O Grupo Popular pide ao PSOE que siga o exemplo dos seus compañeiros en Portugal e elimine as peaxes da AP-9 e AP-53, e abandone definitivamente a idea de cobrar polo uso das autovías

O Grupo Popular demandará ao Goberno central que tome exemplo do aprobado onte no Parlamento de Portugal, a proposta dos deputados socialistas, respecto da gratuidade das autovías no país veciño e leve adiante, no prazo máis breve posible, o compromiso anunciado durante a pasada campaña electoral ás eleccións galegas de eliminar as peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53, así como que abandone definitivamente a súa idea de implantar peaxes nas autovías.

O portavoz popular, Alberto Pazos, comezou a súa comparecencia ante os medios felicitando á ex deputada e nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e dando a benvida aos novos deputados que xa cumprimentaron todos os trámites e están en disposición de tomar posesión do escano no vindeiro Pleno: Paula Mouzo, de Camariñas; Encarna Amigo, de Cervantes; Nicole Grueira, de Pol; José Luís Ferro, de Celanova; Víctor Baladrón, de Verín; Cristina Campero, de Xinzo de Limia; e Miguel Fidalgo, de Vigo.

COMUNICACIÓN MELLOR E MÁIS ECONÓMICA CON PORTUGAL

De seguido, Alberto Pazos saudou a aprobación no día de onte no Parlamento portugués do proxecto de Lei para liberar das peaxes distintas autovías do país veciño, entre as que figuran as que conectan Galicia co norte de Portugal, e que van permitir unha mellor e máis económica comunicación con esta zona. “Esta decisión, adoptada a iniciativa dos socialistas portugueses, debería servir de exemplo para os socialistas españois, de xeito que se tomaran en serio tanto a gratuidade das peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53, como tamén para que abandonaran calquera intención de implantar peaxes polo uso das autovías”, manifestou.

Con este obxectivo, o Grupo Popular rexistrou dúas proposicións non de lei no Parlamento galego. A primeira delas, solicita ao Goberno de Pedro Sánchez a gratuidade das peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53, as máis caras de España. “Este era un dos compromisos asumidos polos socialistas durante a pasada campaña electoral en Galicia, polo que entendemos que o resultado final non debería afectar a este anuncio electoral e poñerse en marcha no menor prazo de tempo posible”, demandou Alberto Pazos.

Así mesmo, o portavoz popular asegurou que “seguiremos insistindo tamén na demanda ao Goberno de Pedro Sánchez para que culmine o proceso de transferencia da titularidade e competencias sobre a AP-9, dando cumprimento aos numerosos acordos unánimes adoptados neste Parlamento e de conformidade coa proposición de lei que se está a tramitar no Congreso”.

Pazos lembrou que “nos últimos días volveu saltar á actualidade a posibilidade de que o Goberno de Pedro Sánchez, coa escusa de paliar os custos que supón o seu mantemento, implante peaxes nas autovías españolas”. “Deste xeito, e visto o aprobado onte no Parlamento de Portugal, a proposta dos socialistas portugueses, vemos como os socialistas españoles van unha vez máis contra corrente”, apuntou.

NOVO AGRAVIO CONTRA GALICIA

“Desde o Grupo Popular, estamos totalmente en contra desta idea que baralla o Goberno de Pedro Sánchez, que prexudicaría especialmente a Galicia pola súa situación periférica e lastrada, ademais, por dúas autopistas coa peaxe máis cara de España”, manifestou Alberto Pazos, que engadiu que “unha decisión destas características suporía un novo agravio contra Galicia e contra os milleiros de condutores que a diario utilizan estas autovías para circular cara Galicia ou cara outros puntos da xeografía española”.

Por este motivo, o Grupo Popular tamén rexistrou unha proposición non de lei na que se solicita ao Goberno español que abandone calquera pretensión de implantar sistemas de cobro polo uso das autovías, que suporía un novo agravio para a nosa Comunidade e un grave prexuízo económico para condutores e transportistas.

“Estamos a falar de dúas iniciativas que pensamos poden contar co máximo consenso neste Parlamento galego, trasladando ao Goberno central unha mensaxe única na defensa dos intereses de Galicia e do benestar de todos os galegos”, indicou.

Alberto Pazos tamén se referiu á situación política e social estatal “que derivou do teatral retiro de meditación que Pedro Sánchez realizou a finais da pasada semana e que rematou o pasado luns co esperado anuncio de que seguía sendo o Presidente do Goberno”.

ESPAÑA NON SE MERECE A PEDRO SÁNCHEZ

Neste sentido, apuntou que “Pedro Sánchez volveu onte á actividade política real na campaña electoral para as eleccións cataláns e volveu demostrar a súa deriva populista, confirmando que é o maior especialista en chapotear na lameira”. “É preocupante a deriva que está a tomar Pedro Sánchez, ocupando todo o espazo á esquerda populista que deixou o case desaparecido Podemos e cunha Iolanda Díaz cada vez en horas máis baixas”, engadiu.

“O que debe ter moi claro o señor Pedro Sánchez é que desde o Partido Popular non estamos dispostos a consentir que se nos ataque permanentemente con bulos e medias verdades, do mesmo xeito que se está a facer con xornalistas ou os xuíces, poñendo en dúbida a súa imparcialidade e deteriorando gravemente a nosa democracia e a convivencia entre os españois”, afirmou.

Para rematar, indicou que “España non se merece ter na súa Presidencia unha persoa con esta arrogancia e falta de respecto ao adversario político, e precisa máis tranquilidade e máis estabilidade, como a que afortunadamente vivimos en galegos na nosa terra, baixo un Goberno presidido por Alfonso Rueda”.