O PPdeG celebra mañá un acto de inicio do curso político “ilusionante” no que trasladará as “reivindicacións” do futuro de Galicia e de toda España

O PPdeG celebrará mañá en Cerdedo-Cotobade o inicio do curso nun acto “ilusionante” no que trasladará as “reivindicacións políticas” para o futuro de Galicia e de toda España, coa presenza do presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente autonómico, Alfonso Rueda.

“Temos por diante un curso importante no ámbito da igualdade de todos os españois. Galicia non quere ser máis que ninguén, pero tampouco quere ser menos que outros territorios que están constantemente chantaxeando ao Goberno central. Sánchez está cedendo a esas chantaxes, e iso está prexudicando enormemente a comunidades como a nosa”, sinalou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que visitou esta mañá os traballos de montaxe.

O acto terá lugar na carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, a partir das 12 do mediodía, e tal e como anunciou Prado, estarán presentes os líderes autonómicos de Castela e León e da Comunidade Valenciana, Alfonso Fernández Mañueco e Carlos Mazón, así como o presidente de honra do PPdeG Mariano Rajoy e unha parte moi importante do equipo de dirección do PP nacional, entre outros.

A número dous dos populares galegos agradeceu que Alberto Núñez Feijoo elixira unha vez máis Galicia para iniciar o curso político: “Desde aquí seguirémoslle dando todo o noso apoio a el e ás súas políticas, porque estamos seguros de que moi pronto será o presidente de España”.

Así mesmo, Paula Prado subliñou que a formación afronta o acto “con especial ilusión”, tendo en conta que se celebra no ano no que tivo a lugar a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda. “Foi un dos obxectivos que nos puxemos hai xusto un ano, en Soutomaior, e agora celebramos que o cumprimos, non só co triunfo electoral, senón cun Goberno da Xunta de Galicia que xa puxo en marcha moitas das medidas comprometidas durante a campaña”, salientou.

Outra das metas do pasado curso, lembrou, eran as eleccións europeas, e o PPdeG obtivo dous “magníficos” eurodeputados que defenderán os intereses de Galicia en Bruxelas, “onde se deciden cuestións moi relevantes”, e que ademais “estarán traballando a tempo completo, a diferenza doutros que parece que van a estar a tempo parcial, como a representante do BNG”.

Precisamente, os populares reivindicarán en Cerdedo-Cotobade “a política de sentidiño e estabilidade, afastada dos radicalismos que marcarán o inicio do curso político do BNG con exemplos como o apoio á ditadura de Maduro”.

“Galicia non quere esa forma de facer política e nós seguiremos apoiando a liberdade e a democracia que busca o pobo venezolano, moitos deles veciños e veciños da nosa terra que están moi preocupados polas súas familias e amigos que residen en Venezuela baixo unha ditadura e un réxime autoritario”, rematou Prado.

LUIS LÓPEZ: “A PROVINCIA, CENTRO DAS MIRADAS DE ESPAÑA”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, asegurou que Pontevedra “está lista para ser mañá o centro das miradas de toda España e tamén para que soe con moita forza a voz que di que somos o partido da unidade, da moderación e da defensa da igualdade dos españois”.

En clave provincial, López, sinalou o ciclo electoral “sobresaínte”, que deu inicio co “éxito colectivo” das 61 agrupacións locais e a recuperación da Deputación de Pontevedra, e que continuou coa importante contribución ás vitorias nas eleccións xerais, nas autonómicas e nas europeas.

Un “sobresaínte electoral” que contrasta, dixo, “co suspenso claro que teñen nacionalistas e socialistas: un cero en canto a defensa dos intereses da provincia”. “Refírome a temas de financiamento ou infraestruturas, á rede ferroviaria, a todos os atrasos que hai nos trens día tras día, á xestión da  AP-9 ou ao estado das estradas nacionais”, abundou.

“Mañá certificarase aquí que estamos preparados para proporcionar solucións aos grandes problemas que ten a cidadanía a día de hoxe en toda España”, finalizou o presidente provincial.

“IMPACTO E TRANSCENDENCIA” PARA CERDEDO-COTOBADE

Por último, o alcalde anfitrión, Jorge Cubela, mostrouse “moi orgulloso” de volver acoller o acto: “Na agrupación local estamos moi contentos de que se volva celebrar no noso concello, nesta magnífica carballeira que tanto simboliza para o PP despois dun exercicio onde acadamos a maioría absoluta no Parlamento de Galicia”.

Cubela fixo ademais fincapé na “unidade” do Partido Popular e en que os concellos do rural, como Cerdedo-Cotobade, acollan este tipo de actos. “Estamos moi satisfeitos do impacto e da transcendencia a nivel nacional que ten o noso pobo no inicio do curso político”, valorou.