Alfonso Rueda defende ao PP como única alternativa moderada e comprometida con Galicia fronte á esquerda do antieuropeísmo e do ‘non’ a todo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe ao seu partido como única alternativa moderada e comprometida con Galicia fronte ao que denomina como “a esquerda do non a todo”, que se opón a calquera avance para a nosa Comunidade, que fomenta a desigualdade e que ademais se presenta ás eleccións europeas con propostas antieuropeas.

Defendeu así que, ante unha candidata do PSOE que quere arrasar con todo e un BNG que leva de candidatos a unha independentista catalá de ERC e a un condenado por pertenza a ETA, os galegos terán a oportunidade de votar o próximo domingo a un partido que defende os intereses de Galicia, que aposta pola moderación, que goberna tanto para os que lle votan como para os que non e que xestiona con rigor o que é de todos. “Iso é o que representa o Partido Popular”, concluíu o presidente.

Rueda asegurou hoxe en Vigo que o 9 de xuño hai que responder nas urnas aos incumprimentos do Goberno central con Galicia e especialmente coa cidade. Mencionou así os anos de espera para a chegada da Alta Velocidade e os atrasos na súa posta en marcha, a falta de investimento na Saída Sur de Vigo –á que só lle consignan 30.000 euros nuns Presupostos prorrogados ante a renuncia do Executivo a aprobar unhas novas contas– ou a mala distribución dos fondos europeos que precisan industrias como Stellantis.

Puxo como exemplo desta falta de compromiso de Pedro Sánchez con Galicia o feito de que, mentres que o novo primeiro ministro de Portugal mostrou desde o primeiro momento a súa disposición a manter unha reunión para abordar a conexión por Alta Velocidade co país veciño, o presidente do Goberno de España aínda non o recibiu na Moncloa tres meses despois de gañar as eleccións autonómicas.

Fixo un chamamento a trasladar a Europa a mensaxe de que o que os galegos queren é sentidiño, rigor e xestión. E tamén mandar a Pedro Sánchez o recado de que Galicia non vai pasar nin unha máis, nin é menos que ninguén. Tal e como xa expresou nas urnas nas pasadas eleccións, engadiu, a cidadanía non quere amnistías, nin desigualdade, nin discriminacións, nin desgoberno.

LUIS LÓPEZ: “IMOS A POR UN NOVO TRIUNFO EN EUROPA”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, amosou a súa satisfacción pola gran acollida de público, outra vez máis na cidade olívica: “Celebramos que o sectarismo do PSOE e do BNG na cidade estalle pasando factura, como ocorreu, por exemplo, coa recuperación da Deputación de Pontevedra para toda a provincia”

“Celebramos que fomos o partido que gañou as eleccións xerais de xullo, e que se non gobernamos foi porque nós non estamos dispostos a entregar as chaves do país a Otegi, a Puigdemont e a Junqueras. Celebramos tamén que en febreiro Alfonso Rueda conquistou a súa primeira maioría absoluta e consolidou Galicia como unha referencia política en España. Agora imos a por un novo triunfo en Europa”, indicou.

O líder dos populares na provincia subliñou que o progreso de Pontevedra e de Galicia no seu conxunto “pasa, si ou si, polo que se decide en Europa e iso é o que está en xogo o vindeiro 9 de xuño”. E puxo como exemplo cuestións como as axudas da PAC ou as novas liñas ferroviarias que unen Galicia con Portugal e coa Cornixa Atlántica, así como as liñas de apoio que se xestionan para os concellos.

“Para axudar a seguir polo bo camiño no que vai a provincia contamos con dous grandes guías, os dous pontevedreses, que son os nosos candidatos. Contamos con Francisco Millán Mon, que ten a experiencia imprescindible para defender os nosos intereses en Bruxelas; e con Adrián Vázquez, outro baluarte da política con maiúsculas que sabe ben o que precisa esta provincia”, rematou López.

ADRIÁN VÁZQUEZ: “GALICIA ESTÁ CLARAMENTE DISCRIMINADA NO REPARTO DOS FONDOS EUROPEOS”

O candidato Adrián Vázquez lamentou o “tapón” que está a exercer o Goberno central no que se refire aos fondos europeos, poñendo como exemplo que “dos 33.500 millóns de euros dos PERTES industriais aínda está o 50% sen convocar”.

Mostrouse moi crítico con que o deseño destes proxectos non tivese en conta o peso do sector automotriz galego na economía española: “Teño a sensación de que se deseñaron pensando máis nos 7 votos de Junts e nos 7 votos de ERC que nos intereses dun sector vital para Vigo e para Galicia”.

