O PPdeG comprométese a loitar en Europa pola consolidación dun equilibrio entre a conservación do lobo e a actividade agrogandeira

O Partido Popular de Galicia reitera o seu compromiso de continuar defendendo que a Unión Europea estableza criterios para consolidar o equilibrio entre a conservación do lobo e a actividade agrogandeira “fronte ao ecoloxismo radical que queren impoñer o PSOE e o BNG”.

Así o manifestou hoxe en declaracións aos medios a secretaria xeral do partido, Paula Prado, durante a súa visita á cuarta edición da Feira en defensa do gandeiro da montaña celebrada en Cervantes. Unha visita na que aproveitou para anunciar algunhas das medidas que impulsará o Partido Popular para o rural galego en Europa.

“Converteremos o despoboamento rural nunha prioridade de ámbito europeo, incorporando beneficios automáticos na concesión de fondos europeos para as rexións despoboadas e aumentaremos o orzamento da PAC, asegurándonos de que inclúe e respecta as particularidades do medio rural galego”, explicou.

Unhas medidas coas que os populares galegos aspiran a facer “máis Galicia en Europa” da man do seu programa electoral de cara ás eleccións europeas e cos seus candidatos Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón.

“Só coas políticas do PPdeG é posible vivir no rural e do rural”, concluíu Paula Prado ao tempo que insistía no moito que se xoga Galicia nas decisións que se toman desde Bruxelas e en que só da man dos candidatos do PPdeG será posible comezar a construír novas políticas fronte ao despoboamento, negociar as condicións da PAC e defender o equilibrio entre a actividade e a protección do lobo.