Alfonso Rueda reivindica a victoria do PPdeG nas eleccións europeas: “Somos orgullosamente galegos, españois e europeos porque somos como Galicia”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe que a victoria do partido nas eleccións ao Parlamento Europeo non só serve para que Europa “escoite, teña en conta e coñeza a Galicia”, senón que tamén reflexa a vinculación dos populares galegos co sentir da nosa Comunidade: “Somos orgullosamente galegos, españois e europeos porque somos como Galicia”.

Ante o Comité Executivo do PPdeG, reunido hoxe en Santiago de Compostela, o líder dos populares galegos puxo en valor que Galicia se sitúa como unha das terceiras comunidades autónomas nas que o Partido Popular acadou mellor resultados. Ademais, Lugo e Ourense foron as provincias españolas con maior número de apoio ao partido.

Un apoio que en toda Galicia ascendeu a case o 44% e que se materializou nunha vitoria en 303 concellos galegos. “Este domingo triunfou o sentidiño e os galegos votaron pola estabilidade. Agora temos o deber de trasladar ese sentidiño e esa estabilidade tamén a Europa”, engadiu Rueda neste sentido.

Fronte a un BNG que ofrece aos galegos “unha eurodeputada fixa discontinua a tempo parcial”, o presidente celebrou que Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez vaian ser “dous eurodeputados galegos que dedicarán as 24 horas dos próximos cinco anos a traballar por Galicia”.

“Nós seguiremos traballando e reivindicando o que Galicia merece e necesita, nin máis nin menos que ninguén, senón o que nos corresponde”, concluíu en referencia á transferencia da AP-9 que se comezou a tramitar no Congreso e facendo unha contraposición cunha Yolanda Díaz que “nin ela sabe si se vai ou non” e un Pedro Sánchez que “vai empezar a pasar todas as receitas que tiña pendentes de pago”.

CONGRESO PROVINCIAL DO PP DE OURENSE

O Comité Executivo do PPdeG aprobou hoxe por unanimidade a convocatoria do 19º Congreso Provincial extraordinario do Partido Popular de Ourense, que se celebrará o próximo 13 de xullo.

Un congreso que, segundo asegurou o presidente Rueda, se enmarca dentro da estabilidade e a orde coas que se fan as cousas no partido: “Somos o partido que máis se parece a Galicia e Galicia é unha terra ordenada á que lle gustan o sentidiño e a organización”.

Poñendo en valor o apoio de máis dun 50% acadado polo partido na provincia nestas eleccións europeas, Rueda apostou por “seguir ofrecéndolle a Ourense un partido que acolle a cada vez máis persoas” e “continuar progresando dun xeito uniforme,  unido e coherente”.

O Comité Executivo do PPdeG aproba a convocatoria do 19º Congreso provincial do Partido Popular de Ourense

O Comité Executivo do PPdeG aprobou hoxe a convocatoria do 19º Congreso provincial extraordinario do Partido Popular de Ourense, que se celebrará o próximo 13 de xullo no Pazo dos Deportes Paco Paz.

A convocatoria inclúe o nomeamento da Comisión Organizadora, que estará presidida pola deputada nacional Rosa Quintana, acompañada na vicepresidencia por Eugenia Díaz Abella. A relación de membros da comisión complétase coa secretaría, que ocupará Pablo Pérez, e con Manuel Alexandre Nóvoa e Adriana Álvarez como vogais.

O Comité Executivo tamén aprobou o regulamento do congreso, que establece os pasos a dar ata a celebración do conclave ourensán, así como os correspondentes prazos. Os militantes que desexen participar no proceso, e que terán que estar ao corrente do pagamento de cotas, terán 15 días para inscribirse.

Ata o 20 de xuño estará aberto o prazo para a presentación ante a Comisión Organizadora de precandidaturas, ás que deberán acompañar un mínimo de 75 avais. Trala proclamación de candidaturas, comezará a campaña electoral interna.

O Congreso provincial terá carácter extraordinario e porá fin ao traballo desenvolvido pola xestora. Neste tempo, o PP de Ourense obtivo o mellor resultado nacional nunha provincia da formación, co 51,11% de apoio nas Eleccións Europeas deste domingo, e o segundo mellor resultado entre as provincias galegas nas autonómicas de febreiro.