O Partido Popular de Galicia lamenta o incumprimento por parte de Pedro Sánchez da súa promesa de eliminar as peaxes da Autoestrada do Atlántico (AP-9), logo de constatar a súa falta de compromiso con esta infraestrutura fundamental para a Comunidade e ante a evidencia de que a falta duns Presupostos Xerais do Estado para este ano imposibilita a materialización desta medida.
Denuncia ademais que o Goberno central está primando os intereses da empresa concesionaria da vía por riba dos intereses dos galegos e galegas. Unha afirmación que vén logo de que o Ministerio de Transportes –como resposta ás preguntas rexistradas polos deputados do PPdeG no Congreso sobre esta cuestión– se escusase no contrato concesional vixente para xustificar o dereito da empresa ao cobro dunha peaxe aos usuarios.
Un dereito que, en ningún caso, consideran os populares galegos, impide ao Goberno do Estado ampliar o sistema de bonificacións vixente de xeito que se libere aos usuarios de ter que asumir o custo dunhas tarifas que cada ano suben máis.
Ante este novo incumprimento de Pedro Sánchez con Galicia, desde o PPdeG insisten en reclamar a transferencia da titularidade da AP-9, acompañada dos recursos necesarios para a súa xestión e logo da execución das obras pendentes.
Así mesmo, instan ao Goberno a dar explicacións en relación ás prórrogas do contrato vixente logo das evidencias dun excesivo enriquecemento por parte da empresa concesionaria en contra dos intereses dos usuarios. Recordando neste sentido que a Comisión Europea volveu abrir recentemente un expediente de infracción ao Executivo estatal por vulneración da lexislación comunitaria sobre contratación pública e da normativa sobre a concesión de autoestradas.
Demandan así que se faga unha revisión dos acordos coa concesionaria e se adopten as medidas necesarias, xa que o incremento das peaxes da AP-9 cada ano non fai máis que agrandar o agravio de Galicia en relación ao resto de autoestradas estatais e lastrar tanto a economía das familias como a competitividade da nosa Comunidade.
COMPROMISO DO PSOE
Cómpre lembrar que ao longo da campaña das eleccións galegas, o PSOE comprometeu en varias ocasións a gratuidade da devandita autoestrada, co BNG en todo momento como cómplice necesario.
De feito, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, interpelou o pasado mes ao portavoz socialista no Parlamento sobre esta cuestión: “Se o mantén en pé, imos a Madrid a dicir que a AP-9 ten que ser gratuíta xa. Gañaremos todos e gañará Galicia. O interese de Galicia non cambiou, supoño que o compromiso seguirá en pé”.