O Grupo Popular solicita “dunha vez por todas” que o Goberno central priorice o Corredor Atlántico porque o noroeste peninsular “non merece ser menos que ninguén”

O viceportavoz do Grupo Popular Julio García Comesaña anunciou hoxe en rolda de prensa unha iniciativa parlamentaria encamiñada a que o Goberno central “priorice, dunha vez por todas o Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias porque o noroeste peninsular non merece ser menos que ninguén”.

“Fartos do desprezo a unha rede que consideramos prioritaria para a UE e todo o noroeste, insistimos na necesidade de incluíla entre os proxectos que optan a financiamento europeo, como un dos tramos imprescindibles na rede ferroviaria transfronteiriza” indicou Julio Garcia.

O viceportavoz popular sinalou que, nese sentido, a iniciativa popular solicita que se incorpore no plan director o investimento de 8.000M€ adicionais co obxecto de avanzar nas actuacións e compromisos que Galicia, Asturias e Castela e León teñen identificadas como prioritarias no desenvolvemento desta infraestrutura estratéxica.

“Parece que ao Goberno de España só lle interesa as comunidades que lle son precisas para comprar socios cos que se poida manterse na Moncloa e abandona o noroeste peninsular ao contrario que está a ocorrer co Corredor Mediterráneo, que ten recibido 165M€ nos dous últimos anos” indicou Julio García.

Para o parlamentario popular “Galicia non pode permitir estes agravios, lamentamos esa fuxida do Goberno central e seguiremos sendo firmes defensores dunha política xusta para a nosa comunidade”, sinalando así mesmo que na iniciativa presentada no Parlamento tamén demandarán o impulso dun plan extraordinario de investimentos para a modernización do ferrocarril de mercadorías “que equilibre e compense o escaso desenvolvemento que sufrimos nesta materia”.

“Porque xa está ben de tomarlle o pelo aos galegos, de priorizar uns territorios en detrimento doutros, de fomentar a desigualdade en todos os ámbitos, de xerar problemas en vez de solucionalos e de ningunear a unha comunidades e favorecer a outras tan só por intereses electorais e partidistas” indicou Julio García.

GALICIA PIONEIRA NA REGULACIÓN DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL

O viceportavoz popular tamén resaltou na rolda de prensa que o Parlamento está xa a traballar no desenvolvemento da lei galega que regula a intelixencia artificial (IA). Nese sentido, sinalou que Galicia será a primeira comunidade autónoma en ter unha lei que garantirá o bo uso desta tecnoloxía na Administración e que protexerá os dereitos da cidadanía.

“Seremos tamén unha das primeiras rexións de Europa en desenvolver esta tecnoloxía, como unha folla de ruta para orientar, ao servizo da cidadanía para a súa aplicación por parte da sociedade e do tecido produtivo, cunha normativa acorde co Regulamento europeo que entrou en vigor o pasado día 1 de agosto” indicou Julio García.

Esta lei fixará os principios éticos reitores do deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA e recoñece a cidadanía, con carácter vinculante, unha serie de dereitos e establece un marco legal uniforme en liña cos valores e a normativa establecida polas institucións europeas.

Así mesmo, indicou, esta lei aumentará a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado a Galicia e implementa sistemas de formación e capacitación en materia de IA na nosa Comunidade.

Julio García sinalou que o anteproxecto de lei da IA en Galicia recibiu 12 alegacións e foi compartido con entidades do ámbito europeo, estatal e autonómico, así como coas tres universidades galegas. Tamén foi presentada na Comisión de expertos para o asesoramento no uso ético da IA en Galicia, no Consello técnico asesor en IA e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia, na Confederación de Empresarios de Galicia e aos grupos parlamentarios no Parlamento de Galicia.

Lembrou tamén Julio García que Galicia ten un especial protagonismo neste ámbito, xa que A Coruña será sede da AESIA (Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial) porque o Goberno da Xunta formalizou a súa candidatura, un proxecto de país no que a Xunta contou co apio, unión e compromiso do tecido empresarial galego.

PARTICIPACIÓN GALEGA NOS XOGOS OLÍMPICOS

O viceportavoz popular tamén aproveitou a rolda de prensa para felicitar aos deportistas que participaron nos Xogos Olímpicos de París, que veñen de rematar esta fin de semana, e nomeadamente aos galegos polo seu esforzo, entrega e compromiso que sen dúbida tiveron para chegar a participar nestes Xogos.

“Mandamos un agarimoso saúdo aos 5 medallistas e os 11 diplomas olímpicos galegos e ao resto da delegación galega polo seu esforzo ao longo deste tempo e nos congratulamos dos grandes deportistas de alto nivel que existen na nosa Comunidade” sinalou Julio García.