remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy,  informou que o vindeiro luns, 6 de febreiro, procederase ao debate para a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2017 nun pleno extraordinario. En primeiro lugar, terá lugar o debate do conxunto das seccións e, de seguido, será a quenda do articulado dos orzamentos.

 

ACORDO PARA CONCELLOS CON PXOM ANULADO

 

A sesión plenaria tamén incorpora o debate do proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos presupostos. Neste sentido, Puy destacou a dificultade para chegar a acordos coa oposición cando “dúas terceiras partes das emendas que presentaron eran de supresión”.

 

Porén, salientou o acordo acadado entre o Grupo Popular e o Socialista para incorporar no proxecto de lei a posibilidade de que os concellos con plan xeral anulado, como Vigo ou Ourense, poidan aprobar medidas urbanísticas de ordenación provisionais, a través das que se manteña a actividade vinculada a determinados ámbitos do planeamento anulado que acadaran un elevado grao de desenvolvemento con carácter previo á anulación do plan e que sexan considerados como de especial interese.

 

CIM PONTE CALDELAS E XUBILACIÓNS NA PESCA

 

Respecto das proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá que o Concello de Ponte Caldelas adopte as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller, logo de que os responsables municipais decidiran pechar este servizo logo de dez anos de traballo e de ter un presuposto asignado por parte da Xunta de Galicia.

 

En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará á Xunta que, á espera de que entre en vigor o vindeiro verán o regulamento aprobado polo Parlamento europeo e o Consello de Europa que define as características dos barcos de pesca, abra un proceso de diálogo de cara á adecuación dos coeficientes redutores da idade de xubilación ás características da actividade marítimo-pesqueira en Galicia.

 

Para rematar, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as medidas e axudas que está a impulsar para a vertebración do sector lácteo galego; a evolución dos datos da enfermidade gripal neste inverno; e o balance do programa Reconduce

O PPdeG propón de novo á oposición aprobar unha declaración institucional para reclamar investigación independente sobre accidente de Angrois

Santiago, 31 de xaneiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, propuxo hoxe de novo aos grupos da oposición aprobar unha declaración institucional na que se solicite, a raíz do informe elaborado pola Axencia Europea Ferroviaria e as demandas realizadas pola Eurocámara, a apertura dunha investigación que reúna os requisitos de independencia e analice as debilidades das investigacións realizadas sobre o accidente de Angrois.

 

Pedro Puy lembrou que o Grupo Popular xa propuxo o pasado 12 de xullo a aprobación polo Pleno dunha declaración institucional a través da que se solicitaba a apertura dunha investigación independente sobre o accidente de Angrois. Porén, lamentou que esa declaración non saíu adiante “como consecuencia do veto dos grupos parlamentarios de BNG, AGE e Mixto”.

 

LECTURA NO VINDEIRO PLENO

 

Deste xeito, apuntou que “se o que suscita de novo o debate sobre este accidente son as recomendacións europeas, desde o Grupo Popular estamos dispostos a retomar esa declaración institucional, coa incorporación das recomendacións da Eurocámara, e darlle lectura no vindeiro Pleno”.

 

“Somos coherentes co que vimos defendendo sempre que se solicita unha comisión de investigación”, sinalou o portavoz popular, quen reiterou que o Parlamento de Galicia, á marxe de temas relacionados coas emerxencias e a atención sanitaria, “non ten competencias sobre o accidente”. “Os parlamentos autonómicos non teñen capacidade para abrir investigacións sobre materias de competencia estatal”, engadiu, polo que esa comisión de investigación “tería pouca capacidade para investigar este accidente porque os responsables estatais non acudirían a comparecer dado que quen exerce o control sobre o Goberno do Estado son as Cortes Xerais”.