O Parlamento galego require ao Goberno central que concrete o cronograma para a chegada do AVE a todas as cidades galegas e dote inmediatamente dos trens AVRIL a Galicia

25 de xaneiro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se require ao Goberno de España que concrete o cronograma para a chegada do AVE ao conxunto das cidades galegas; garanta os tempos de viaxe do AVE comprometidos dotando inmediatamente á rede ferroviaria da Comunidade dos trens AVRIL; e especifique o número e tipo de trens AVRIL asignados a Galicia e a data concreta en que eses trens de rodaxe desprazable estarán circulando nesta Comunidade autónoma.

Continue reading

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que estenda a rebaixa do IVE aprobada para os alimentos básicos á carne, ó peixe e ás conservas

25 de xaneiro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central que aplique a rebaixa do IVE dos alimentos básicos e se consideren produtos de primeira necesidade á carne, o pescado e ás conservas, co fin último de estimular a demanda interna e mellorar as previsións de crecemento da economía de ámbolos dous sectores, evitando o prexuízo derivado da iniciativa recentemente aprobada polo Goberno de España.

 

A deputada popular Teresa Egerique lembrou que o Goberno de España “decidía comezar o 2023 cunha redución do IVE aos produtos alimentarios básicos, excluíndo alimentos de primeira necesidade como a carne e o pescado”. “Estamos a falar dunha medida que, ademais de chegar tarde e erixirse como unha iniciativa puramente electoralista, resultou, desde o primeiro momento, totalmente discriminatoria co sector primario”, apuntou.

 

FALTA DE EMPATÍA DO GOBERNO CENTRAL

 

“Non é posible que, como ocorreu coas desafortunadas declaracións do ministro Garzón, se continúe discriminando ao sector gandeiro español por parte do Goberno de España, sobre todo se temos en conta a forte aposta deste tipo de produción alimentaria de calidade a prol do medio ambiente, do benestar animal ou da recuperación da terra agraria”, sinalou a deputada popular.

 

Teresa Egerique lamentou “a falta de empatía do Goberno de Pedro Sánchez co sector produtor de carne, publicando a finais do pasado ano todo un paquete de novidades normativas que incidirán directamente na súa conta de gastos, tendo en conta a suba de custos de produción, pero deixando a carne fóra da rebaixa do IVE para alimentos de primeira necesidade”.

 

Respecto da rebaixa do IVE a peixes, mariscos e conservas procedentes do mar, Egerique lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “tampouco tivo en conta o impacto que neste sector está provocando o incremento de prezos da cesta da compra, e que se traduce nunha progresiva diminución do consumo destes alimentos por parte de moitas familias”.

 

“A rebaixa do IVE contribuiría a apoiar a un sector que está a sufrir o impacto da crise de prezos e o impacto das decisións moi cuestionables da Unión Europea, sen que o Goberno central fora quen de frealas, como é o caso do veto á pesca de fondo, entre outras”, manifestou.

 

ALIMENTACIÓN EQUILIBRADA

 

A deputada popular considerou “necesario, dadas as circunstancias actuais e a inflación rexistrada en España, aliviar a situación económica das familias, especialmente daquelas con baixos ingresos”, polo que avogou por “unha redución inclusiva de todos os alimentos que non só sexan considerados de primeira necesidade, senón que, ademais, contribúan á alimentación equilibrada dos cidadáns, como é o caso da carne e o peixe”.

 

Para rematar, explicou que a exclusión da rebaixa do IVE da carne, o peixe e as conservas, “ademais de ser un agravio comparativo con respecto a outros alimentos básicos, esta situación de discriminación tamén se produce con respecto a outros países da contorna europea, onde os produtos pesqueiros están gravados, non ao 10 por cento como en España, senón ao 6 ou o 5 por cento, ou incluso excluídos do IVE”.