Millán Mon urxe ao Goberno central a trasladar a Galicia os fondos europeos que farían posible o proxecto do Museo do Mar en Ribeira

O candidato do PP ás eleccións europeas Francisco Millán Mon realizou hoxe unha visita á lonxa de Ribeira e mantivo un encontro con representantes do sector pesqueiro acompañado pola deputada nacional Rosa Quintana, o portavoz de Pesca do PP no Senado, Manuel Ruiz, e a portavoz do PP local, María Sampedro.

Unha xuntanza na que se puxo sobre a mesa a importancia que os fondos europeos teñen para este concello de cara á materialización de proxectos como o do Museo do Mar. Unha iniciativa promovida polo PP de Ribeira que opta a financiamento comunitario pero continúa agardando á chegada deses fondos, por parte do Goberno central, para converterse nunha realidade.

Millán Mon trasladou aos presentes a súa aposta por implantar o sentidiño nas políticas pesqueiras promovidas desde a Comisión Europea fronte á deriva medioambientalista radical que se experimentou nos últimos anos. Avogou así por unha lexislación que combine a sustentabilidade medioambiental cos intereses do sector e o benestar e o emprego das moitas persoas que viven do mar en Galicia.

Congratulouse así mesmo de que a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, elixira esta fin de semana Galicia –a primeira zona pesqueira de Europa– para anunciar o seu compromiso de crear un comisario europeo exclusivo de Pesca, tal e como se propoñía desde o Partido Popular.

Alfonso Rueda asegura que quedar na casa o 9 de xuño supón avalar un Goberno central que incumpre con Galicia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento ao voto nas eleccións europeas do 9 de xuño apelando ao moito que hai en xogo e asegurando que quedar na casa ese día supón tamén avalar un Goberno central que incumpre con Galicia cada día.

Explicou que está en xogo ter unha voz de sentidiño en Europa, que defenda os intereses dos galegos en materias como a pesca, o agro ou as infraestruturas. Pero, sobre todo, plantarlle cara ao desgoberno dun Pedro Sánchez que pretende que a cidadanía avale nas urnas a súa política de incumprimentos.

Uns incumprimentos que exemplificou en materia industrial, criticando neste sentido que continúen embalsados miles de millóns de euros de fondos europeos destinados á industria galega e que o Goberno central se nega a distribuír.

En clave local e aproveitando a súa presenza na cidade, o líder dos populares galegos afirmou que, co seu voto, os ferroláns poden expresar a súa resposta ante un Goberno que se esquece de Ferrol e das súas necesidades en infraestruturas.

Polo tanto, pediu a todos os galegos que o 9 de xuño amosen o seu rexeitamento a que Pedro Sánchez siga comprometendo os recursos de todos para pagarlle os votos aos seus socios independentistas, e facelo votando polo PP e para que xente como Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez defendan a Galicia en Europa.

REY VARELA: “CON GOBERNOS ESTABLES, GALICIA E FERROL FUNCIONAN”

Pola súa banda, o alcalde José Manuel Rey incidiu na súa intervención na importancia de contar con gobernos estables, como o que preside Alfonso Rueda, para garantir que Galicia e Ferrol funcionen.

Unha estabilidade que se traduce en realidades como son a apertura da cidade ao mar, o proxecto da Cidade do Deporte, o investimento nos dez Centros de Educación Infantil e Primaria, o saneamento do rural ou a ampliación e reforma do hospital.

Explicou que moitos destes proxectos non serían posibles sen uns fondos europeos que son fundamentais para facer realidade tamén a transformación do Astillero 4.0 en Navantia ou a conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña.

“Estes fondos non serán realidade sen un goberno serio en Europa que saiba onde está Ferrol”, afirmou amosando a súa confianza nos representantes galegos que conforman a candidatura do Partido Popular e poñendo en valor que, grazas ao traballo de Francisco Millán Mon na pasada lexislatura, foi posible incluír a Ferrol na Rede Transeuropea de Transporte a pesar dos atrancos do PSOE.

O PPdeG reclama un trato xusto para o rural galego e eríxese como a única alternativa para defender os intereses do sector agrogandeiro en Bruxelas

O Partido Popular de Galicia erixiuse hoxe como a única alternativa para defender os intereses do rural galego en Europa e reclamou un trato xusto e realista para os nosos gandeiros e agricultores: “Non queremos máis que ninguén, senón que se teña en conta a nosa realidade”.

A secretaria xeral do partido, Paula Prado, lamentou neste sentido que se estea a situar aos gandeiros e agricultores “como culpables de todo” cando en realidade eles son os que levan alimento a fogares de todo o mundo e “os únicos que non respectan o medio ambiente son o PSOE e o BNG co seu ecoloxismo radical”.

“Mentres outros poñen atrancos e problemas aos nosos gandeiros e agricultores, nós ofrecemos solucións porque temos moi presente a realidade do territorio galego”, asegurou poñendo en valor que en Galicia se ordeñan 4 de cada 10 litros de toda España e que a nosa Comunidade é a décima zona de Europa con maior produción de leite.

Na súa visita ás instalacións da cooperativa láctea CLUN no concello de Ames xunto ao candidato Adrián Vázquez, a responsable de Medio Rural do Goberno galego, María José Gómez, e o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, a número dous dos populares galegos avogou por “unha Europa que se pareza máis a Galicia: moderada, sen extremismos, cumpridora, sen mentiras, igualitaria e sen discriminacións”.

“Esta fin de semana fomos o corazón de Europa e o próximo domingo agardamos ser o corazón da vitoria do Partido Popular”, concluíu referíndose á presenza en Galicia da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o pasado sábado.

ADRIÁN VÁZQUEZ: “EUROPA TEN TODO QUE DICIR SOBRE O RURAL”

Na mesma liña, o candidato Adrián Vázquez mostrou o seu interese por coñecer de primeira man a realidade do sector de produtores lácteos galegos e as súas demandas. Especialmente nun momento de crise no que, como explicou, “a comercialización, a produción e os prezos seguen sen estabilizarse”.

“Europa non é só que teña moito que dicir, senón que ten todo que dicir para axudar a un sector tan importante para Galicia”, engadiu ao tempo que lamentaba os ataques por parte dun Goberno de España que non escoita as súas demandas.

Contrapuxo así a actitude dun Partido Popular que si lle da a importancia que se merece ao rural e traballa por ofrecerlle solucións a todos os niveis fronte ao PSOE: “Nós queremos mellorar a vida do sector e vimos directamente a escoitalos e a falar con eles. Mentres, Teresa Ribera seguro que está acariciando algún lobo”.