Alfonso Rueda asegura que quedar na casa o 9 de xuño supón avalar un Goberno central que incumpre con Galicia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento ao voto nas eleccións europeas do 9 de xuño apelando ao moito que hai en xogo e asegurando que quedar na casa ese día supón tamén avalar un Goberno central que incumpre con Galicia cada día.

Explicou que está en xogo ter unha voz de sentidiño en Europa, que defenda os intereses dos galegos en materias como a pesca, o agro ou as infraestruturas. Pero, sobre todo, plantarlle cara ao desgoberno dun Pedro Sánchez que pretende que a cidadanía avale nas urnas a súa política de incumprimentos.

Uns incumprimentos que exemplificou en materia industrial, criticando neste sentido que continúen embalsados miles de millóns de euros de fondos europeos destinados á industria galega e que o Goberno central se nega a distribuír.

En clave local e aproveitando a súa presenza na cidade, o líder dos populares galegos afirmou que, co seu voto, os ferroláns poden expresar a súa resposta ante un Goberno que se esquece de Ferrol e das súas necesidades en infraestruturas.

Polo tanto, pediu a todos os galegos que o 9 de xuño amosen o seu rexeitamento a que Pedro Sánchez siga comprometendo os recursos de todos para pagarlle os votos aos seus socios independentistas, e facelo votando polo PP e para que xente como Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez defendan a Galicia en Europa.

REY VARELA: “CON GOBERNOS ESTABLES, GALICIA E FERROL FUNCIONAN”

Pola súa banda, o alcalde José Manuel Rey incidiu na súa intervención na importancia de contar con gobernos estables, como o que preside Alfonso Rueda, para garantir que Galicia e Ferrol funcionen.

Unha estabilidade que se traduce en realidades como son a apertura da cidade ao mar, o proxecto da Cidade do Deporte, o investimento nos dez Centros de Educación Infantil e Primaria, o saneamento do rural ou a ampliación e reforma do hospital.

Explicou que moitos destes proxectos non serían posibles sen uns fondos europeos que son fundamentais para facer realidade tamén a transformación do Astillero 4.0 en Navantia ou a conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña.

“Estes fondos non serán realidade sen un goberno serio en Europa que saiba onde está Ferrol”, afirmou amosando a súa confianza nos representantes galegos que conforman a candidatura do Partido Popular e poñendo en valor que, grazas ao traballo de Francisco Millán Mon na pasada lexislatura, foi posible incluír a Ferrol na Rede Transeuropea de Transporte a pesar dos atrancos do PSOE.

O PPdeG reclama un trato xusto para o rural galego e eríxese como a única alternativa para defender os intereses do sector agrogandeiro en Bruxelas

O Partido Popular de Galicia erixiuse hoxe como a única alternativa para defender os intereses do rural galego en Europa e reclamou un trato xusto e realista para os nosos gandeiros e agricultores: “Non queremos máis que ninguén, senón que se teña en conta a nosa realidade”.

A secretaria xeral do partido, Paula Prado, lamentou neste sentido que se estea a situar aos gandeiros e agricultores “como culpables de todo” cando en realidade eles son os que levan alimento a fogares de todo o mundo e “os únicos que non respectan o medio ambiente son o PSOE e o BNG co seu ecoloxismo radical”.

“Mentres outros poñen atrancos e problemas aos nosos gandeiros e agricultores, nós ofrecemos solucións porque temos moi presente a realidade do territorio galego”, asegurou poñendo en valor que en Galicia se ordeñan 4 de cada 10 litros de toda España e que a nosa Comunidade é a décima zona de Europa con maior produción de leite.

Na súa visita ás instalacións da cooperativa láctea CLUN no concello de Ames xunto ao candidato Adrián Vázquez, a responsable de Medio Rural do Goberno galego, María José Gómez, e o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, a número dous dos populares galegos avogou por “unha Europa que se pareza máis a Galicia: moderada, sen extremismos, cumpridora, sen mentiras, igualitaria e sen discriminacións”.

