O Grupo Popular pedirá no Pleno ao Goberno central que mellore o servizo de transporte ferroviario e recoñeza a Edmundo González como presidente electo lexítimo de Venezuela

O Grupo Popular demandará no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana que o Goberno central mellore o servizo de transporte ferroviario en Galicia, reforzando os servizos e incrementando o número de prazas, e lidere, diante da Unión Europea, o recoñecemento de Edmundo González como presidente electo lexítimo de Venezuela, condenando a política de criminalización por parte do réxime de Nicolás Maduro.

Neste sentido, proporá que o Parlamento galego manifeste o seu apoio e adhesión ás iniciativas de protesta pacífica organizadas pola oposición venezolana e polos exiliados residentes en España, nas que se proclama a fin da represión, o inicio dun proceso de transición cara a democracia e un plan de recoñecemento e respecto aos resultados electorais en Venezuela.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, comezou a súa comparecencia ante os medios amosando o seu pesar polo recente pasamento do editor de La Voz de Galicia e polo ex alcalde de A Lama Jorge Canda.

Respecto da orde do día da sesión plenaria, Alberto Pazos informou que inclúe a comparecencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, por petición propia, para informar sobre o inicio do curso escolar, “que vai supoñer o inicio da maior modernización do sistema educativo galego nos últimos 30 anos, mellorando tanto a atención ao alumnado, como as condicións do profesorado e o funcionamento dos centros de ensino”.

En concreto, o portavoz popular salientou que neste curso dará comezo, cos alumnos de 4ª de infantil, a rebaixa do número de alumnos por aula, que se estenderá progresivamente ao resto de etapas educativas; mantendo o número de aulas nas etapas de infantil de primaria, a pesar de ter 4.000 alumnos menos matriculados; e coa incorporación de 400 novos profesores aos centros educativos galegos, co obxectivo de mellorar a atención ás necesidades específicas dos alumnos e avanzar no modelo de ensino inclusivo que xa caracteriza á educación galega.

MELLORA DO FERROCARRIL

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular insistirá na mellora do servizo de transporte ferroviario en Galicia, logo dos numerosos problemas que padeceron os usuarios ao longo deste verán. Así, reiterará a necesidade de que se recuperen as frecuencias suprimidas pola pandemia, adoptando as medidas necesarias para que a oferta dispoñible en conexións e horarios responda ás necesidades reais de cidadanía. Ademais, pedirá que se garanta que cidades como Lugo e Ferrol accedan en pé de igualdade co resto do territorio á alta velocidade e á intermodalidade.

Alberto Pazos lamentou que “ata o de agora todas as demandas que fixemos ao Goberno de Pedro Sánchez relacionadas co transporte ferroviario caeron en saco roto, polo que hoxe, lonxe de mellorar, a situación na que se atopan estes servizos en Galicia é un exemplo significativo de precariedade e de falta de compromiso por parte dos responsables de Adif, Renfe e o Ministerio de Transporte”.

TRANSICIÓN PARA VENEZUELA

A segundo proposición non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana ten que ver coa situación que se está a vivir en Venezuela polas accións do réxime de Nicolás Maduro e, en particular, pola fraude das eleccións presidenciais do 28 de xullo, ignorando os resultados electorais favorables á oposición.  Neste sentido, Alberto Pazos considerou “incomprensible a tibieza do Goberno de Pedro Sánchez coa ditadura de Maduro, e de formacións políticas como o BNG, que ten afirmado a súa confianza no sistema electoral venezolano, contradicindo todos os informes de organizacións internacionais independentes que acusan ao Goberno de Maduro de falta de transparencia e manipulación electoral”.

Diante desta situación, o Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno de Pedro Sánchez lidere diante da Unión Europea o recoñecemento de Edmundo González como presidente electo lexítimo de Venezuela, e que se produza unha transición pacífica do país cara a unha democracia plena. Ademais, pídese que condene a sistemática política de criminalización, por parte do réxime de Nicolás Maduro, en contra dos cidadáns venezolanos que decidiron exercer os seus dereitos civís e políticos no marco da Constitución venezolana.

A iniciativa inclúe a esixencia para que o réxime de Nicolás Maduro cese de inmediato a represión a líderes de partidos opositores, activistas de dereitos humanos, sindicalistas, xornalistas, testemuñas electorais e demais cidadáns en exercicio dos seus dereitos civís e políticos, así como a violación dos dereitos humanos destas persoas. Ademais, pídese que se facilite a tramitación, por parte das Administracións Públicas, das solicitudes de protección internacional feitas por cidadáns venezolanos que foxen da opresión política e da exclusión económica e social en Venezuela, así como o mantemento por parte da Unión Europea das sancións impostas ao réxime de Nicolás Maduro mentres non existan garantías fidedignas e comprobables dunha transición do país cara a unha democracia plena.

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo resultado das subvencións da Xunta para a mellora de explotacións e incorporación á actividade agrogandeira de mozos e mozas; das axudas concedidas aos concellos galegos para a contratación de socorristas este verán para garantir a seguridade nas praias e piscinas; e o cumprimento por parte do Goberno central do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.