O PPdeG prepara a campaña das europeas apelando a unha gran mobilización e a un resultado co que “facer oír alta e clara a voz dos galegos en Europa”

A unha semana do inicio da campaña das eleccións europeas, o PPdeG xa ten “a maquinaria perfectamente engraxada” e aos seus equipos preparados para afrontar “con ilusión e confianza” uns comicios nos que agardan unha gran mobilización e un resultado co que “facer oír alta e clara a voz dos galegos en Europa”.

Así o explicou esta mañá a secretaria xeral do PPdeG e directora de campaña, Paula Prado, en declaracións aos medios antes de encabezar a reunión do Comité de Campaña que se celebrou na sede autonómica dos populares. Unha reunión na que se puxo de manifesto que “aínda que a veces parece que o que ocorre en Bruxelas queda lonxe, o certo é que Galicia xógase moito”.

“O Parlamento Europeo é o lugar onde, da man dos candidatos do PPdeG, os galegos podemos loitar por ter máis fondos europeos e mellores infraestruturas, negociar mellores condicións para o rural e garantir un futuro próspero para a nosa pesca”, explicou neste sentido.

Fronte a un proxecto popular que aposta por “máis Galicia en Europa”, a alternativa da esquerda supón, segundo afirmou Paula Prado, “menos Galicia” na medida en que o PSOE “demostrou estes anos atender pouco ou nada os nosos intereses” e o BNG “integrouse novamente con Bildu e ERC nunha lista cun condenado por terrorismo no segundo posto e defende o ecoloxismo máis radical”.

Por todo isto a número dous dos populares galegos apela a “mandar unha mensaxe en Europa na defensa de Galicia, da nosa economía, do noso rural, da nosa seguridade e das nosas institucións” e a demostrar nestas eleccións que “Galicia non quere independentismo nin tampouco escándalos de corrupción cada vez máis graves”.

Parafraseando ao presidente Alberto Núñez Feijóo, concluíu subliñando que “non cabe nin un minuto de descanso neste mes” e que o Partido Popular é “a única opción para defender a igualdade e a prosperidade dos galegos, dos españois e da nosa democracia en Europa”.

Alfonso Rueda chama aos seus a facer forza para reclamar en Europa os fondos e as infraestruturas que Vigo merece e necesita

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento a facer forza desde o partido de cara á próximas eleccións europeas para reclamar os fondos Next Generation e as infraestruturas que Vigo, como primeira cidade de Galicia e motor económico da nosa Comunidade, merece e necesita.

Nun encontro con militantes e simpatizantes celebrado hoxe na cidade olívica e no que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a líder local do partido, Ana Ortiz; o líder dos populares galegos incidiu no moito que Vigo se xoga nos comicios do próximo 9 de xuño.

Neste sentido, adiantou que entre as propostas do Partido Popular en clave europea está a de reformar o deseño e a xestión dos fondos Next Generation co fin de eliminar os criterios partidistas na súa adxudicación, acelerar a súa distribución e facilitar o acceso para pemes e autónomos.

A conexión de Galicia co norte de Portugal tamén é unha das prioridades dos populares e por iso se comprometen a seguir reclamando desde o Parlamento Europeo que o Goberno de España impulse canto antes a Saída Sur de Vigo. Unha infraestrutura vital para a cidade e que, a día de hoxe, aínda segue en estudo de alternativas e sen planificación orzamentaria para a súa execución.