14, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pide unir o voto no Partido Popular para que unha maioría teña alcaldes que se deba unicamente aos seus veciños e non aos seus socios.
Por iso, fixo fincapé en non dividir o voto en diferentes partidos nin quedando na casa sen ir a votar, xa que de facelo perderán todos os veciños que preferían un alcalde do PP, en lugar do que saia da suma de nacionalistas, populistas e socialistas. Dixo que só hai unha maneira de gañar as eleccións e é unindo o voto no Partido Popular, para así ter, ademais, gobernos con programa e que crean na xestión. E é que, tal e como incidiu, votar ao PP é ter a certeza de que o voto acaba en gobernos que gobernen, unidos e comprometidos co seu concello.
ELIXIMOS A UN DOS NOSOS VECIÑOS
De cara as Municipais, Feijóo salientou que se pode cambiar o resultado do 28 de abril e convertelo en vitoria electoral. Subliñou que o próximo 26 de maio non se escolle simplemente un partido, unha ideoloxía ou unhas siglas, senón ao veciño que máis escoita e resolve, co que nos identificamos máis, o que nos representará mellor, o que ten máis proxectos e máis ganas para levalos adiante, que ten o equipo máis preparado e con máis capacidade para xestionar e gobernar.
“En definitiva, o veciño ao que lle deixaríamos a chave da nosa casa”, recalcou. Neste senso, subliñou que só hai un xeito para que o 27 de maio o alcalde do noso concello sexa do Partido Popular: votando directamente ao PP.
O líder do PPdeG indicou que o resultado electoral do pasado 28 de abril non lle gustou a millóns de españois porque gañou un Goberno de España que non querían. Así, asegurou que a maioría dos votantes de Ciudadanos e Vox terían preferido un presidente do PP a un presidente do PSOE apoiado por Podemos e os nacionalistas, do mesmo xeito que preferían unha maioría do PP no Congreso e no Senado. Por iso, Feijóo incidiu en que a única fórmula de conseguir uns resultados electorais que satisfagan o próximo 26 de maio é unir o voto no Partido Popular e non deixar que o azar decida.
UNHA TRAXECTORIA ASCENDENTE QUE NON PODE PARAR
Durante un mitin en San Cibrao das Viñas, o presidente salientou que o candidato popular, Manuel Pedro Fernández, leva oito anos demostrando que sabe escoitar e solucionar os problemas: “Por iso é o mellor alcalde que pode ter San Cibrao para seguir crecendo, porque a traxectoria ascendente desde municipio non pode parar agora”.
Como sinalou, aínda hai moito que facer neste municipio ourensán, e só o PP pode garantir que isto suceda, lembrando que os populares van cumprir con obras clave como o enlace da A-52 co polígono industrial, na que a Xunta está a traballar a pleno rendemento e que estará lista nesta lexislatura; e con máis medidas para a conciliación da vida familiar e laboral, como as que incluirá a futura Lei de impulso demográfico.
RUBÉN QUINTAS, UN ALCALDE AO SERVIZO DOS VECIÑOS
Anteriormente, en Maceda, Feijóo apoiou ao candidato do PP para que revalide a súa maioría absoluta e siga sendo alcalde. Alí, asegurou que este concello non precisa personalismos, bailes de siglas nin dubidosos pactos electorais, senón que necesita ter un rumbo claro, con capacidade de xestión e vocación de servizo público, “e iso só o poden ofrecer Rubén Quintas e o Partido Popular de Galicia”.
Así, manifestou que “fronte aos que cambiaron de siglas ata tres veces nos últimos dez anos; aos que foron nacionalistas, galeguistas moderados e agora son socialistas; e aos que demostran que só son leais a si mesmos; está Rubén Quintas”, afirmando que o candidato ten moi claro que é do PPdeG, que por riba de calquera ideoloxía é o alcalde de todos, e que ten un equipo que combina renovación e veteranía ademais dun proxecto que só está ao servizo dos seus veciños.