O Parlamento galego pide ao Goberno central que aplique á carne, ao pescado e ás conservas a rebaixa tributaria que aplicou aos produtos básicos

23 de maio de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a exercer a presión negociadora necesaria co obxecto de que se aplique á carne, ao pescado e ás conservas a rebaixa tributaria dos alimentos básicos aprobada polo Goberno central, ao tempo que consideren produtos de primeira necesidade, co fin último de estimular a demanda interna e mellorar as previsións de crecemento da economía destes sectores, evitando o prexuízo derivado da iniciativa recentemente aprobada polo Goberno de España.

Continue reading

O Grupo Popular pedirá no Pleno ao Goberno central cogobernanza real e efectiva en industria e na distribución dos fondos Next Generation

 

23 de maio de 2023. O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central garanta a cogobernanza real e efectiva coas comunidades autónomas do ecosistema industrial español, actuando do mesmo xeito cos fondos Next Generation para evitar poñer en risco os principais proxectos tractores promovidos desde Galicia. Así mesmo, pedirá que o Goberno central deseñe unha proba de acceso á universidade (ABAU) con criterios de avaliación homologables e uniformes, ao tempo que adíe o calendario de implantación e se elimine a proba de madurez que pretende instaurar o Ministerio.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria da vindeira semana dará comezo coa comparecencia, a petición propia, da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para informar sobre as liñas que marcarán a política de vivenda da Xunta durante este 2023, que estará marcado polo pulo á vivenda pública e protexida, poñendo o foco nas necesidades dos galegos e galegas á hora de acceder a un fogar.

 

ESTRATEXIA DE VIVENDA PÚBLICA

 

Así mesmo, a conselleira avaliará os posibles efectos que terá en Galicia a Lei estatal de vivenda e o desenvolvemento da Estratexia de Vivenda Pública aprobada pola Xunta, que se impulsa no marco do Pacto Social pola Vivenda asinado en 2021 e que fixa como obxectivos reforzar o actual parque público residencial da Xunta (integrado por algo máis de 3.800 vivendas) nun 50 por cento e impulsar a construción en solo público doutras 3.000 vivendas por parte de promotores privados.

 

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará unha cogobernanza real e efectiva coas comunidades autónomas nas decisións que se adopten en materia industrial e na distribución dos fondos Next Generation, de xeito que se comprometa financiamento necesario para os proxectos industriais presentados desde Galicia: Stellantis, Altri, Sentury Resonac, entre outros.

 

Pedro Puy reiterou que “non compartimos a forma de actuar” do Goberno de Pedro Sánchez en relación coa distribución dos fondos europeos, xa que decidiu xestionar directamente a totalidade dos case 41.000 millóns de euros de fondos de recuperación asignados pola Unión Europea en materia industrial, rexeitando toda petición de cogobernanza e colaboración feita polas comunidades autónomas.

 

ABAU HOMOLOGADA E UNIFORME

 

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno de España deseñe unha proba da ABAU con criterios de avaliación homologables e uniformes, así como que se adíe o calendario de implantación e se elimine a proba de madurez que pretende instaurar o Ministerio. Esta reforma “débese abordar dunha forma construtiva”, sinalou o portavoz popular, quen lamentou que o Goberno central “non ten atendido ningunha das propostas que se lle fixeron desde as comunidades autónomas”.

 

Pedro Puy salientou que “en España existe o distrito único universitario, polo que calquera estudante pode optar a calquera das titulacións que se ofrecen nas universidades españolas, o que favorece a igualdade de oportunidades”. “Porén, o problema é que, sendo distrito único, os criterios de avaliación e a forma na que se fan os exames en cada comunidade non son iguais, co que se rompe ese principio de igualdade”, indicou.

 

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno, o Grupo Popular interesarase pola información de que dispón sobre a entrada en servizo dos trens AVRIL en Galicia; o impacto que está a supoñer para as familias galegas a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos; e polo balance da posta en marcha das casas-niño hai sete anos.

 

Por último, Pedro Puy informou que o Grupo Popular propuxo na Xunta de Portavoces a María Ángeles Antón Vilasánchez como novo membro do Padroado da Fundación Galicia Obra Social, derivada das antigas caixas de aforro galegas. Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid, María Antón conta cunha dilatada traxectoria profesional no ámbito da xestión cultural e o turismo, e na actualidade é coordinadora xeral e xerente da Axencia Galega das Industrias Culturais.