O Parlamento galego solicita que a Xunta continúe estendendo o programa Xantar na casa a máis concellos e máis usuarios

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se insta á Xunta a que continúe estendendo o programa Xantar na casa para que un maior número de galegos poidan beneficiarse
do mesmo.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, sinalou que “os bos resultados obtidos e a excelente valoración por parte dos usuarios, e tamén das súas familias, lévanos a incidir na conveniencia de que o programa Xantar na casa se amplíe a un maior número de concellos e de posibles beneficiarios”.

O programa Xantar na casa é un servizo de proximidade que desenvolve a Xunta en colaboración cos concellos e que consiste na subministración de comidas no propio domicilio das persoas usuarias. Esta iniciativa ten como obxectivo principal garantir unha dieta saudable, adaptada e equilibrada ás necesidades específicas de cada usuario, principalmente persoas maiores e que viven soas.

Na actualidade, o Goberno galego reparte a través deste programa máis de 17.000 menús semanais a máis de 2.000 persoas espalladas por máis de 200 concellos. A Xunta financia o 50 por cento da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do concello e dos usuarios a partes iguais.

A comida repártese nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana, polo que o usuario so ten que quentala antes de consumila. Ademais, facilítanselles os electrodomésticos necesarios en caso de que non os teñan, como neveira ou microondas.

O Parlamento galego pide desenvolver un novo Plan de saúde mental de Galicia para fortalecer a saúde pública e dotar de máis recursos neste ámbito

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se insta á Xunta desenvolver un novo Plan de saúde mental de Galicia, como oportunidade para avanzar no fortalecemento da saúde pública, actualizar os programas e intervencións, e dotar de máis recursos nete ámbito sanitario. Así mesmo, pídese continuar desenvolvendo proxectos psicoeducativos entre a mocidade galega, impulsando recursos e programas que dean resposta ás características específicas médicas e psicosociais daqueles que a idades temperás presentan un trastorno mental ou risco de padecelo.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, lembrou que o Plan de saúde mental de Galicia 2020-2024 conta cunha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros, o que supuxo un incremento anual do gasto en saúde mental de 17 millóns de euros. “Agora xa está anunciado un novo Plan de saúde mental 2025-2030, porque a saúde mental e, máis concretamente, a saúde infanto-xuvenil é de primordial importancia para o Goberno de Alfonso Rueda, como o demostra o feito da recente creación dunha Subdirección específica de saúde mental”, afirmou.

CUMPRINDO OBXECTIVOS

Na súa intervención, Encarna Amigo fixo un repaso do grao de cumprimento dos obxectivos do Plan de saúde mental e, sobre a contratación de persoal, creáronse o 100 por cento das prazas recollidas través das leis de orzamentos e actualmente xa están cubertas máis do 60 por cento das prazas, con persoal contratado a tal efecto ou que obtivo estas prazas polos distintos mecanismos de oferta.

“Ademais, co obxectivo de darlle a máxima estabilidade a esas prazas, na oferta pública de emprego deste ano para prazas de difícil cobertura convocáronse, para adxudicación en propiedade, 175 destas prazas para profesionais da saúde mental: concretamente 44 de psiquiatría, 37 de psicoloxía e 94 de enfermaría especialista”, engadiu.

En canto ao compromiso da posta en marcha dos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil, neste momento xa están en funcionamento unidades nas sete cidades galegas, así como unidades de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil no Hospital de Santiago e no Álvaro Cunqueiro de Vigo. Ademais, creáronse sete unidades de prevención intensiva do suicidio, unha por cada área sanitaria, que xa atenderon a máis de 1.500 persoas.

Para rematar, Encarna Amigo destacou o aumento do ratio de profesionais da psicoloxía clínica, desde 3,4 profesionais por cada 100.000 habitantes no 2020 a 5,2 por 100.000 habitantes na actualidade. Así mesmo, aumentouse o ratio de psiquiatras desde os 7,4 por 100.000 en 2019 a 8,6 na actualidade.

O PPdeG reivindícase como “o partido da mocidade” con medidas como a gratuidade da matrícula universitaria e a ABAU común

O Partido Popular de Galicia reivindicouse hoxe como “o partido da mocidade galega” como a gratuidade da matrícula ao longo de toda a carreira universitaria ou o acordo para “acabar coas desigualdades entre comunidades” cunha ABAU común e máis xusta.

En declaracións aos medios esta mañá en Santiago de Compostela –acompañada pola presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira e o coordinador de Educación do PPdeG, Ovidio Rodeiro­–, a secretaria xeral do PPdeG insistiu na aposta do seu partido por “premiar e estimular o esforzo do alumnado” e de aí medidas pioneiras impulsadas desde Galicia.

Medidas como a proposta dunha ABAU común a partir de 2025 formalizada esta semana nun acordo asinado polas 12 comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, que representan ao 70% do alumnado español, e coa que se pretende poñer fin aos “17 camiños distintos” que existían ata o de agora nesta proba e que prexudicaban aos mozos e mozas galegas.

“Galicia lidera o debate a nivel nacional e logramos sacar adiante a nosa postura, dando solucións onde o Goberno central e os seus socios só ofrecen división, mantendo a nosa autonomía e competencias, pero cunha mellor coordinación”, explicou Paula Prado subliñando que este pacto “se axusta á lei e blinda as singularidades da nosa Comunidade, especialmente en todo o que respecta á nosa lingua propia”.

No que se refire á gratuidade da matrícula universitaria á que deu luz verde o Consello da Xunta este luns, a número dous dos populares galegos recordou que o presidente Alfonso Rueda comprometera en campaña electoral que esta medida sería unha realidade nos primeiros 100 días de goberno e “aquí temos o resultado”.

“Galicia foi pioneira coa conxelación das taxas universitarias, tamén ratificada para o vindeiro curso por décimo cuarto ano consecutivo, e agora damos un paso máis coa gratuidade da matrícula”, engadiu ao respecto.

Prado quixo aproveitar tamén a ocasión para animar á mocidade galega a “seguir apostando polo partido que mellor defende os seus dereitos” cun apoio maioritario como o acadado o pasado 18 de febreiro, no que máis do 40% dos mozos e mozas galegas escolleron a papeleta do PPdeG.