O PPdeG proporá a Miguel Santalices como presidente do Parlamento de Galicia na XII Lexislatura

Miguel Santalices, Elena Candia e Ethel Vázquez serán os tres deputados que optarán por parte do PPdeG, mañá luns, a formar parte da Mesa do Parlamento de Galicia na XII Lexislatura que dá comezo.

Na Sesión constitutiva do Parlamento, os populares galegos proporán a Miguel Santalices, elixido deputado pola provincia de Ourense, como presidente da Cámara, un posto que xa ostentou nas dúas últimas lexislaturas (X e XI) e tamén no último tramo da IX, desde o 26 de xaneiro de 2016.

Santalices, nacido en Bande en 1955 e licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, é deputado autonómico desde o ano 1997. No Parlamento fora o portavoz popular de Sanidade e presidente da Comisión do ramo, ademais de ser vicepresidente primeiro ata ser elixido presidente.

Pola súa banda, Elena Candia, elixida pola provincia de Lugo, é a proposta do PPdeG como vicepresidenta primeira do Parlamento galego, lugar que ocupou na segunda metade da anterior lexislatura, desde maio de 2022. Ata ese momento exercía como vicevoceira do Grupo Parlamentario Popular.

Candia (Mondoñedo, 1978), licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña, foi alcaldesa de Mondoñedo entre 2015 e 2020 e presidenta da Deputación de Lugo (2015). A nivel orgánico, desde 2016 é a presidenta provincial do PP de Lugo e desde 2023 é tamén voceira do grupo municipal do PP na cidade de Lugo.

ETHEL VÁZQUEZ, NOVA INCORPORACIÓN Á MESA

Así mesmo, o Partido Popular de Galicia proporá este luns a Ethel Vázquez, elixida como deputada pola provincia Coruña e actual conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, como secretaria primeira da Mesa do Parlamento.

Ethel Vázquez naceu en Santiago de Compostela en 1972 e é enxeñeira técnica superior de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Tras rematar os estudos superiores, en 1996 comezou a súa traxectoria profesional na empresa privada, ata que, en 2003, se incorporou ao organismo autónomo Augas de Galicia.

Asumiu presidencia de Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) da Xunta en abril de 2009, cargo que exerceu ata ser nomeada directora xeral de Infraestruturas en setembro de 2010. En abril de 2011 asumiu a presidencia da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia e en xaneiro de 2012 foi nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas.

Desde 2014 a 2015 foi conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; e desde outubro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleira de Infraestruturas e Vivenda, momento no que pasou a ostentar o cargo de conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que mantivo ata a actualidade.

O PPdeG solicita ao Goberno central que modifique o Real Decreto que obriga ao rexistro dos galiñeiros de autoconsumo

O Partido Popular de Galicia levará ao Parlamento galego, deputacións provinciais e concellos unha iniciativa a través da que se solicita ao Goberno de España que modifique o Real Decreto que obriga ao rexistro das explotacións avícolas para autoconsumo.

“Estamos a falar dunha nova medida que incrementa a excesiva carga burocrática que xa soporta o sector agrogandeiro, tanto o profesional como o destinado ao autoconsumo, que está a provocar tanto un abandono e desaparición de explotacións, como o fomento do abandono do propio rural”, sinalan os populares.

O Goberno de Pedro Sánchez publicou no mes de xullo de 2021 o Real Decreto 637/2021 polo que se regulan as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, no que se recolle que aquelas explotacións familiares que crían aves para consumo propio, polo que non comercializan nin aves nin os seus produtos, deben estar inscritas no rexistro xeral de explotacións gandeiras.

MÁIS DE 50.000 EXPLOTACIOŃS AFECTADAS EN GALICIA

“Trátase de máis de 50.000 explotacións de autoconsumo galegas que se verán obrigadas a inscribirse neste rexistro, o que supón máis carga burocrática e trabas para aqueles propietarios que non sacan ningún beneficio económico destas explotacións ao non comercializar a súa produción”, explica o coordinador do Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto.

Souto engade que o PPdeG “comparte o malestar destes propietarios de galiñeiros de autoconsumo fronte á decisión adoptada polo Goberno central, sen contar para nada, unha vez máis, coa opinión das comunidades autónomas e lexislando de costas ao territorio, sen atender as peculiaridades de cada zona”.

Neste sentido, lembra que a Xunta xa presentou alegacións en cada un dos trámites de desenvolvemento normativo seguidos por este Real Decreto, “que, lamentablemente, non foron atendidas”. “Unha vez máis, o Goberno de Sánchez impuxo á sociedade unha normativa que non atende ás especificidades do noso territorio e negouse a que estas explotacións de autoconsumo quedaran fóra do ámbito de aplicación deste Decreto Lei”, manifesta.