Paula Prado: “O Partido Popular é un exemplo para o resto, a mellor opción para gobernar, liderar e trazar un futuro próspero”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, amosou hoxe o seu orgullo de que o seu partido “poida ser un exemplo para o PSdeG e o BNG” na medida en que “alí onde ten a oportunidade, o Partido Popular é a mellor opción para gobernar, liderar e trazar un futuro próspero”.

Nunha rolda de prensa na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos explicou que votar ao PPdeG é sinónimo de “máis estabilidade, máis sentidiño e mellor xestión” e puxo en valor o encontro do presidente Alfonso Rueda, esta semana, co alcalde de Vigo, un dos máis críticos cos populares.

“A hostilidade por sistema non leva a nada e mesmo prexudica aos veciños da primeira cidade de Galicia. Os vigueses merecen que se poñan sempre os seus intereses por diante e se abandone unha forma de ver a política que é absolutamente estéril”, explicou ao respecto.

Tamén ao fío da actualidade da semana, referiuse ao episodio de “inestabilidade e ruptura” protagonizado en Santiago de Compostela por un PSOE “dividido” e que “puxo os intereses dos composteláns no último lugar da súa listaxe de prioridades”. Algo que, na súa opinión, é “o que acaba pasando cando un partido apoia un Goberno local que ten menos dun terzo do Pleno”.

A secretaria xeral dos populares considera que “para Galicia é unha pena que o socialismo se siga rompendo”, xa que “con hostilidade dentro dun partido, en ningún caso se lle pode aportar algo bo aos galegos e galegas”. Por iso pediu a Besteiro que “colla as rendas do seu partido e deixe de facer seguidismo ao BNG, como se veu primeiro en Santiago e vémolo agora tamén en Ourense, onde se fala de sillóns en lugar de falar dun proxecto de cidade”.

No que respecta ao BNG, Paula Prado puxo en evidencia as consecuencias que ten que seguir pagando o nacionalismo por apoiar a investidura de Pedro Sánchez ata en dúas ocasións. E, neste sentido, afirmou que “Galicia xa non cre ao BNG”.

“Os galegos non cren ningunha das súas propostas, que acaban sempre servindo de muleta ao independentismo catalán e vasco; nin cren na súa representación en Europa, onde se acaban de integrar unha vez máis no Grupo dos Verdes que tanto dano lle fixo á nosa terra en cuestións como a protección do lobo ou o veto á pesca de fondo”, subliñou.

GALICIA ORGULLOSA

Na véspera do Día do Orgullo LGTBI, a secretaria xeral do PPdeG quixo conmemorar esta data reivindicando que “Galicia converteuse nas últimas décadas nun lugar xusto e igualitario, e fíxoo co esforzo e compromiso de todos e todas”.

“O PPdeG vai loitar sempre por consolidar os avances e garantir que non se dá un só paso atrás nos dereitos dos galegos e das galegas”, remarcou ao tempo que reivindicaba a súa convicción nun país “onde todas as persoas poidan construír un proxecto de vida en liberdade e de acordo aos seus valores e a súa expresión”.

Rematou insistindo en que os populares galegos sempre estarán ao carón de quen sofre calquera tipo de discriminación ou delito de odio por razón de orientación sexual e avogando por “unha sociedade onde a convivencia e o respecto sexan valores fundamentais”.