O pasado 28 de setembro de 2021 a multinacional danesa Vestas abría de xeito oficial o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) que pretende levar a cabo na fábrica de Viveiro (Lugo) e que suporá o cese total de súa actividade neste emprazamento antes de fin de ano e o despedimento dos 115 traballadoras e traballadores do seu cadro de persoal directo.
A factoría lucense está especializada na fabricación de aeroxeneradores para a plataformas terrestres de 2 MW, así como paneis de control da turbina mariña V164 para mercados foráneos.
Recentemente constituíuse unha mesa industrial da que xa forman parte sindicatos, o comité de empresa, e a propia Xunta de Galicia e á que agora debera sumarse o Goberno de España –a través do Ministerio de Industria e o Ministerio para a Transición Ecolóxica– para identificar posibles solucións que permitan o obxectivo compartido de manter o emprego, garantindo unha axeitada negociación do ERE.
Neste contexto non axuda nada a actual política enerxética do Goberno de España, con cifras récord no prezo da electricidade e cunha transición enerxética errada que está a provocar desconfianza e inseguridade no tecido empresarial e que ten o seu impacto no desmantelamento progresivo de empresas vinculadas ao sector enerxético.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
1º.- “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
a) Promover -con urxencia- medidas de apoio e acompañamento aos traballadores e traballadoras afectadas polo ERE comunicado por Vestas na súa fábrica de Viveiro (Lugo)
b) Demandar ao Goberno de España que participe e se implique na mesa industrial, xunto coa Xunta de Galicia, a representación dos traballadores e a empresa, para identificar posibles alternativas que permitan un futuro para os traballadores e traballadoras desta factoría.
c) Demandar ao Goberno de España un cambio de actitude, de tal xeito que se aposte realmente por unha transición enerxética xusta e compatible co mantemento da actividade industrial que se está a ver altamente impactada pola actual estratexia enerxética que provoca o desmantelamento de empresas vinculadas a este sector.
2º.- O Parlamento de Galicia acorda, como Resolución, dar o seu apoio á promoción de todas aquelas iniciativas no ámbito das enerxías renovables que conten coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais, fronte aos intentos de estigmatización deste sector, que provoca un impacto no seu desenvolvemento e na actividade empresarial e industrial asociada á produción de enerxía eólica, como é o caso da fábrica de Vestas”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002112