O Parlamento de Galicia reitera a súa máxima condena á invasión rusa de Ucraína e amosa o máis firme apoio ao seu pobo

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do BNG, a través da que se reitera a máxima condena á invasión rusa de Ucraína e se amosa o máis firme apoio ao seu pobo, así como esixir o cesamento inmediato desta agresión bélica, a retirada de todos os medios militares rusos sobre o terreo e o restablecemento das fronteiras e da integridade territorial deste país europeo.

Mentres non se dean estas condicións, a iniciativa parlamentaria avoga por apoiar as actuacións dos aliados da Unión Europea e da OTAN, para poñer fin ao conflito e restituír a orde internacional baseada no dereito e en regras que foron vulneradas unilateralmente por Rusia, á vez que cómpre intensificar os esforzos diplomáticos encamiñados a lograr o fin da agresión rusa. Por último, ínstase á Xunta a manifestar a súa disposición de colaborar nunha resposta humanitaria coordinada co Goberno de España, a quen se lle pide que incremente os esforzos de apoio a Ucraína en todos os ámbitos no marco da Unión Europea e dos acordos establecidos polo Consello Europeo e a OTAN.

O portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que “a salvaxe vulneración do dereito internacional por parte de Rusia merecía unha resposta contundente por parte dos organismos internacionais, e nomeadamente por parte da Unión Europea”. “Nesta ocasión, Europa respondeu con toda claridade, posicionándose sen matices do lado do agredido e condenando coa máxima contundencia ao agresor”, indicou.

“O Partido Popular respaldou plenamente o compromiso adquirido por España no seu apoio a Ucraína, aínda que nos tivera gustado que ese acordo fose explicado, debatido e respaldado no Congreso”, sinalou Alberto Pazos, quen lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “parece ter renunciado a que a política internacional sexa unha materia de consenso para convertela nun instrumento de confrontación”.

O portavoz popular considerou que “os motivos para eludir ese control parlamentario resultan evidentes: a vergoñenta actitude dalgúns dos socios de goberno de Pedro Sánchez, claramente posicionados do lado de Putin, ben sexa por coincidencias ideolóxicas ou ben por intereses espurios que os levan a evitar calquera crítica ao oligarca ruso”.

Así, criticou “a negativa do nacionalismo radical, neste caso representado no BNG, a respaldar calquera condena á invasión e empeñado en respaldar ao máis granado dos sátrapas internacionais”.

O PPdeG reivindícase en Carballo como o partido da mocidade e das mulleres

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, participou hoxe nun mitin en Carballo xunto ao candidato Francisco Millán Mon, a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, o deputado autonómico e portavoz do PP local, Rubén Lorenzo, e outros representantes do partido na comarca de Bergantiños.

Na súa intervención, a número dous do PPdeG pediu o voto especialmente pola mocidade e polas mulleres, para seguir sentindo o mesmo apoio maioritario que deron nas eleccións autonómicas e demostrar nas urnas o próximo 9 de xuño que o Partido Popular é a mellor resposta para que haxa máis Galicia en Europa.

Así mesmo, pediu “responder” nas urnas para que as axudas europeas cheguen a concellos como Carballo, para que se atenda á nosa pesca e ao noso rural, e para que as familias poidan chegar a fin de mes. “Votemos por unha Galicia que se reafirma con forza no seu estilo, por unha España que se pareza máis a Galicia e por unha Europa na que os galegos e galegas teñamos os protagonismo que nos corresponde”, subliñou.

O PPdeG aspira a estender a Europa un modelo de coidado do medio ambiente afastado do sectarismo ideolóxico e que compatibilice a conservación natural co desenvolvemento socioeconómico

O Partido Popular de Galicia incide na súa aposta por coidar do medio ambiente sen sectarismo ideolóxico e avoga por estender a Europa o modelo da nosa Comunidade, compatibilizando a conservación natural co desenvolvemento socioeconómico dos habitantes dos espazos naturais protexidos.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, os populares galegos quixeron salientar e poñer e valor a riqueza paisaxística e natural de Galicia realizando unha visita aos Penedos de Pasarela e Traba, entre os concellos coruñeses de Laxe e Vimianzo.

O acto estivo encabezado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o candidato Francisco Millán Mon e nel participaron tamén a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, a coordinadora de Medio Ambiente do PPdeG, Marisol Díaz Mouteira, e alcaldes e voceiros da comarca.

A elección do escenario non foi casual xa que, aparte de ser un lugar que destaca polo seu grande interese xeolóxico e por albergar miradoiros naturais únicos, trátase da primeira paisaxe protexida galega que contará cun plan de xestión co que se busca precisamente garantir o desenvolvemento de actividades humanas compatibles coa conservación deste espazo natural.

Este plan permitirá facer unha diagnose precisa do seu estado e dos valores paisaxísticos que é preciso protexer e, en base a isto, establecer as medidas de planificación e xestión que permitan o seu mantemento nun estado de conservación favorable e ao mesmo tempo o uso público do espazo.

Para os populares galegos esta é dunha gran oportunidade para o desenvolvemento das actividades económicas vinculadas ao sector turístico, a hostalaría e o ocio compatibles coa conservación dos seus valores ambientais e paisaxísticos

A RESPOSTA INMEDIATA

Tomando como referencia as actuacións que se levan feito en Galicia nesta materia ao longo destes anos, desde o PPdeG tamén salientan algunhas das medidas incluídas entre as propostas que o Partido Popular impulsará en Europa nos primeiros seis meses de lexislatura.

O compromiso co que os populares se presentan a estas eleccións ao Parlamento Europeo pasa así polo fomento de incentivos económicos e sociais para que tanto empresas como particulares contribúan cos seus hábitos diarios á loita contra o cambio climático.

