O PPdeG insiste na necesidade dun maior compromiso por parte do Goberno central para que a conexión por AVE de Galicia e Portugal “sexa unha realidade canto antes”

Os populares demandan unha programación completa de actuacións e investimentos na liña de alta velocidade Vigo-Porto na que se priorice a Saída Sur, así como a modernización e mellora do servizo que presta actualmente o denominado Tren Celta

“Este proxecto ten razón de ser, pero só se se afronta cunha visión ampla e integradora, cun ánimo estruturado e coordinado e respectando as prioridades manifestadas”, subliñan poñendo en valor o compromiso de Alfonso Rueda e do Goberno luso con esta infraestrutura

 

O Partido Popular de Galicia insiste na súa demanda dun maior compromiso por parte do Goberno central no impulso da liña de alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa para que a conexión de AVE entre Galicia e Portugal, que consideran prioritaria e estratéxica, “sexa unha realidade canto antes”.

Por iso, a través dunha moción rexistrada no Senado a iniciativa de Nidia Arévalo e o resto de senadores galegos do Grupo Popular, urxen ao Executivo a desenvolver unha “programación completa de actuacións, investimentos e calendario” para a conexión Vigo-Porto que dea prioridade da Saída Sur e sexa “acorde tanto ao seu potencial de uso como á súa rendibilidade en termos de vertebración territorial e desenvolvemento socio-económico”.

En tanto non se materialice a citada conexión de alta velocidade, reclaman ademais a modernización do material móbil e as condicións de servizo do denominado Tren Celta “para facer posible esta viaxe nun tempo máximo dunha hora”. Xa que, tal e como denuncian, a actual conexión ferroviaria entre Porto e Vigo “ronda as dúas horas e media na duración do traxecto, conta cun material obsoleto e ofrece unhas condicións de servizo desactualizadas”.

Os populares aproveitan para poñer en valor o manifesto conxunto asinado o pasado 2 de xullo en Valença do Minho polo presidente Alfonso Rueda e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, no cal se ratifica o compromiso que ambas partes veñen demostrando coa conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Portugal ao longo dos últimos anos.

Un compromiso que, ademais, viña de ser renovado na reunión celebrada o 23 de maio en Lisboa entre o presidente Rueda e o responsable de Infraestruturas do Goberno luso, na que se fixou o ano 2032 como data de posta en servizo desta infraestrutura estratéxica.

“Este proxecto ten razón de ser, pero só se se afronta cunha visión ampla e integradora, cun ánimo estruturado e coordinado para alcanzar os mellores resultados e respectando as prioridades que ata o de agora foron manifestadas”, conclúen os representantes do PPdeG no Senado no texto da súa moción.