Alfonso Rueda reivindica o “estilo Galicia” e rebélase contra o financiamento singular para Cataluña: “Non permitiremos que se beneficie a uns a costa de prexudicar aos demais”

Alfonso Rueda reivindicou hoxe no acto de inicio do curso político o “estilo Galicia” que fai da nosa Comunidade unha terra de traballo, convivencia e respecto tanto polo benestar individual como polo común nuns momentos nos que “hai que defender o que interesa a cada territorio sen prexudicar ao conxunto” e rebelarse contra medidas que “benefician a uns e non aos demais”.

“Os galegos somos pouco de discutir e moito de traballar. Somos pouco de divisións e moito de convivir. Somos moito de saber o que verdadeiramente importa, de pensar no que lle importa a Galicia tendo en conta tamén o que lle importa aos demais”, explicou ao tempo que apostaba pola solidariedade e a igualdade como principios dun sistema autonómico que “é un tesouro a conservar entre todos”.

O líder dos populares galegos subliñou que “Galicia non vai renunciar a nada do que lle corresponde nin admitirá ningún tipo de discriminación” e que, de feito, a nosa Comunidade será “a primeira” en dar a batalla para “garantir que non se tome ningunha decisión que prexudique ao conxunto”.

“Non van conseguir que nos pelexemos polos restos do banquete que se quere dar o independentismo porque, en todo o que dependa de nós, non haberá banquete. Non haberá outra cousa que xustiza e solidariedade. Porque se nos sentamos entre todos, ninguén ten que perder e todos podemos gañar”, concluíu rebelándose contra a proposta de financiamento singular do Goberno central a Cataluña.

A GALICIA QUE CUMPRE COA PALABRA DADA

Rueda asegurou que aqueles que “menten por sistema, cren que todo é cháchara política e formulan enfrontamentos onde debería haber cooperación” non contarán nunca co apoio do Goberno “responsable, con sentidiño e de palabra” que el preside e que os galegos apoiaron maioritariamente nas urnas o pasado 18 de febreiro.

“Non queremos outra cousa que seguir gobernando sen perder o tempo nin distraernos, seguir traballando para dar a Galicia o nivel de servizos que se merece, seguir defendendo á nosa xente e seguir apostando pola estabilidade”, sinalou amosando o seu orgullo de que, entre outras cousas, Galicia sexa “a comunidade que máis apoia ás familias” e tamén “a primeira onde a que os que se esforzan poden estudar gratis desde o principio ata o final do ciclo educativo”.

Avogou así mesmo por “seguir apostando por unha sanidade de primeira”, facendo fincapé en que a sanidade pública galega “estivo á altura” nun verán como este, que se presentaba complicado “pola falta de toma decisións do Goberno central” e no que os nosos sanitarios “coidáronnos especialmente ben a nós e a todos os que viñeron a visitarnos”.

“Seguiremos sendo un Goberno que planifica desde a responsabilidade, que ten claro o que quere facer e como conseguilo e que seguirá cumprindo os seus compromisos como fixo nestes primeiros 100 días executando vivenda pública, implantando a matrícula universitaria gratuíta e reforzando a sanidade e a educación”, sintetizou antes de lamentar a ausencia dunha oposición “forte e responsable” en Galicia.

Afeou deste xeito ao BNG que “se deixe tomar o pelo por sistema ante as incontables promesas incumpridas de Pedro Sánchez” e que “prefira quedar ben cos seus socios independentistas antes que con Galicia”. Amosándose especialmente belixerante ante o feito de que aos nacionalistas galegos lles “parezan mellor que Galicia eses réximes ditatoriais que apoian sen importarlle o sufrimento dun pobo venezolano que, ao final, conseguirá facer triunfar a democracia”.

Do mesmo xeito que amosaba a súa alegría porque o PPdeG non sexa como o BNG, Rueda afirmou alegrarse de non ser tampouco como un PSdeG “irrecoñecible, esvaecido, capaz de facer unha cousa e a súa contraria e que se limita a obedecer ao seu amo no que faga falta e cando faga falta”.

“PARA O GOBERNO CENTRAL GALICIA É O ÚLTIMO”

O líder dos populares galegos lamentou que aínda non fose recibido na Moncloa polo presidente do Goberno de España cando este si recibiu xa ao presidente do País Vasco e aos dous últimos presidentes de Cataluña. Algo que Rueda considera demostrativo de que “para o Goberno central o primeiro é Sánchez, o segundo é Sánchez, o terceiro é Sánchez e o último é Galicia”.

“Esperar a ser recibido sería o de menos se polo menos o Goberno central funcionara con Galicia. Pero non o fai: nin hai iniciativas, nin investimentos, nin posturas responsables coas nosas demandas”, afirmou apostando porque “canto antes” Alberto Núñez Feijóo poida ser “o presidente que España merece e Galicia necesita para reverter esta situación”.

Facendo un relato das probas do desleixo do Executivo estatal coa nosa Comunidade, o presidente puxo como exemplo a situación duns servizos ferroviarios que “funcionan peor que nunca en Galicia” ante a “chulería dun ministro de Transportes tuitero que non se dá conta da paciencia e comprensión que demostramos día a día logo de anos esperando polos trens de Alta Velocidade e por unhas infraestruturas que merecemos como os que máis”.

Tamén se referiu á “supostamente galega” ministra de Traballo e á súa oposición a investimentos que precisamente crean postos de traballo e ademais contribúen a xerar riqueza para Galicia e que a xente poida vivir na nosa Comunidade. Unha postura que, tal e como defendeu o líder dos populares galegos, “non vai de empresas concretas, senón de actitudes e de crear riqueza ou impoñer a ideoloxía”.

“Entre ideoloxía e traballo, en Galicia imos escoller sempre o traballo. Entre dogmas ou crecemento económico, nós imos escoller crecemento económico. E entre desenvolvemento industrial ou protección medioambiental, non temos que escoller porque ambas son compatibles”, explicou para concluír que o PPdeG “garantirá todo iso sen ter que elixir”.

UNHA TERRA ABERTA E ACOLLEDORA

Alfonso Rueda tamén dedicou unha parte importante da súa intervención a defender a todas as persoas que ao longo deste verán visitaron Galicia “con sentidiño” e descubriron unha terra na que “todo o mundo é benvido”.

“Estamos orgullosos da xente que nos admira, que nos respecta e que se marabilla cando vén a Galicia e descobre o que temos aquí. Somos xente de brazos abertos que agradecemos que se nos valore e se nos axude a medrar grazas ao turismo”, subliñou contrapoñendo esta actitude con aqueles que “só se representan a si mesmos ao crer que o que nos debería facer orgullosos e que é de todos é só seu”.

A toda esa Galicia “minoritaria, enfurruñada e á que lle molesta todo ao que os demais nos alegra”, o presidente dirixiuse asegurando que “Galicia seguirá traballando como un pobo aberto e encantado de que cada vez sexan máis as persoas que queren visitarnos, descubrirnos e coñecernos”.