O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, quixo facer balance hoxe do ano que remata e destacou que 2017 deixa unha Galicia máis forte e preparada que a de hai 12 meses. O dirixente popular pasou revista a algúns dos fitos destes 365 días, e destacou dous: a desaparición definitiva da crise (aínda que non de todos os seus efectos) e a consolidación da autonomía como un dos territorios de referencia do Estado.
Tellado: “O discurso de Feijóo anticipa unha Galicia valente e protagonista nos grandes debates estatais do novo ano”
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou hoxe o discurso do presidente da Xunta con motivo deste remate do ano 2017, e destacou que foi unha intervención valente e optimista. “Feijóo anticipou unha Galicia protagonista dos grandes debates estatais do novo ano”, apuntou, e puxo en valor que a voz dos galegos será escoitada á hora de afrontar asuntos como a reforma do modelo de financiamento, do texto constitucional ou do modelo territorial.
Tellado: “José Blanco pretende lavar a súa conciencia polo incremento de peaxes con mentiras e ataques”
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou hoxe que José Blanco pretenda lavar con mentiras e ataques a súa mala conciencia pola suba de peaxes que endosou a Galicia na súa etapa como ministro de Fomento de José Luís Rodríguez Zapatero.
Puy salienta que o 80 % dos asuntos que se debateron no último ano no Parlamento galego foron a iniciativa da oposición
Santiago, 29 de decembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, acompañado dos viceportavoces Miguel Tellado e Paula Prado, presentou esta mañá un balance da actividade parlamentaria neste primeiro ano de lexislatura, período no que se celebraron 394 reunións de órganos da Cámara galega. Puy destacou a aprobación de 11 textos lexislativos, así como que o 80 por cento das cuestións debatidas en Pleno foron a iniciativa da oposición .
Pedro Puy concretou que das 11 leis aprobadas neste primeiro ano da X Lexislatura, 8 eran proxectos de Lei remitidos polo Goberno galego, dos que 5 estaban relacionados con trámites orzamentarios (dous orzamentos, dúas leis de acompañamento e unha lei de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social) e os outros tres foron o de protección e benestar dos animais de compañía, o de portos e o de espectáculos públicos e actividades recreativas.
Así mesmo, aprobáronse dúas proposicións non de lei dos grupos parlamentarios (a solicitude de transferencia da AP-9 a Galicia e a de fomento da implantación de iniciativas empresariais), así como unha iniciativa lexislativa popular (de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxético).
CERCA DE 1.000 PRESENZAS DO GOBERNO
No ámbito do control ao Goberno galego, o portavoz popular subliñou que, “sumando plenos e comisións parlamentarias, os membros do Executivo teñen comparecido unha media de 2,5 veces cada día desta lexislatura”. En concreto, en sesión plenaria atenderon 372 solicitudes de comparecencia, preguntas ou interpelacións, ás que se suman outras 619 intervencións en comisións parlamentarias.
Respecto do impulso ao Goberno, Puy explicou que neste ano se aprobaron 11 mocións e 77 proposicións non de lei en Pleno, ademais doutras 195 proposicións non de lei en comisións parlamentarias.
Neste sentido, destacou que o 44 por cento destas proposicións non de lei aprobadas en Pleno foron a iniciativa da oposición, ao tempo que o 46 por cento saíron adiante co apoio unánime dos grupos parlamentarios.
No caso das comisións, a porcentaxe de proposicións non de lei da oposición aprobadas increméntase ata o 57 por cento, así a porcentaxe de aprobadas por unanimidade: 0 64 por cento.
No que respecta á presenza do Grupo Popular nas redes sociais, Pedro Puy salientou que “as nosas publicacións chegaron a un total de 148.000 persoas no último medio ano, cunha media de 4.900 impresións ao día, sendo vistas en 712.000 ocasións”. Ademais, incrementamos en 315 os novos seguidores das contas, superando os 2.600 en twitter e os 1.400 en Facebook. Por último, a valoración do Grupo Popular no índice KLOUT mantense en 56 puntos, considerándose como moi influínte.