De feito, asegurou que “Pedro Sánchez mantén o control dos fondos europeos para comprar o apoio dos seus socios de Goberno, non para transformar España” e que a súa xestión está máis próxima ao desgoberno que á cogobernanza.

Criticou tamén que a Galicia só lle corresponda apenas un 8% do PERTE naval cando a nosa Comunidade representa o 40% da industria naval española. O cal demostra que “Galicia está claramente discriminada no reparto dos fondos europeos”.

Por todo isto trasladou que entre as propostas do Partido Popular están a de esixir a convocatoria da Conferencia Sectorial do Plan de Recuperación ou a de ligar os fondos europeos á competitividade e ao crecemento. “Máis para os que mellor o fan e menos criterios escuros e opacos para atornillar a Sánchez na Moncloa”, concluíu neste sentido.

O PPdeG insiste na necesidade dun comisario europeo de Pesca para evitar medidas prexudiciais para a frota galega como o veto á pesca de fondo

O Partido Popular de Galicia insiste na súa demanda de que a Comisión Europea cree nesta próxima lexislatura un comisario específico de Pesca para que as políticas comunitarias neste eido non estean sometidas exclusivamente a criterios medioambientalistas e garantan o equilibrio co sector: “O futuro do planeta ten que ser verde e o do mar, azul; pero non a costa de que o futuro da nosa xente do mar sexa negro”.

Así o manifestou esta mañá o candidato do PP ao Parlamento Europeo Francisco Millán Mon nunha visita á confraría de pescadores de Burela, que na súa opinión exemplifica as consecuencias negativas para a frota galega e para a Mariña lucense de decisións como foi o veto á pesca de fondo.

“Este veto foi o resultado de primar os intereses dos peixes fronte aos dos pescadores e ademais non se fixo ben: nin contou cun estudo de impacto nin distinguiu entre dúas artes tan diferentes como o arrastre e o palangre”, afirmou amosando o seu compromiso de reverter este veto ou, polo menos, excluír ao palangre dado que “o seu impacto no fondo mariño é practicamente inexistente”.

Neste sentido, a existencia dun comisario específico de Pesca, tal e como propón o PP no seu programa electoral, sería a garantía de que “as políticas pesqueiras europeas non estarían sometidas exclusivamente a criterios próximos ao ecoloxismo radical, senón que recollerían as necesidades e preocupación da xente do mar e defenderían os seus intereses”.

“A FROTA GALEGA É A QUE MÁIS E MELLOR PROTEXE OS MARES”

Pola súa banda, o responsable de Mar no Goberno galego, Alfonso Villares, afondou nesta cuestión defendendo que a frota galega é a que “máis e mellor conserva os mares e protexe os seus ecosistemas” e incidiu no moito que o sector mar-industria da nosa Comunidade se xoga nas eleccións europeas.

Compartindo a necesidade dun comisario europeo específico de Pesca, recordou que o actual comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, foi un dos promotores deste veto e que pertence ao grupo parlamentario europeo no que se integra tamén o BNG.

Reiterou tamén o seu compromiso de continuar defendendo os intereses da frota galega, como demostra o feito de que o Goberno galego é parte coadxuvante no recurso interposto polo sector contra o veto á pesca de fondo.

Paula Prado e Adrián Vázquez salientan a proposta do PP para que o comisario europeo de Agricultura sexa membro do Grupo Popular

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o candidato do Partido Popular ás eleccións europeas Adrián Vázquez visitaron hoxe as instalacións da cooperativa agraria AIRA en Taboada acompañados polo coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, o deputado nacional Francisco Conde e o portavoz do PP local, Ramiro Moure.

Unha visita na que os populares puideron comprobar de primeira man o funcionamento da maior fábrica de pensos para vacún de leite que existe en España e abordaron xunto á directiva de AIRA os retos aos que se enfronta o sector no presente e no futuro máis próximo.

Trataron así a necesidade, entre outras cuestións, de mellorar o funcionamento e a aplicación da Lei de Cadea Alimentaria para evitar que os produtores vendan por debaixo dos seus costes. Así como tamén a formulación dunha PAC que actualmente prima o criterio ideolóxico a costa do criterio dos produtores.

Desde o PPdeG trasladaron o seu compromiso de seguir defendendo a declaración do sector lácteo como estratéxico –proposta á que se opón o PSOE–, reducir a burocracia e o impulsar medidas para garantir o relevo xeracional nas explotacións gandeiras co obxectivo de asegurar o futuro neste eido en Galicia.

Así mesmo, Paula Prado e Adrián Vázquez valoraron positivamente que o Partido Popular incida no seu programa en que o comisario europeo de Agricultura na vindeira lexislatura ten que ser membro do Grupo Popular, ademais de subliñar a importancia de incluír cláusulas de leal competencia para protexer aos agricultores e gandeiros.