Unha delegación do PPdeG visita o Parlamento Europeo para abordar cuestións prioritarias para os concellos galegos

Unha delegación do Partido Popular de Galicia, encabezada pola secretaria xeral Paula Prado e alcaldesas do partido nos concellos galegos, así como outras representantes municipais, realizan a partir de hoxe unha visita á sede do Parlamento Europeo en Bruxelas acompañadas polos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez.

Unha viaxe de traballo de carácter municipalista que coincide co primeiro aniversario da toma de posesión das 28 alcaldesas do PPdeG –o partido con máis rexedoras de Galicia– e na que os populares galegos se marcan como obxectivo trasladar a Europa as prioridades da nosa Comunidade e especialmente dos concellos.

Neste sentido recordan que, en todos os concellos galegos nos que hai unha alcaldesa popular, o partido foi a primeira forza nos catro procesos electorais do último ciclo cunha media de apoio superior ao 57%. “Os galegos e galegas confiaron maioritariamente en nós e agora devolverémoslle esa confianza reivindicando as cuestións que lles afectan e que dependen das políticas comunitarias”, apuntan.

Así mesmo, esta visita prodúcese apenas uns días despois do triunfo acadado polo PPdeG nas eleccións europeas, con máis de 486.000 votos, un apoio de case o 44% e na que o partido foi primeira forza no 97% dos concellos. Deste xeito, os populares galegos darán inicio ao traballo da nova lexislatura na Eurocámara, que estará protagonizada polos seus dous representantes elixidos: Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez.

Precisamente, os dous eurodeputados galegos exercerán de anfitrións da visita, e esta mesma tarde encabezarán, xa no Parlamento, a sesión de traballo Os teus concelleiros en Europa, prioridades galegas para a lexislatura 2024-2029.

Entre mañá e o xoves, a delegación do PPdeG terá unha axenda de visitas e reunións na que destacan un encontro coa presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e outro co administrador do Comité de Fondos Rexionais do Parlamento Europeo, Gustavo López Cutillas.