“Esta fin de semana fomos o corazón de Europa e o próximo domingo agardamos ser o corazón da vitoria do Partido Popular”, concluíu referíndose á presenza en Galicia da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o pasado sábado.

ADRIÁN VÁZQUEZ: “EUROPA TEN TODO QUE DICIR SOBRE O RURAL”

Na mesma liña, o candidato Adrián Vázquez mostrou o seu interese por coñecer de primeira man a realidade do sector de produtores lácteos galegos e as súas demandas. Especialmente nun momento de crise no que, como explicou, “a comercialización, a produción e os prezos seguen sen estabilizarse”.

“Europa non é só que teña moito que dicir, senón que ten todo que dicir para axudar a un sector tan importante para Galicia”, engadiu ao tempo que lamentaba os ataques por parte dun Goberno de España que non escoita as súas demandas.

Contrapuxo así a actitude dun Partido Popular que si lle da a importancia que se merece ao rural e traballa por ofrecerlle solucións a todos os niveis fronte ao PSOE: “Nós queremos mellorar a vida do sector e vimos directamente a escoitalos e a falar con eles. Mentres, Teresa Ribera seguro que está acariciando algún lobo”.

Alfonso Rueda contrapón o modelo da Galicia que funciona fronte aos incumprimentos de Sánchez e o independentismo: “O 9 de xuño vótase Europa, pero tamén se votan España e Galicia”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide aos galegos e galegas que acudan masivamente a votar o próximo 9 de xuño para validar o modelo da Galicia que funciona fronte aos incumprimentos de Pedro Sánchez e o radicalismo dos independentistas: “Nestas eleccións vótase Europa, pero tamén se votan España e Galicia”:

Nun mitin celebrado esta tarde en Lugo, o líder dos populares galegos explicou que o que algúns pretenden é que, quedando na casa, a cidadanía valide cuestións como a amnistía, as desigualdades territoriais ou o desgoberno. E que, polo tanto, hai que combater todo isto indo a votar masivamente e facelo tendo claros os dous modelos que hai en xogo nestas eleccións.

Contrapuxo así o modelo da Galicia que medra e avanza, na que se fai o que se promete e que é pioneira en políticas de vivenda e educación fronte ao modelo dos que din unha cousa en campaña e logo fan a contraria, os do ‘non’ a todo e tamén aqueles que son incapaces aprobar máis leis que non sexan a de amnistía.

Nesta liña, pediu aos galegos que non se deixen enganar por un nacionalismo que está intentando ocultar que o seu único obxectivo é que a voz de Galicia en Europa sexa a dos independentistas cataláns e a dun condenado por pertenza a ETA.

“Podemos evitar todo isto dando a nosa resposta nas urnas”, concluíu pedindo o voto para o Partido Popular e para candidatos que, como Francisco Millán Mon ou Adrián Vázquez, defenderán a Galicia en Europa.

OS AGRAVIOS DE SÁNCHEZ Á PROVINCIA DE LUGO

Pola súa banda, a presidenta do PP da provincia, Elena Candia, subliñou durante a súa intervención que “as eleccións europeas en Lugo deben ser unha resposta aos agravios do Goberno de Sánchez á provincia”. O estado das infraestruturas, a negativa a escoitar ao noso sector primario ou a falta de medidas para apoiar a continuidade do emprego en Alcoa son algún dos exemplos que citou a dirixente lucense sobre “o comportamento de Sánchez con Lugo e os lucenses”.

Candia lembrou que “Lugo é a única provincia e capital de provincia galega que queda fóra da alta velocidade ferroviaria pola negativa do Goberno de Sánchez a construír as variantes proxectadas por un Goberno do Partido Popular”. Tamén citou a A-6, ademais de moitas estradas nacionais, como exemplo do “mal estado das infraestruturas viarias de titularidade estatal que sufrimos tódolos lucenses a diario”, ao que hai que engadir a falta de avances na construción de autovías para conectar con Ourense, Ponferrada ou a da Mariña.

