Paula Prado anunciou que o Grupo Popular reclamará ao Goberno central “a execución de proxectos que demandan os galegos e que consideramos necesarios para o desenvolvemento de Galicia”

 

Santiago, 3 de xuño de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, avanzou hoxe que “desde o PPdeG continuaremos defendendo por enriba de todo os intereses de Galicia e para iso traeremos ao Parlamento as propostas que os nosos candidatos anunciaron durante as recentes campañas electorais”. A modo de exemplo, indicou que “xa rexistramos unha proposición non de lei a través da que demandamos ao Ministerio de Fomento que inicie o estudo informativo dun novo acceso ferroviario que conecte a futura estación intermodal de Santiago co aeroporto internacional de Lavacolla, ao tempo que avalíe a posibilidade de empregar os terreos da antiga terminal aeroportuaria.

 

Paula Prado manifestou que, logo da celebración das eleccións xerais, municipais e europeas, “desde o Grupo Popular e desde o Partido Popular en Galicia imos continuar defendendo os intereses e atendendo as necesidades de todos os galegos, tanto con medidas e proxectos impulsados desde o Goberno galego como reclamando ao Goberno central a execución de proxectos que demandan os galegos e que consideramos necesarios para o desenvolvemento da nosa comunidade”.

 

Neste sentido, lembrou que nestas campañas electorais “os nosos candidatos puxeron enriba da mesa proxectos e medidas que buscan mellorar as condicións de vida e os servizos que reciben os nosos cidadáns, defendendo sempre os intereses de Galicia”. “Estas propostas forman parte do proxecto político do Partido Popular en Galicia e, por esta simple razón, desde o Grupo Popular imos recoller estas iniciativas para darlles un impulso desde o Parlamento de Galicia”, apuntou.

 

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

 

A viceportavoz popular explicou que “a realización de moitos destes proxectos fai necesaria a colaboración institucional entre administracións, principalmente desde o Goberno central, para o que consideramos importante que conten co maior respaldo posible, e neste eido revélase fundamental o apoio dos grupos da oposición”.

 

“Desde o PPdeG imos defender sempre os intereses de Galicia e enfrontarnos ao Goberno central cando adopte medidas que afectan directamente aos intereses dos galegos, como o estamos a vivir coa falta da prometida saída ao problema das electrointensivas, o anunciado peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama, a crise que vive o sector da automoción cos vaivéns respecto do imposto do diésel e a contaminación ambiental, ou a parálise do naval público de Navantia”.

 

CONEXIÓN DA INTERMODAL

 

A modo de exemplo, Paula Prado informou que o  Grupo Popular xa ten rexistradas algunhas destas propostas, como a que ten como obxectivo que o Ministerio de Fomento, como administrador titular das competencias en materia ferroviaria, inicie a redacción do estudo informativo dun novo acceso ferroviario que, desde a futura estación intermodal de Santiago, conecte o Eixe Atlántico co aeroporto da capital galega.

 

Esta mesma proposición non de lei tamén solicita a Fomento que, para levar a cabo a contrución da terminal ferroviaria en Lavacolla, avalíe a posibilidade de empregar os terreos da antiga terminal aeroportuaria. “Consideramos fundamental que cando unha infraestrutura perde a función que tiña non se pode deixar baleira, polo que é necesario que a esta antiga terminal se lle dote de contido e funcións”, sinalou.