Paula Prado: “Se o Goberno central consegue aprobar os Presupostos Xerais, nacerían mortos”

“Por unha banda, porque estarían sustentados polo independentismo catalán e vasco, e por outra, porque contarían co cheque en branco do BNG, que unha vez máis sería enganado con papel mollado”, sinala

Lembra que entre 2018 e 2023, o incremento medio de investimento territorial foi en Galicia a metade que en España, e en 2023, as empresas públicas deixaron de executar aquí 4,2 de cada 10 euros

O PPdeG celebra este sábado en Cerdedo-Cotobade o inicio do curso político, onde intervirán os presidentes Rueda e Núñez Feijóo

 

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, adiantou hoxe que se o Goberno central consegue aprobar os Presupostos Xerais do Estado de 2025, tal e como anunciou esta semana, estes “nacerían mortos”.

“Por unha banda, estarían sustentados polo independentismo catalán e vasco, sen concesións ao resto de comunidades autónomas, e por outro lado, no caso de Galicia, nacerían mortos porque contarían co cheque en branco do BNG, que unha vez máis sería enganado con papel mollado”, sinalou Prado.

A isto sumaríaselle, ademais, a escasa execución orzamentaria “ano tras ano” desde que Sánchez é presidente, tal e como demostrou con datos a número dous dos populares galegos: entre 2018 e 2023, o incremento medio de investimento territorial en España foi do 31%, mentres o de Galicia foi a metade: o 15%; e en 2023, as empresas públicas, que son o auténtico brazo inversor do Estado nos territorios, deixaron de executar 4,2 de cada 10 euros do orzado en Galicia.

“Desde 2018, Sánchez sempre penalizou o investimento territorial en Galicia. É a constatación de que non lles perdoa aos galegos que cada vez que hai eleccións leven os resultados do PSOE a ser os peores da súa historia, mentres lle outorgan unha maioría absoluta tras outra ao Partido Popular”, lamentou.

Paula Prado sinalou que “non se sabe ata onde están dispostos a chegar”, pero o Partido Popular de Galicia seguirá “vixiante”. “Está claro que máis Sánchez significa menos Galicia”, concluíu.

Por todo isto, a secretaria xeral recomendoulle ao Goberno de Sánchez que “deberían facer unha cousa: aprender de Galicia”, subliñando que o Executivo galego xa aprobou o teito de gasto máis alto da súa historia e que vai camiño de aprobar en tempo e forma os seus décimo sextos Orzamentos consecutivos.

 

INICIO DO CURSO POLÍTICO EN CERDEDO-COTOBADE

Precisamente, que Galicia non quere máis que ningunha outra comunidade, pero tampouco merece ser menos, será un dos temas centrais do inicio do curso político do PPdeG que terá lugar no mediodía deste sábado na Carballeira de San Xusto de Cerdedo-Cotobade. “Este verán, o Goberno central volveu demostrar que só ten ollos para aquelas comunidades e aqueles partidos que cumpren coas súas chantaxes. E a partir de aí, a desigualdade é absoluta, rompendo con esa cohesión que fai forte ao noso Estado”, engadiu Paula Prado.

En Cerdedo-Cotobade estarán os presidentes do PPdeG, Alfonso Rueda, e do PP, Alberto Núñez Feijóo, ademais de membros do Comité de Dirección do PP nacional, o presidente de honra Mariano Rajoy e líderes autonómicos.

O PPdeG afronta o novo ano político “con ilusión e, sobre todo, coa seguridade de que é a única opción que asegura a estabilidade e a prosperidade da Comunidade”.

De feito, inicia o curso como o partido galego maioritario no Parlamento de Galicia, con 40 deputados e deputadas; no Congreso, con 13 deputados; no Senado, con 14 senadores; e no Parlamento Europeo, con 2 eurodeputados. Ademais, é a formación con máis alcaldes, un total de 151, e máis concelleiros, 1.775 —tamén é o partido líder en mulleres alcaldesas e concelleiras—. “Contamos con todos eles para que os galegos e as galegas sigan tendo o máximo benestar e o mellor futuro”, dixo Prado.

“Celebramos que o presidente Feijóo volva elixir Galicia para iniciar o curso por terceiro ano consecutivo. O encontro servirá de impulso para os próximos meses da Galicia que funciona liderada por Alfonso Rueda e da España que funciona liderada por Núñez Feijóo”, salientou a secretaria xeral.

Por último, desexou sorte aos 14 deportistas galegos que participan desde hoxe nos Xogos Paralímpicos e trasladou o seu pésame polo falecemento do presidente e editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre.