O Grupo Popular rexistra a solicitude para a creación dunha Comisión de Estudo sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico

O Grupo Popular rexistrou esta mañá a solicitude para a creación dunha Comisión de Estudo para abordar a proposta da Comunidade Autónoma de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento autonómico, co obxectivo de rematar o traballo iniciado durante a pasada lexislatura, elaborando un ditame que recolla unha visión de conxunto das necesidades específicas de Galicia de cara á futura negociación do novo sistema de financiamento autonómico.

O portavoz popular, Alberto Pazos, informou da designación dos distintos portavoces por Comisións e áreas políticas do grupo parlamentario, unha vez quedou constituído definitivamente logo de que varios conselleiros deixaran a súa acta de deputado. En concreto, dixo que Paula Prado ocuparase da portavocía de Institucional, Administración Xeral, Xustiza e Interior; María Deza encargarase de vivenda; Gonzalo Trenor, de medio ambiente; Roberto Rodríguez, de infraestruturas; Cristina Sanz, de economía, facenda e orzamentos, Cecilia Vázquez, de educación; Carmen Pomar, de cultura e de asuntos relacionados coa CRTVG; Encarna Amigo, de sanidade; Raquel Arias, de política social; Noelia Pérez, de emprego; Rubén Lorenzo, de industria; Miguel Viso, de Medio Rural; e Miguel Fidalgo, de pesca.

“A asunción destas portavocías non supón que calquera deputado poida intervir en calquera asunto que considere do seu interese ou afecte directamente á súa área xeográfica de referencia, xa que son os representantes dos seus veciños neste Parlamento galego e os que mellor coñecen as súas necesidades e problemas”, apuntou Pazos.

Respecto da solicitude de creación da Comisión de Estudo sobre o modelo de financiamento autonómico, o portavoz popular explicou que a previsión é que esta demanda sexa aprobada pola Mesa do Parlamento galego e que a Xunta de Portavoces do vindeiro martes a tome en consideración, de xeito que esta Comisión de Estudo poida constituírse no prazo de tempo máis breve posible.

Así mesmo, Alberto Pazos lembrou que nas sesións desta Comisión de Estudo celebradas a pasada lexislatura xa compareceron expertos en materia de financiamento como Santiago Lago, María Cadaval, Xosé Díaz, Xoaquín Fernández Leiceaga, Bernardo Valdés, Juan Alberto Turnes ou Alberto Vaquero, ademais do propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos; ao tempo que se incorporou unha inxente documentación, que será analizada e estudada para a elaboración do correspondente ditame.

SORPRENDE E PREOCUPA QUE O BNG SIGA PEDINDO O CUPO

O portavoz popular considerou “sorprendente, e ao mesmo tempo preocupante, que o BNG siga a insistir na súa solicitude dun cupo para Galicia, semellante ao do País Vasco ou Navarra, e unha facenda propia, cando a práctica totalidade dos expertos que compareceron na Comisión, a excepción do que propuxeron eles mesmos, se posicionaron en contra do cupo foral e da cesión significativa de máis porcentaxe do imposto sobre a renda”.

“Segundo puxeron de manifesto, estas medidas porían en risco a capacidade de redistribución do Estado de Benestar en España e serían especialmente prexudiciais para Galicia por ter unha renda inferior á media e, por tanto, taxas fiscais máis reducidas, ao tempo que maiores necesidades de gasto dada a dispersión e o maior envellecemento da súa poboación”, lembrou.

Alberto Pazos referiuse a informes elaborados por diversas entidades económicas (como, por exemplo FEDEA ou o propio Ministerio de Facenda) nos que se pon de manifesto que “Galicia é das comunidades autónomas que máis recibe da caixa común do Estado, cun saldo favorable próximo aos 2.500 millóns de euros anuais respecto do que os galegos aportamos á Facenda estatal”.

“Que as contas da leiteira dos nacionalistas galegos non nos leven a engano, porque unha cousa é as necesidades de mellora do financiamento de Galicia para a prestación dos servizos básicos, que o Consello de Contas cifra en máis de mil millóns de euros anuais; e outra, ben diferente, é que o Estado faga caixa con Galicia, como din desde o BNG, xa que é patente que recibimos moito máis do que aportamos á caixa común de todos os españois”, manifestou.