A dirixente lucense incidiu en que “dende o Partido Popular escoitamos aos nosos gandeiros” e conseguimos en Europa flexibilizar a PAC, reducir a burocracia, dar marcha atrás a algúns dos excesos do Pacto Verde e que a Comisión Europea se posicionara para rebaixar o nivel de protección do lobo. Todo o contrario que o Goberno de Sánchez que se nega a escoitar ás comunidades lobeiras. Defende o lobo por riba dos gandeiros”, condenou.

Elena Candia lembrou tamén “a falta de implicación do Goberno de Sánchez para o mantemento do emprego en Alcoa”, a única fábrica de produción de aluminio primario en España. “Prometeran moitas cousas, pero o certo é que o Executivo estatal segue sen promover instrumentos públicos de apoio: nin garante un marco enerxético estable – non hai un estatuto electrointensivo verdadeiramente eficaz, non axiliza os parques eólicos nin os contratos de longa duración (PPAs) para abaratar o prezo da luz…- nin aclara se está disposto a unha intervención pública instrumental e temporal para buscar un comprador solvente, como si fixo con outras industrias estratéxicas a través da SEPI”.

A presidenta do PP de Lugo pediu o voto para o Partido Popular do “sentido común” fronte ao “PSOE e BNG con candidatas como Teresa Ribera, que é a socialista máis ecoloxista, ou Ana Miranda que se presenta en coalición cos independentistas vascos e cataláns e se alía cos verdes en Europa que, entre outras cousas, prohibiron a pesca de arrastre no Atlántico Norte prexudicando gravemente á flota mariñá”.

Así, a popular agarda que o vindeiro domingo 9 de xuño ás urnas se enchan de papeletas ao Partido Popular igual que nas municipais, nas xerais e nas autonómicas. “O Partido Popular é o partido do rural, o do mar, o da xente moza e tamén o dos nosos maiores, o das políticas para xerar oportunidades para os lucenses, o que aposta pola conciliación e o acceso á vivenda e o que defende favorecer o emprendemento, o mantemento e a creación de empregos e o impulso industrial responsable”.

Alfonso Rueda fai un chamamento á mobilización nas europeas apelando a unha vitoria como a das autonómicas: “Toca defender Galicia máis que nunca e demostraremos que sabemos facelo”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, incidiu hoxe no moito que significa Europa para Galicia e, apelando á vitoria acadada nas autonómicas, animou aos seus a facer posible un novo éxito electoral o próximo 9 de xuño: “Toca defender Galicia máis que nunca e demostraremos que sabemos facelo”.

A unha semana das eleccións ao Parlamento Europeo, insistiu en que é o momento de “pisar o acelerador” e mobilizarse como nunca. “Non pode haber escusas, nin pereza, nin conformismo. Temos que demostrar o mesmo esforzo, as mesmas ganas e o mesmo impulso de sempre”, subliñou.

Ante a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o líder dos populares galegos incidiu na importancia de Galicia para Europa e remarcou que o PPdeG non vai fallar: “Farémosvos sentir orgullosos dándolle ao Partido Popular Europeo e a Alberto Núñez Feijóo unha vitoria como a do pasado 18 de febreiro”.

Referíndose precisamente á asistencia de Von der Leyen á tradicional Romaría Popular do Pino, Rueda amosouse convencido de que, coa súa presenza aquí, demostra non só que “Galicia se ten cada vez máis en conta” e que o partido “está máis forte que nunca”, senón tamén que “a nosa terra é o final de todos os camiños”.

“Para parar aos que queren illar Galicia e aos que aínda a estas alturas seguen falando de cousas como a autoderminación dos pobos, temos que activarnos como nunca. Europa, España e Galicia meréceno”, concluíu dirixíndose ás case 5.000 persoas que este mediodía encheron a Área Recreativa da Magdalena do concello coruñés do Pino.

Un concello que volveu ser hoxe punto de encontro para a gran familia do Partido Popular e no que se deron cita –ademais de Rueda, Von der Leyen e Feijóo– os candidatos Dolors Montserrat, Esteban González Pons, Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón; así como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo.