O Grupo Popular pide ao Goberno central unha actuación urxente na construción das autovías comprometidas con Galicia e no arranxo e mantemento das estradas da súa competencia

O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, amosou hoxe a preocupación pola situación das estradas de titularidade estatal en Galicia, polo que pediu unha actuación urxente do Goberno central tanto na construción das novas autovías comprometidas como no arranxo e mantemento das estradas da súa competencia.

Julio García lembrou que o Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España un compromiso real e efectivo para a construción de infraestruturas viarias vitais. “Estamos a falar de novas autovías fundamentais para a conexión por estrada de Galicia coa Meseta, así como a propia vertebración interior da nosa comunidade, como son as autovías A-56, entre Lugo e Ourense; A-52, no acceso a Vigo; A-74, que conecta A Mariña Lucense; e A-76, de Ourense a Ponferrada”, concretou..

NO FURGÓN DE COLA DAS PRIORIDADES DO GOBERNO CENTRAL

“Lamentablemente, todas elas deben figurar no furgón de cola entre as prioridades do Goberno de Pedro Sánchez, porque ano tras ano os galegos asistimos con resignación a súa ausencia nos plans de actuacións viarias estatais”, indicou, para incidir que “este agravio comparativo respecto ao trato que reciben outras comunidades autónomas non nos vai facer decaer no desánimo e desde o Partido Popular de Galicia imos seguir insistindo na solicitude ao Goberno de España para que se poña mans á obra e leve adiante estes proxectos vitais para a nosa comunidade”.

O viceportavoz popular tamén demandou ao Goberno central atención ás infraestruturas da súa competencia xa existentes en Galicia, levando a cabo as actuacións necesarias de mantemento para garantir un tránsito seguro e cómodo polas mesmas.

Así, referiuse á A-8, que conecta Galicia con Asturias, na que “seguimos á espera de que o Ministerio de Transportes adopte unha solución definitiva ao problema de tráfico nesta vía cada vez que a néboa aparece polos cumios de Mondoñedo ou Abadín”.

“Pero é que, o que resulta moi preocupante, é que a vía alternativa a A-8 cando a néboa obriga a prohibir o tráfico por esta autovía, é dicir, a estrada N-634, presenta un estado máis que deficiente, o que fai preciso unha actuación urxente para a renovación da capa de rodadura, a mellora da sinalización, o balizamento e o peche de tramos para evitar a entrada de animais á calzada”, dixo o viceportavoz popular, a pesar de que existe un proxecto de intervención redactado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2017, “pero que o Goberno de Pedro Sánchez ten gardado nun caixón desde hai sete anos, facendo caso omiso das reclamacións realizadas desde distintas institucións, entre elas este Parlamento de Galicia”.

AGOCHAR O ABANDONO DE ANOS DA A-6 E A-52

Respecto das autovías A-6 e A-52, García Comesaña sinalou que “de pouco serve que o Ministerio de Transportes teña recoñecido o mal estado do firme destas dúas autovías, froito do abandono que sufriron durante moitos anos sen actuación algunha nas mesmas”. Neste sentido, apuntou que agora o Ministerio de Transportes “intente agochar este abandono coa realización de actuacións de emerxencia no firme destas dúas autovías, cando o que realmente precisan estas autovías é un reacondicionamento integral do firme, para o que fai falta vontade e orzamento que, lamentablemente, o Goberno de Pedro Sánchez non ten con Galicia”.

Para rematar, Julio García Comesaña referiuse á AP-9 e avanzou que o Goberno de Pedro Sánchez “vai xustificar a súa negativa tanto a transferencia a Galicia desta autopista como a eliminación das peaxes en motivos económicos, máis desde que comprobamos que, cada vez que o señor Puente fala, sube o prezo da transferencia e da concesión: pasou dunha cifra de entre 1.260 millóns e 2.600 millóns de euros para a transferencia; á última cifra de 6.000 millóns para esa mesma concesión”. “Son cifras que van incrementando segundo aumentan as incongruencias e as contradicións dos dirixentes socialistas respecto da AP-9”, engadiu.

“Desde o Grupo Popular nunca nos cansaremos de pedir rigor ao Goberno de Pedro Sánchez á hora de afrontar tanto a transferencia como a gratuidade da AP-9, máxime cando os propios socialistas prometeron durante a campaña electoral o levantamento das peaxes nesta autopista”, manifestou