O PPdeG pon aos seus 150 alcaldes e 1.800 concelleiros a disposición dos galegos para que os seus intereses se convertan en intereses europeos

O Partido Popular de Galicia comprométese a que os intereses dos galegos se convertan tamén en intereses europeos a partir do 9 de xuño e para iso, para recoller todas estas reivindicacións, poñen a disposición aos seus 150 alcaldes e 1800 concelleiros: “Queremos que o PPdeG se escoite en Europa”.

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, incidindo en que nestas eleccións tanto Ferrol, como o conxunto da comarca de Ferrolterra e o resto de concellos galegos tamén se xogan moito, xa que “as decisións que se toman no Parlamento Europeo afectan directamente ás decisións municipais”.

“Queremos que cando un concello pida fondos europeos, non queden atascados nun ministerio; e que cando requira axudas para a industria ou para o naval, a súa petición sexa atendida”, explicou demandando así mesmo un apartado específico para a nosa Comunidade no que se refire á PAC ou á protección do lobo e que “cando a Galicia costeira fale de pesca, sexa escoitada”.

Para todo isto Galicia conta cos tres candidatos galegos e cos 150 alcaldes do PPdeG que hai un ano lograron a vitoria. “O voto ao Partido Popular é a mellor resposta cando se pregunta por Galicia, fronte a outros partidos que quedan mudos”, engadiu  citando a un BNG que “demoniza a creación de emprego sostible” e un PSOE “cuxa única prioridade é aprobar este mesmo xoves a Lei de Amnistía”.

Na véspera do aniversario das eleccións municipais, Paula Prado quixo poñer en valor as 191 vitorias colleitadas polo PPdeG o pasado 28 de maio e o número de alcaldías que ostentan (150), que equivalen a “case a metade de toda Galicia”.

Unha vitoria que personificou no alcalde José Manuel Rey Varela, do que destacou que ao longo deste ano foi quen de poñer a disposición dos ferroláns “un gran proxecto de cidade e un Goberno estable afastado do enfrontamento”.

REY VARELA: “SE NÓS NON VOTAMOS, OUTROS VAN DECIDIR POR NÓS”

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol fixo un chamamento á mobilización o próximo 9 de xuño asegurando que “se nós non votamos, outros van decidir por nós”. Neste sentido, incidiu no moito que se xoga a cidade nestas eleccións europeas en materia de comunicacións e de acceso a fondos europeas.

No que se refire ás comunicacións, Rey Varela ten claro que “os ferroláns non queren máis que ninguén, pero tampouco menos” e recordou que, precisamente grazas ao traballo do Partido Popular en Europa, Ferrol foi incluída na Rede Transeuropea de Transporte. Pero, sen embargo, continúa agardando pola conexión por Alta Velocidade.

“Ferrol aspira a obter os fondos europeos que necesitamos para implementar o noso proxecto de cidade. Por iso, ao igual que xa conseguimos os fondos da Xunta, queremos conseguir os da Deputación, os do Goberno de España e os de Europa”, subliñou o rexedor.