Barreiro: “O PP defende Galicia e a súa industria a pesar da intención de Sánchez de discriminala”

Hoxe, no pleno do Senado

  • O portavoz adxunto do PP e senador por Lugo, José Manuel Barreiro, defende a moción para que o Goberno transfira fondos europeos a Galicia para a súa xestión directa que se aprobará hoxe no Senado

O Goberno terá que transferir os fondos europeos a Galicia para a súa xestión directa para dar cumprimento á moción consecuencia de interpelación defendida polo portavoz adxunto do Grupo Parlamentario Popular e senador por Lugo, José Manuel Barreiro, que será aprobada hoxe no Pleno do Senado.

En palabras de Barreiro, a moción nace da preocupación e a indignación do uso dos fondos europeos por parte do Goberno e ten por obxecto defender Galicia e a súa industria “aínda que sexa intención de Pedro Sánchez seguir discriminando esta terra. Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos”, incide o senador.

Barreiro explica que cando o Goberno decidiu xestionar os Fondos Next Generation para fortalecer a industria, “fixérono como adoitan: cun deseño errático, sen unha coordinación coas administracións autonómicas, nin na súa formulación, nin na súa xestión”, o que, en palabras do senador lucense, tradúcese nunha falta de encaixe nas convocatorias.

Así, dos 33.556 millóns de euros incluídos nos fondos adicionais do Plan de Recuperación, o Goberno resolveu 9.758 millóns –parte deles por transferencias directas—dos que 194 millóns foron asignados a Galicia, un 0,58% do total. “Non me vaian a dicir que isto non é unha clara discriminación para os galegos”, afirma o dirixente popular.

No caso concreto dos PERTES, dos sete proxectos estratéxicos que presentou o Goberno de Galicia, con 2.000 millóns de investimento previsto e a creación de preto de 3.700 empregos, “só recibiron apoio por importe de 30 millóns de euros”, destaca.

Barreiro afea a “soberbia” do PSOE ante a proposta do Grupo Popular e engade que quedan tres anos para a aplicación dos fondos, pero o Goberno demostrou ser “absolutamente incapaz” e denuncia que “o máis grave é que non teñen intención nin vontade de corrixir a situación”.

Lamenta que “pecamos de inxenuos” ao presentar diferentes iniciativas, todas aprobadas no Senado, “pero o PSOE non respecta a vontade desta Cámara, non respecta nada. E claro, o que pasa é que xa non son cribles, por iso o pobo galego déronlles unha boa lección o pasado domingo”.

DISCRIMINACIÓN A GALICIA

O senador Barreiro chama a atención na baixa eficacia na execución dos fondos e a desigualdade de oportunidades entre proxectos e, por tanto, entre territorios, polo modo de actuar do Executivo. Pon o foco nos PERTES VEC: as entidades galegas foron beneficiarias do algo menos do 2% de total resolvido, cando Extremadura figura como a primeira beneficiaria, con 300 millóns de euros só para un proxecto.

Mentres, Galicia segue esperando que o Goberno se pronuncie acerca de varios proxectos, como o de Altri para a implantación dunha fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa, con máis de 900 millóns de investimento e 2.500 empregos.

O portavoz adxunto do PP mostra a súa indignación, porque mentres Sánchez comprometeuse en xullo de 2022 co presidente da Xunta, “o ministro do ramo decatouse diso en decembro, e a vicepresidenta afirmou en Vigo que non ‘tocaba’ falar do tema. Como non imos estar preocupados se isto lles da igual?”, pregunta o senador galego á bancada socialista.

Barreiro insiste en que o PP expón unha fórmula que “axilice a xestión de fondos e sexa eficaz” e aclara que é imprescindible a coparticipación das CC.AA. “pola proximidade e o coñecemento da realidade de cada territorio”.

Advirte que pola súa falta de eficacia “imos perder unha gran oportunidade de desenvolvemento e modernización industrial” e pídelles “humildade e compromiso para o resto de comunidades autónomas e tamén para Galicia”.

Conclúe sinalando que a discriminación de Sánchez a Galicia é manifesta e lembra que o sector naval, “piar fundamental” para Galicia, recibe menos do 4% do investimento do Goberno central e ao sector do vehículo eléctrico conectado, o 7%.

Rueda destaca que Lugo foi, cun 53,4% do voto, a provincia onde o PPdeG acadou maior apoio o 18-F: “Lugo participou como nunca e votou como sempre”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Lugo foi a provincia onde maior apoio recibiu o partido nas eleccións do pasado domingo –un 53,4% do voto– e tamén a que rexistrou a porcentaxe de participación máis alta de todas as provincias galegas –un 69,8%– : “Lugo participou como nunca e votou como sempre”.

Puxo así en valor que os populares galegos acadaron 8 dos 14 deputados que representarán a Lugo no Parlamento de Galicia e agradeceu o seu extraordinario traballo a todos os apoderados, interventores, afiliados, alcaldes e portavoces do PP de Lugo. Grazas á xenerosidade e dedicación de todos eles, asegurou, o partido obtivo o 18-F un resultado acorde ao seu esforzo.

Este apoio é para Alfonso Rueda un reflexo do traballo ben feito, da confianza que el e o resto de integrantes das candidaturas lle demostraron á xente e do proxecto de futuro que ten o PPdeG. E, ante a responsabilidade que isto supón, comprometeuse a traballar desde o primeiro momento para que Galicia siga funcionando e cada vez mellor.

Reiterou así o seu desexo de seguir sendo un presidente honesto que só prometerá o que poida cumprir, que traballará día a día para que Galicia se supere a si mesma e que gobernará para todos sen distincións. Un reto no que, engadiu, os seus únicos obxectivos serán facerlle a vida un pouco mellor cada día aos galegos e defender a súa dignidade desde a responsabilidade e o sentidiño.