Deste xeito, insistiu que “desde o Grupo Popular imos seguir reclamando unha reforma do sistema de financiamento autonómico, pero non unha reforma bilateral, senón un novo sistema que saia dunha negociación multilateral acordado entre todas as comunidades autónomas, para que sexa xusto e equitativo”. “Unha reforma que non sexa a escusa para ceder á chantaxe e que os socialistas presidan a Generalitat de Cataluña ou que Pedro Sánchez se asegure os votos do independentismo catalán para seguir na Moncloa”, engadiu.

En definitiva, Pazos demandou “unha reforma que saia dun acordo no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, e que teña moi presente o sobrecusto que supón para Galicia a prestación dos servizos básicos dado o envellecemento e a dispersión da súa poboación”.

CONSTITUCIÓN DA COMISIÓN PARA A REFORMA DO HIMNO

Por último, o portavoz popular avanzou que o vindeiro mércores, 3 de xullo, está prevista a constitución da Comisión de estudo sobre a posible modificación do himno. “A partir desa data, quedará pendente a aprobación das normas de funcionamento e do plan de traballo desta comisión, de xeito que, á volta do verán, podamos comezar a traballar e recibir información e aos comparecentes que se consideren oportuno que nos permitan elaborar un ditame sobre o posible cambio da letra dun dos símbolos esenciais de Galicia, como é o noso himno”, apuntou.

Portavocías do Grupo Popular no Parlamento de Galicia

Estes son o deputados e deputadas que ocuparán as nosas portavocías na XII Lexislatura no Parlamento de Galicia:

  • Alberto Pazos Couñago, portavoz do Grupo Popular
  • Paula Prado del Rio, viceportavoz 1ª do Grupo Popular
  • Julio García Comesaña, viceportavoz 2ª do Grupo Popular
  • Cristina Sanz Arias, viceportavoz 3ª do Grupo Popular

1.- Portavocía Comisión 1ª: Paula Prado del Río

  • Área de Administración Local: Argimiro Marnotes
  • Área de Exteriores e Coop: Katy Varela
  • Área de Emigración: Victor Baladrón
  • Área de Deportes: Pablo Prieto

 

2.- Portavocía Comisión 2ª:  María Deza

  • Área de Vivenda e Urbanismo: María Deza
  • Área de Medio Ambiente e Mob. Sostible: Gonzalo Trenor
  • Área de Infraestruturas: Roberto Rodríguez

 

3.- Portavocía Comisión 3ª: Cristina Sanz

  • Área de Facenda: Cristina Sanz
  • Área de AMTEGA: Julio García Comesaña
  • Área de Función Pública: Juan Casares

 

4.- Portavocía Comisión 4ª: Carmen Pomar

  • Área de Educación: Cecilia Vázquez
  • Área de Formación Profesional: Patricia García
  • Área de Cultura: Carmen Pomar
  • Área de Patrimonio e Lingua: José Luis Ferro
  • Área de Ciencia e Innovación: Julio García Comesaña

 

5.- Portavocía Comisión 5ª: Encarna Amigo

  • Área de Sanidade: Encarna Amigo
  • Área de Emprego: Noelia Pérez López
  • Área de Política Social e Igualdade: Raquel Arias
  • Área de Saúde Pública: Dolores Hermelo
  • Área de Xuventude: Nicole Grueira

 

6.- Portavocía Comisión 6ª: Rubén Lorenzo

  • Área de Industria: Rubén Lorenzo
  • Área de Fondos Europeos e Igape: Cristina Sanz
  • Área de Comercio: Felisa Carrera
  • Área de Turismo: Borja Verea

 

7.- Portavocía Comisión 7ª: Miguel Viso

  • Área de Gandería: Enrique Barreiro
  • Área de Incendios: Ángel Conde
  • Área de Forestal: Cristina Campero
  • Área de Viticultura: Juan Casares

 

8.- Portavocía Comisión 8: Miguel Fidalgo

  • Área de Marisqueo: Paula Mouzo
  • Área de Portos: Manuel Santos

 

9.- Portavocía CRTVG: Carmen Pomar Tojo

 

 

10.- Portavocía Consello de Contas: Cristina Sanz