O Partido Popular de Galicia critica a falta de compromiso e as contradicións do PSOE no que se refire á transferencia da AP-9 logo de que hoxe os socialistas optaran por absterse na votación dunha iniciativa no Congreso na que se demandaba, precisamente, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia desta autoestrada.
A moción que se votou esta mañá na Cámara Baixa insta ao Goberno de España a iniciar os trámites para a anulación da prórroga outorgada á concesionaria da AP-9, a asunción da xestión directa da autoestrada, a supresión das peaxes e o impulso da súa transferencia a Galicia. Así mesmo, demándaselle un estudo das vías xurídicas para a anulación da prórroga e unha avaliación dos custos económicos que tería para o Estado a asunción directa desta infraestrutura.
Grazas á maioría parlamentaria do Partido Popular e a pesar da abstención do PSOE –que se aliñou nesta postura cos seus socios de Junts e PNV– e o único voto en contra de VOX, esta iniciativa puido saír adiante na mesma semana na que o Congreso aprobou a toma en consideración da proposición de lei do Parlamento de Galicia para a transferencia da AP-9.
Neste sentido, o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, sostén que é necesario reverter a actual situación na que a empresa concesionaria está obtendo beneficios a costa de que os galegos paguen unhas peaxes demasiado elevadas.
“A única maneira de que poidamos sacar isto adiante é con intelixencia, con prudencia, analizando a viabilidade das súas consecuencias xurídicas e económicas, pero sen renunciar no obxectivo final: que a cidadanía galega poida circular de balde por unha infraestrutura que durante anos pagaron a un prezo desorbitado”.
Sobre o cambio de postura do PSOE, que hoxe se abstivo a unha iniciativa que –logo dunha emenda presentada polo PP– recolle os mesmos acordos que a que apoiaron no Parlamento galego, o deputado popular critica que os socialistas “digan unha cousa en Santiago e voten a contraria en Madrid” e que se limiten a afondar nun sistema de bonificacións que resulta insuficiente.
“Non ten sentido que se pretenda reducir todo a continuar co sistema de bonificacións cando o propio líder do PSOE en Galicia, e de conformidade con Pedro Sánchez, comprometía a gratuidade da AP-9 en campaña electoral”, explica Delgado recordando ademais o “boicot” á tramitación desta demanda no Congreso por parte do Goberno durante a pasada lexislatura.
A pesar dos cambios de opinión do socialismo, os populares comprometen así que farán todo o posible para que “os anhelos dos galegos e galegas non queden unha vez máis en dique seco” e que, dunha vez por todas, se faga realidade “unha AP-9 100% galega e libre de cargas”.