Propoñen ademais a creación dun distintivo, como xa existe en Galicia, para indicar a calidade no medio rural e premiar contornas estacadas para o turismo e a natureza: as ‘bandeiras verdes’. Un sistema similar ás ‘bandeiras azuis’, que recoñecen as praias de gran calidade turística e que neste tempo amosaron ter un gran impacto na mellora das instalacións turísticas.

Alfonso Rueda reclama ao Goberno central a descentralización dos fondos europeos que Galicia necesita para o seu desenvolvemento industrial

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, lamentou hoxe que gran parte dos fondos europeos destinados a ser unha “grande oportunidade para o desenvolvemento industrial de Galicia” aínda estean “sen resolver ou sen convocar” por parte dun Goberno central ao que reclamou a descentralización da xestión destes fondos nas comunidades autónomas.

Nunha visita ás instalacións de UNVI (Unidade de Vehículos Industriais) en San Cibrao das Viñas, o líder dos populares galegos puxo de manifesto que, a pesar de que Galicia aglutina “a cuarta parte ou máis da produción automobilística de toda España”, o peso do sector non se corresponde coa porcentaxe de fondos destinados á nosa Comunidade.

“As comunidades autónomas temos un nivel de execución de fondos europeos infinitamente maior que a do Goberno central. Por iso, seguiremos reclamando que se conte con nós e que se descentralice un sistema que non funciona e que está a  ralentizar a chegada duns investimentos que o noso tecido industrial e as nosas Pemes precisan para o seu futuro”, subliñou.

FONDOS EUROPEOS LIGADOS Á COMPETITIVIDADE E O CRECEMENTO

Nesta mesma liña, o candidato Adrián Vázquez asegurou que “non pode ser que o país máis descentralizado de Europa estea xestionando uns fondos tan importantes para o cambio do noso país dunha maneira tan centralizada”.

“Queremos máis transparencia e menos corrupción, máis cogobernanza coas comunidades e menos tapón desde Madrid”, engadiu ao tempo que subliñaba o compromiso do Partido Popular de aplicar maior transparencia e eficacia na xestión destes fondos para que así poidan chegar á economía real das empresas.

Os populares apostan así por un sistema de fondos europeos ligado á competitividade e o crecemento, de xeito que promovan a reindustralización da nosa economía e a incorporación de innovación nos sectores tradicionais a través de ferramentas máis eficaces que garantan a súa absorción. Un sistema no que, ademais, defenden o papel tanto das comunidades autónomas como do sector privado no seu deseño e planificación.

O PPdeG comprométese a defender e protexer o Estado de Dereito ante Europa fronte á amnistía, e a desigualdade e a corrupción

O Partido Popular de Galicia comprometeu hoxe a súa defensa e protección do Estado de Dereito, tamén ante Europa, fronte aos ataques que Pedro Sánchez está perpetrando contra a igualdade de todos os cidadáns e que se exemplifican na discriminación que sofre Galicia e na aprobación da Lei de Amnistía.

Cuestións como estas son as que se dirimen este domingo nas eleccións ao Parlamento Europa e por iso os populares poñen o foco na importancia de acudir masivamente ás urnas: “Quedar na casa é avalar a amnistía, a corrupción que rodea a Sánchez, os pactos cos independentistas e a Lei do só si é si. En definitiva, quedar na casa é permitir que Sánchez saia a dicir que España lle dá a razón”.

A secretaria xeral do partido, Paula Prado, explicou nesta liña que o exercicio do voto é cuestión de poucos minutos pero, en cambio, é moito o que Galicia se xoga nestes comicios: “Xogámonos ter unha presenza forte en Europa, onde todos os días se deciden asuntos que nos afectan, e xogámonos a oportunidade de dicir o que pensamos e de dicir ao Goberno de Sánchez que xa está ben”.

Pola súa banda, o candidato Adrián Vázquez apuntou que a defensa do Estado de Dereito e da separación de poderes non só é algo intrínseco na misión e nos valores do proxecto europeo, senón tamén a única garantía fronte a “líderes que utilizan as institucións como o seu cortijo persoal e dedican máis tempo a levantar cortinas de fume que a gobernar”.

Isto foi precisamente o que intentou trasladar aos alumnos e profesores da Universidade de Santiago de Compostela cos que se reuniu hoxe, a quen lles explicou a capacidade de acción que ten Europa ante ataques á democracia en si mesma nos países membros.

“Nestes cinco anos vimos como Polonia e Hungría, cuxos líderes intentaron usurpar o poder xudicial sinalando a xuíces e a medios de comunicación, acabaron cun bloqueo dos fondos europeos que precisan para o seu desenvolvemento. Algo que pode pasar tamén en España se seguimos por esta senda”, afirmou.

Vázquez concluíu asegurando que Pedro Sánchez “en vez de estar gobernando o que quere é estar no Goberno” e pediu á cidadanía que non se deixe enganar: “A única carta que importa é a citación xudicial que recibiu a muller do presidente”.

A RESPOSTA DA MOCIDADE

Aproveitando a realización das probas da ABAU e proximamente o inicio dun novo curso universitario, a secretaria xeral do PPdeG aproveitou a ocasión para trasladarlles a todos os estudantes galegos os seus mellores desexos e a boa nova de que o próximo ano terán a matrícula de balde “grazas ao Goberno galego e ao compromiso do presidente Alfonso Rueda”.

Unha medida que para Paula Prado é o reflexo de que o seu partido é “o que mellor defende os dereitos da mocidade galega” e de que, precisamente por iso, foron a opción máis votada polos menores de 30 anos nas pasadas eleccións autonómicas. “Máis do 40% dos mozos e mozas galegas xa nos apoiaron o 18 de febreiro e queremos que o volvan facer o 9 de xuño”, remarcou.